"Hein d'ir ó Pía Páxaro i a Boca do Faro deitarme na Campa da Lucenza nun claro. Hein d’ir á Devesa da Rogueira i a Donís ó Rebolo á Pinza i ó Chao dos Carrís...". Uxío Novoneyra naceu en Parada do Courel en 1930 e sempre levou esta comarca dentro del, convertida nun dos principais referentes da súa poesía, como deixa claro nestes versos de Os Eidos. Novoneyra sempre quixo ser soterrado no propio Courel, a carón da súa casa natal.
Novoneyra sempre quixo ser soterrado no propio Courel, na horta da súa casa natal
Porén, cando en 1999 finou en Santiago de Compostela, foi soterrado no Cemiterio Municipal de Lugo. En principio, este emprazamento ía ser temporal, ata o seu traslado ao Courel, pero por diversos motivos isto alongouse máis do previsto. Este venres, finalmente, os restos mortais do poeta abandonaron o Cemiterio Municipal de San Froilán para ser soterrados no terreo da Casa-Museo de Uxío Novoneyra.
O cadaleito, cuberto pola bandeira galega, foi despedido coa presenza da familia do escritor e as notas do himno
O cadaleito, cuberto pola bandeira galega e acompañado por unha coroa de rosas brancas doada polo Concello de Lugo, foi despedido coa presenza da familia do escritor, integrantes de todos os grupos políticos da Corporación Municipal e representantes de diferentes institucións e entidades culturais. O gaiteiro Bruno Villamor interpretou o Himno Galego e varias das persoas asistentes leron poemas e outros fragmentos literarios do autor.
"Despois de máis de dúas décadas, meu pai segue o seu camiño cara á súa terra, como foi o seu desexo", destacou o seu fillo
No acto, o seu fillo Uxío Novoneyra, presidente tamén da Fundación que leva o nome do poeta, destacou que "despois de máis de dúas décadas, meu pai segue o seu camiño cara á súa terra, como foi o seu desexo". Agradeceu, ademais, o trato que lle deu a cidade de Lugo, "onde meu pai viviu e eu mesmo nacín" e a acollida que tivo no cemiterio, onde "estaba cos seus amigos Ánxel Fole, Luís Pimentel, Celestino Fernández de la Vega ou Álvaro Gil".
"Vai estar na horta da casa, en terra, como el querería", concluíu
O poeta será agora soterrado na horta da súa casa natal, a Casa da Fonte, baixo un memorial deseñado polo arquitecto compostelán Xosé Allegue e "feito con lousa do Courel e co cariño e a experiencia dos canteiros" da comarca, destacou o seu fillo. O monumento está rodeado de roseiras e de ourizos de castiñeiro, "dos de verdade e tamén de bronce", en referencia ás figuras en bronce realizadas polo escultor Óscar Aldonza.
"Agora descansará no Courel e a xente que nos visita poderá estar con el, o mesmo que os seus veciños e veciñas", destacou o presidente da Fundación. "Vai estar na horta da casa, en terra, como el querería", concluíu.