Os días 7 e 8 de decembro Quique Peón Cía estrea no Teatro Colón da Coruña o seu novo espectáculo: O Poder de Arcabuz, un musical que recrea a Revolución Irmandiña que tivo lugar en Galicia na Baixa Idade Media. Trátase dun espectáculo que combina música e danza (tradicional e contemporánea) en gran formato, con case un cento de artistas no escenario: 33 bailaríns, 24 músicos e 40 persoas no coro. A compañía Quique Peón Cía. e o Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina xúntanse para facer unha das obras máis ambiciosas no mundo da danza galega. O Poder do Arcabuz fusiona distintas artes escénicas enmarcadas nun contexto netamente contemporáneo e traído aos nosos días. A obra é a descrición surrealista dunha historia, creada para a ocasión, baseada na maior revolta do século XV en Europa. Falamos con Quique Peón, o director d'O poder do Arcabuz, sobre a montaxe.
"Quería falar do enfrontamento entre ese poder herdado, neste caso nobre, e outro poder, o poder da convicción"
Como xorde a idea deste proxecto?
A obra, loxicamente, é un resumo da Revolución Irmandiña, porque é unha historia apaixonante e dá para moitísimo. Só podes facer un resumo sobre o escenario porque está chea de matices, de relatos de distintas vilas. Falamos dunha revolución de Galicia enteira contra o poder establecido. Pódese contar moitísimas cousas por iso. E como xorde a idea? Eu quería falar do poder e nos Irmandiños atopei o que quería. Quería falar do enfrontamento entre ese poder herdado, neste caso nobre, e outro poder, o poder da convicción. Na obra, vese esa dualidade do poder. Despois, hai que pensar que na historia dos Irmandiños atopamos varias batallas e a nivel coreográfico resulta moi interesante. Dá moito xogo.
Falamos dunha peza con preto cen artistas. É unha montaxe de dimensións enormes, o cal non estamos nada afeitos a ver sobre un escenario. Nin en teatro nin moito menos en danza.
É moi ambicioso o proxecto e é un proxecto sen financiamento. Estamos a traballar con amateurs... É que somos todos un pouco irmandiños. A idea é a mesma que os Irmandiños: é un “xa está ben”. Un espectáculo destas características implica un esforzo, levamos dous anos traballando no proxecto, é todo de nova creación: coreografías, músicas, letras... Esta concibido como un musical e esta para dar un puñetazo sobre a mesa. Queremos dicir: “Oiga, mire, nós somos capaces de facer o que nos propoñemos en Galicia”. É dicir, temos capacidade, temos xente, temos artistas marabillosos en escena. É un golpe enriba da mesa e ese é un pouco o espírito. Mira, o lema dos irmandiños, “gorrións contra falcóns”, está moi presente aquí. Isto é así. Está tratado dende o mundo amateur e, vaia, hai unha serie de profesionais que van cobrar, porque viven disto... Pero logo o coral, é amateur. Digamos que é un voluntariado cultural en toda regra. Eu estou canso de só ver solos e dúos. E dígoo co máximo respecto, pero levamos anos así... Que va! Non, xa está. Non pode ser.
"Eu estou canso de só ver solos e dúos. E dígoo co máximo respecto, pero levamos anos así..."
A situación da danza viviu unha descomposición moi acelerada nos últimos anos. Refírome a cuestións que atinxen, por exemplo, ao Centro Coreográfico, á visibilidade, ao apoio público... Desviámonos da obra, pero creo que é un asunto pertinente.
E ten bastante que ver coa obra. As persoas que a vexan decataranse de que fala de cultura, da nosa danza... Imos ver, nós temos unha linguaxe propia de danza e creo que a danza de Galicia debería ter unha discriminación en positivo. É que hai unha cuestión: o que non fai o Centro Coreográfico nin ningunha institución pois estamos a facelo, neste caso, Xacarandaina e Quique Peón Cía. E que é? Investigar sobre movementos e músicas medievais para traelos ao hoxe. Como dicimos, é un pouco para dicirlles a algúns: “miren, señores, están facendo o parvo”. É que o noso baile é unha marabilla, é extraordinario. É un dos máis importantes de Europa en conservación e en cantidade de movementos, e ten un potencial a nivel escénico incomparable. Os premios que se están recibindo e as montaxes que se están facendo demostran esta importancia e evidencian que o problema que temos é un problema de sensibilidade clarísima por parte dos políticos deste país.
