Rodrigo Romaní, director artístico do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, sinalou que a novena edición ten unha proposta ecléctica cunha ampla diversidade estilística con actuacións gratuítas a ceo aberto e en espazos culturais da vila
A novena edición do Noia Harp Fest, o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa, volve o corazón da Ría da Estrela desde este mércores e ata o día 7 de agosto para acoller a artistas chegados de Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña, Polonia e Galicia.
O IX Festival Internacional de Arpa Vila de Noia propón un programa aberto á diversidade musical e estilística, na que o público poderá gozar de actuacións destacadas como a da arpista escocesa Savourna Stevenson, quen se distingue polo seu particular e ecléctico impulso innovador para romper barreiras entre clásico, folk, raíz e jazz. A intérprete acompañarase o sábado 6 de agosto, na Praza do Tapal (22.00 horas) do saxofonista Steve Kettley.
O director artístico do Noia Harp Fest, Rodrigo Romaní, presentou este martes a programación completa do festival, unha proposta ecléctica cunha ampla diversidade estilística e cuxo fío condutor é a interpretación musical a través da arpa. Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio, Anna Amigó, Trío Clepsidra ou Bleuenn le Friec participarán no festival.
O público poderá asistir de maneira gratuíta a concertos tanto a ceo aberto, como é o caso das actuacións que terán lugar nos Xardíns da Central do Tambre ou na Praza do Tapal; coma no interior de recintos culturais da vila como son a Igrexa de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e o Liceo de Noia.
Na noite do venres é a quenda do trío Bretón Lune Blue, o sábado destaca a banda senegalesa Kora Jazz Trio e o domingo pechan o festival o dúo de Paraguai Hermanos Corbalán coa arpista catalá Anna Amigó
A organización do certame tamén destaca entre a programación a actuación do trío bretón Lune Blue –que será o venres 5, ás 22.00 horas, na Praza do Tapal–, liderado por Clotilde Trouillaud, a prestixiosa arpista que está a revolucionar o xeito de entender a música na arpa na Bretaña. Trouillaud regresa ao Noia Harp Fest logo dun concerto como solista no ano 2018, esta vez acompañada do guitarrista Erwan Bérenguer e do batería Jean-Maria Stephant.
En Paraguai a arpa é o instrumento nacional, e dende alí chega o dúo Hermanos Corbalán. Primeiro actuarán na praza do Tapal o venres 5 (22.00 horas) e, dous días despois, compartirán escenario coa recente incorporación ao cartel do festival, a arpista catalá Anna Amigó. A cita, que será o ramo do festival, chegará o domingo 7 de agosto ás 20.00 horas no que será, á vez, a inauguración do novo espazo cultural a ceo aberto nas Cabaniñas do Bosque de Albeida –Premio Nacional de Arquitectura 2020– na parroquia de San Cosme de Outeiro, no concello de Outes.
Neste percorrido por paisaxes sonoras e estilos musicais, dende América do Sur participa a banda senegalesa Kora Jazz Trio, que destaca pola súa capacidade e orixinalidade na fusión musical e que conta cunha morea de fieis en países como Brasil, Xapón, Francia ou Arxelia. A súa actuación será o sábado 6, na praza do Tapal, na sesión que comezará ás 22.00 horas. A programación completa pode consultarse aquí.
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia conta co patrocinio do Concello de Noia, coa colaboración institucional da Xunta a través do Xacobeo 21-22 e da iniciativa 'Concertos do Xacobeo', ademais do soporte de Acción Cultural Española a través do programa PICE. O Noia Harp Fest conta tamén coa colaboración de Cabaniñas do Bosque e a distribuidora dixital de música Altafonte, ademais do apoio tanto do Liceo de Noia coma da Asociación Terra de Outes.