Poesía, música e paxaros nunha nova edición do Festival dos Eidos no Courel

Imaxe dunha anterior edición do Festival dos Eidos © Tamara de la Fuente

O evento arredor da obra de Novoneyra celébrase do 23 ao 25 de agosto na casa-museo do poeta en Parada do Courel

A casa-museo de Uxío Novoneyra en Parada do Courel acolle do 23 ao 25 deste mes de agosto a IX edición do Festival dos Eidos, con poesía, música e mesmo observación de aves arredor da obra do poeta. 

No apartado da poesía, Luz Pichel, André Tecedeiro, Brenda Alborada e Isaac Xubín protagonizarán o recital do sábado 24 no curral da Casa Museo do poeta do Courel. Pero xa o venres 23 Xabier Cordal acompañará a Antón Reixa na presentación da antoloxía poética Enciclopedia Perplexidade (Faktoría K, 2024).

Programa do Festival dos Eidos © Festival dos Eidos

O sábado pola mañá Antón Lopo e María Sánchez presentarán nunha conversa no Souto da Rubial os poemarios Diarios 1/ Azul Monforte (Noudelo e Ribón, 2023) e Fuego la sed (La Bella Varsovia, 2024). Xa pola mañá do domingo 25, Nieves Neira presentará a nova edición de Chan da Pólvora do libro que dá nome ao festival, Os Eidos. Libro do Courel.

A programación abrirase o venres ás 17 horas coa exposición da serie de pinturas "Romance de Manuel de Ribadaira" de Nicolás González Aller inspiradas no romance que Uxío Novoneyra dedicou a Federico García Lorca e a un veciño, Manuel de Ribadaira, paseado aos 21 anos no ano 1936.

A música manterá o espazo da horta cos concertos e os espectáculos de Familia Caamagno, o grupo Dúbida, O´Leo de Matamá que estrea o seu último traballo “Verba Estirpe”, Iria Piñeiro e Mónica de Nut que traen en colaboración "Kennebec", Fran Amil con "Popsía", o espectáculo multimedia "Alta Montaña" de Iván Torres, e o domingo pechará o escenario a "Literatura musicada" da Fundación Legar.

Unha anterior edición do Festival dos Eidos © Tamara de la Fuente

Este ano haberá un servizo de lanzadeiras entre Seoane do Courel e a casa-museo de Novoneyra

E como cada ano desde a primeira edición, cedo pola mañá do sábado celebrarase a ruta de observación dos paxaros que aparecen nos poemas escritos por Novoneyra guiada polo ornitólogo Xavier Vázquez Pumariño. Esta edición incorpora unha nova ruta pola "Arquitectura de Parada" interpretada polo arquitecto Xosé Allegue.

Entre as novidades desta IX edición destaca un servizo de transporte lanzadeira que conectará o pobo de Seoane coa aldea de Parada para facilitar e asegurar a mobilidade ata o lugar do festival.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.