"Os premios que se están recibindo e as montaxes que se están facendo demostran esta importancia e evidencian que o problema que temos é un problema de sensibilidade por parte dos políticos deste país"
Unha falta extensible a toda á cultura, non?
Vaia, si... Pero na danza vén sendo así dende hai moito tempo. Porque eu xa teño uns anos e a verdade... En fin, deixa moito que desexar isto.
Retomando á montaxe, n'O poder do arcabuz atoparemos unha combinación entre a danza tradicional e a danza contemporánea?
Non é danza contemporánea exactamente, a ver... Realmente disociamos os movementos tradicionais. Explícome. Imaxina que temos dez movementos e collemos o movemento número oito. Sepárase do resto e con ese trabállase illadamente e serve para outra cousa diferente. Entón, pode parecer moi contemporáneo, pero en realidade estamos ante un paso tradicional. Disto hai moito na obra, pero tamén hai coreografías tradicionais, digamos, puras. A min o que me gusta da danza contemporánea é que ten a facultade de mover emocións. Busca sempre mover emocións no público. E este mover emocións unido ao noso baile tradicional, que remove por si só, é a bomba. Entón esa é a idea. Despois, da música encargouse Pedro Lamas. É música tradicional disociada moita dela e traída aos noso días. Pola súa banda, o deseño de luz encargouse Santiago Vallasco. A asistenta de teatro e de dramaturxia foi Susana Crespo e asistente de danza contemporánea foi Jordi Vilaseca.
"O que me gusta da danza contemporánea é que ten a facultade de mover emocións. Busca sempre mover emocións no público. E este mover emocións unido ao noso baile tradicional, que remove por si só, é a bomba"
Como é o proceso da música?
A música está ao servizo da dramaturxia da obra. O primeiro que fixen foi o guión, despois a coreografía e o baile que quería en cada acto e finalmente con Pedro Lamas fomos buscando moita música que nos puidese valer para cada movemento, moita dela medieval loxicamente. Entón, tiramos de cancioneiro e tamén do meu traballo de investigación. Pedro fixo así a música cos arranxos pertinentes. Non é música nova, pero é música nova novísima na medida en que a transformamos para que funcionase.
Falaba antes de que o espectáculo era un resumo da historia dos Irmandiños. Con que nos quedamos na obra? Que elementos se recollen desa historia?
É un resumo xeral. Imos ver primeiramente o maltrato dos nobres cara á poboación de Galicia e como esta xente se convence de que se tiñan que levantar contra o poder establecido. Despois achegámonos ao derrubamento dos castelos, a expulsión dos nobres, os nobres no exilio e cando volven os nobres co exército. E o desenlace final, xa non cho vou contar. E este é un resumo moi rápido.
"O arcabuz representa o poder dos cartos"
Que representa o arcabuz que xa está no título da montaxe?
É unha metáfora para falar do poder dos cartos. Os nobres, cando estiveron fóra de Galicia, para poder vivir e regresar tiveron que xuntar diñeiro dos seus amigos nobres en terras portuguesas, leonesas ou castelás. E para poder vir empregaron eses cartos para recrutar exércitos. E entre esas tropas, apareceu por vez primeira esa arma de pólvora, o arcabuz. En definitiva, o arcabuz representa o poder dos cartos.
"A danza é a primeira das belas artes. O ser humano antes de falar, bailaba. E dentro das artes escénicas de Galicia, os primeiros que se subiron as táboas foron os da danza"
Comentaba antes que o baile galego é un dos máis ricos e investigados de Europa. Moitas veces, falando con músicos e investigadores, aseguran que queda moito por furar. E se lle pregunto, así as bravas, que é o que falta por investigar no baile tradicional?
