Lamazares e Uxío Novoneyra atópanse na Cidade da Cultura

Antón Lamazares, con algúns dos cadros expostos © Cidade da Cultura

Dende este venres e ata o 17 de setembro poderá verse no Museo Centro Gaiás a exposición Flor Novoneyra, unha mostra que supón un encontro entre dous grandes da cultura galega: Lamazares e Uxío Novoneyra e que o propio artista do Deza define como o seu testamento pictórico: “Quero que o meu testamento pictórico sexa esta 'Flor Novoneyra' porque coma el penso que 'Inda é nova a Terra' e que todo o importante que temos que decir xa nolo ten dito ela”.

Flor Novoneyra está formada por máis dun cento de pezas inéditas realizadas por Lamazares nos dous últimos anos entre Berlín e Madrid, nas que o autor transcribe versos do poeta do Courel empregando o seu coñecido Alfabeto Delfín, un código inspirado no abecedario occidental que o pintor bautizou co nome do seu pai. A exposición supón, así, un diálogo entre pintura e poesía, o encontro entre o pintor que quería ser poeta, como Lamazares se ten descrito ao longo da súa carreira, co poeta namorado da pintura. “Unha das razóns polas que preferín a pintura sobre a poesía é porque tantas cousas que puiden escribir, escribiunas Novoneyra”, dixo Lamazares. A cultura labrega fai de fío conductor entre estes dous xenios das artes galegas, a aldea, a infancia, as vivencias de dous homes unidos á natureza e á poesía como vía de escape.

Lamazares percorre nesta mostra todos os poemarios do autor e os poemas de Novoneyra flúen no cadro sen deixar nada ao azar. As pinturas de Antón Lamazares, traballadas como soños, variacións, brillos e capas que nos trasladan a grandes teas rothkianas están elaboradas a base de cores da nosa terra, da nosa luz e do noso imaxinario. E o soporte, humilde e transgresor, traballado como a terra se traballa na aldea, sementado, mollado e secado: o cartón.

Ademais dos cadros de Lamazares, exhíbense cincuenta caligramas do poeta, considerado un dos introdutores da poesía caligráfica na literatura galega. A través dun espazo sonoro, o visitante reencontrarase tamén nesta exposición coa voz de Novoneyra, considerado un gran dicidor de versos. A mostra complétase con retratos do autor do Courel realizados por Laxeiro, Tino Grandío, Tavera ou Lorente e cunha escolla de exemplares das súas obras.

Case cinco décadas despois de que a súa aparición revolucionase a plástica en Galicia, Lamazares segue a ser hoxe un dos pintores galegos con maior proxección internacional. A súa obra, recoñecida dentro e fóra da comunidade, se ten exposto nos museos máis prestixiosos de España e en galerías internacionais de referencia. Influenciado polas vangardas, pintor-nómada que viviu en Nova York, París, Madrid e Berlín, a contorna rural que marcou a súa infancia no val do Deza deixou unha fonda pegada no seu imaxinario. O seu interese pola poesía e a súa relación de amizade con poetas son dúas constantes do seu universo creativo.

A exposición, con entrada de balde, está comisariada por María Díaz Rey, directora da galería About Art en Pontevedra, e conta coa colaboración da Fundación Uxío Novoneyra a través da implicación da viúva e un dos fillos do poeta, Elba Rei e Uxío Novoneyra. Nestes meses de mostra haberá visitas didácticas, pensadas para centros de ensino e outras entidades, e tamén visitas didácticas.

 

Retrato de Lorente © Cidade da Cultura
Na exposición poden verse cincuenta caligramas do poeta © Lamazares
Lamazares transcribe versos do poeta do Courel empregando o seu coñecido Alfabeto Delfín © Lamazares
'Un pobo nace sempre' © Lamazares

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.