'Endaterra', dirixida por Quique Peón, é unha viaxe musical e visual polas tradicións dos concellos polos que pasan os camiños Inglés e de Fisterra-Muxía
Xacarandaina estrea este sábado 23 de xullo en Santa Comba un novo espectáculo, Endaterra, que xa ten outras datas confirmadas en Negreira (15 de agosto), Dumbría (15 de outubro), Oroso (22 de outubro), Abegondo (5 de novembro) ou Culleredo (19 de novembro). A montaxe de música e baile tradicional dirixida por Quique Peón reunirá no escenario a oitenta artistas, entre músicos, corpo de baile e coros.
Segundo a compañía, “Endaterra é un novidoso espectáculo que fusiona distintas artes escénicas como son o teatro, o baile e a música tradicional galega (melódica e vocal)” cunha “banda sonora única que foi composta en exclusiva e dispón dunha singular produción audiovisual para crear unha paisaxe sonora e visual con imaxes e sons naturais” dos itinerarios xacobeos do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía. Será “unha completa mostra da ampla cultura tradicional de dúas das rutas compostelás menos exploradas” que conta co apoio da Deputación da Coruña, a Xunta e as asociacións de Concellos do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía.
Para a montaxe desenvolveuse un traballo de investigación dos bailes, divertimentos, danzas, cancións, traxes e tradicións en 18 concellos
Para a montaxe desenvolveuse un traballo de investigación dos bailes, divertimentos, danzas, cancións, traxes e tradicións dos 18 concellos polos que transcorren estas dúas vías a Santiago. O material etnográfico que se emprega forma parte do arquivo do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina, froito do seu traballo de recollida durante máis de corenta anos de traxectoria.
O argumento baséase na peregrinación feita en 1900 por unha aristócrata inglesa e a súa doncela de orixe galega a Santiago con epílogo a Fisterra e Muxía. A viaxe desta muller divídese en tres etapas: a primeira en barco desde o porto do Londres até o de A Coruña, despois a pé até a Santiago e logo até os confíns da Costa da Morte.
A posta en escena con 80 artistas repártese entre un corpo de baile de trinta persoas de entre 17 e 35 anos, un grupo de pandeiretas de doce mulleres que se encargan da percusión de man e un grupo de gaitas que abrangue tres destes instrumentos, tamboril, bombo e pandeireta que, xunto co saxo, clarín, trompeta e tubo da charanga tocarán pezas tradicionais de distintas épocas. O coro conta con 35 voces e o amplo despregue artístico complétase con Os do fondo da barra, grupo de doce homes e un acordeonista que se encargán de representar coa compaña de percusión os antigos cantos de taberna.