Hai moitísimo traballo de campo feito. Quedarán cousas, pero non demasiadas. A tal hora, dende fai moitos anos, hai moita xente traballando nisto. Quero dicir, comezamos uns poucos e debemos convencer, porque a dia de hoxe todos os grupos folclóricos cambiaron os rexistros de facer coreografías trangalleiras para facer unha cousa con rigor, con vestiarios ao xeito. O traballo de campo está feito, agora falta facer un arquivo e comezar a traballar sobre ese arquivo. Un arquivo xeral de Galicia con todas as gravacións feitas. E despois hai que transcribilas e cotexar para sacar conclusións. É unha cousa de país. Pero non só iso... Mira, a danza é a primeira das belas artes. O ser humano antes de falar, bailaba. E dentro das artes escénicas de Galicia, os primeiros que se subiron as táboas foron os da danza. Os do teatro din moito iso de: “fai trinta anos que estamos aí”. Vaia, dáme a risa... A danza leva enriba do escenario unha morea de séculos. En cada parroquia de país, dende fai moitísimos anos hai concursos de baile. É dicir, toda Galicia cultivaba o baile como arte escénica. Esta realidade está documentada. Logo pensemos que os nosos coros, que tamén tiñan danza, teñen cen anos. Cumpren os seus centenarios agora. Quero dicir con isto que hai moito que recuperar de escénico tamén e que hai que poñelo en orde... É necesario recuperar. É interesante facelo, queda moito choio para facelo.
Quen debe facer ese traballo? As institucións?
O pobo xa fixo o seu traballo. A ver, é unha mala época... Pero vaia, pódese ir facendo cousas que funcionen. A ver, o Centro Coreográfico Galego debería ir facendo un arquivo. Aí hai xente traballando, pois que se dediquen a iso e non a facer danza clásica ou outras cousas...
"O Centro Coreográfico ten aí xente traballando. Hai empregados, ten un grupo de música de doce músicos e están mirando os uns para os outros. Se non funciona é porque non queren"
Tampouco dá a sensación de que o Centro Coreográfico estea moi vivo...
Bueno, o Centro Coreográfico ten aí xente traballando. Hai empregados, ten un grupo de música de doce músicos e están mirando os uns para os outros. Se non funciona é porque non queren. Hai xente para traballar, así que... Optimicemos o que temos. E senón, botemos a chave. Tocar non tocan... Son doce, pois neniños... Que se organizan e tomen a determinación de facer un arquivo musical. Son tipos preparados para facelo. Sodes doce, eu creo que antes de estar mirando uns para os outros, podemos facer algo, non? Isto estase a pagar entre todos. En fin...
Non houbo financiamento para facer esta montaxe. Non se buscou ou non se atoparon apoios públicos nin privados?
Algunha achega houbo, pero son mínimas. Ti imaxina tanta xente para vestir... Pensa nun par de zocos por 35... Canto é iso? Ou 35 cintos? É un montón de cartos. Ao final, por moito que un queira facer a cousa o máis económico, ao ser tanta xente... Multiplícase todo moitísimo. É difícil. Pero si que se buscou algún tipo de financiamento... Pero ou ben non convencemos ou ben non sabemos convencer, que pode ser... Pero creo que chegados a uns momentos nos que se ten tanto feito e tanto demostrado, que xa non faría falla certas cousas... Entón, estamos un pouco cansos. Eu estou canso de andar pedindo cousas. Finalmente, pois mira... Non queren vostedes colaborar? Pois estupendamente, xa o facemos nós. Tranquilos. Con nós non hai quen poida. Somos peores cós irmandiños.
"Este espectáculo sería imposible de facer se non houbese un grupo amador que colaborara"
Aquí temos xente profesional que vai cobrar e outra xente que vén do mundo amateur, que teñen esa vontade participativa. Cantos son profesionais e cantos non o son?
A vontade participativa está formada por uns profesionais que morres, eh! Xacarandaina ten un nivel de danza que xa lle gustaría a moitos profesionais telo. E son amateurs. É un grupo con moitísimo nivel. O seu é voluntariado cultural, son uns irmandiños en toda regra. Iso non mingua a calidade. Quen lle dera a moitos profesionais ter a calidade que teñen eles. Este espectáculo sería imposible de facer se non houbese un grupo amador que colaborara. Sería imposible. Cen persoas todos cobrando como profesionais sería imposible.