Lugo estrea o documental sobre a vida e obra de Uxío Novoneyra

Uxío Novoneyra, coa súa familia © culturagalega.org

A sede da Deputación de Lugo na capital lucense estrea venres 19 o documental biográfico Uxío Novoneyra / Poeta Alén sobre o poeta e escritor do Courel. A cinta, dirixida por Iván López Gimeno xunto co fotógrafo Federico García Cabezón, mestura o relato da vida do autor coas visións que sobre el dan personalidades como Xosé Manuel Beiras, César Antonio Molina, Anxo Lourenzo ou Xosé Luís Méndez Ferrín, quen definía o protagonista como "o intérprete dun tempo convulso como era a posguerra e o franquismo".

O documental mestura o relato da vida de Novoneyra coas visións que del fan Beiras, César Antonio Molina ou Méndez Ferrín

O documental, producido por Gseis Audiovisuais, foi candidato aos premios Mestre Mateo e contou coa colaboración da familia do poeta, que facilitou o acceso a fotografías, vídeos e audios inéditos. Precisamente, un dos fillos do poeta, Uxío Novo Rey, actúa como fío condutor deste traballo audiovisual que recolle as diversas facianas de Novoneyra, desde as súas orixes, a vida no Courel, o grupo Brais Pinto, o seu pensamento político e mesmo a lingua.

Segundo o director, Iván López Gimeno, a intención do documental é facer "unha achega da obra poética de Novoneyra aos novos lectores de poesía". Por iso, establece unha relación histórica dos feitos que tiveron influencia sobre Novoneyra e que o impulsaron a crear. López Gimeno salienta, así mesmo, "a singularidade" deste autor que, desde un lugar como Galicia, "bebeu dos poetas clásicos e tinguiuse das diferentes artes para plasmar a súa teima, que non era outra que o amor pola súa terra".

A obra contou coa colaboración da familia do poeta, que facilitou o acceso a material inédito

A banda sonora é obra do cantante e compositor coruñés Xoél López e o tema principal é unha adaptación do poema de Novoneyra Letanía de Galicia, realizada polo produtor El puto Coke e interpretada pola cantante de soul e hip hop Wöyza.

Uxío Novoneyra / Poeta Alén é un relato que precisou dun profundo traballo de investigación e documentación. A idea comezou a xestarse no ano 2008, pero foi a partires do 2010, ano no que se lle adicou o Día das Letras Galegas a Uxío Novoneyra, cando o proxecto comezou a materializarse, grazas á axuda económica da Agadic e a colaboración da Fundación Uxío Novoneyra, a Fundación TIC e a Deputación de Lugo.

A entrada á sede da Deputación de Lugo, onde se proxectará o documental, é de balde e está aberta a todo o público que queira coñecer máis de preto a vida e obra deste escritor lugués.

Uxío Novoneyra, coa súa familia © culturagalega.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.