Uxío Novoneyra, tamén en xaponés

Takekazu Asaka, durante a presentación © Xunta

Os Eidos, tamén en xaponés. A primeira parte da obra de Uxío Novoneyra sae do prelo xunto coa Nova gramática galega, ambas as dúas en edición bilingüe galego-xaponés. Estas dúas novas publicacións na lingua do país nipón foron presentadas o pasado mércores polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais polo lingüista Takekazu Asaka, autor das dúas, profesor da Universidade de Tsudajuku e considerado o embaixador do galego máis famoso do país nipón.

A primeira parte d'Os Eidos publícase en edición bilingüe galego-xaponés no país nipón xunto coa Nova Gramática Galega

Na presentación, García destacou as dúas obras como “novas contribucións exhaustivas ao galego que reforzan a proxección exterior da nosa lingua e que, nomeadamente, inciden directamente no prestixio e no coñecemento da mesma, ademais de fortaleceren as pontes que comunican dúas culturas e dous idiomas tan afastados desde o punto de vista lingüístico coma xeográfico”. 

O secretario xeral e o lingüista xaponés estiveron acompañados polos autores de cadanseu limiar, o académico da lingua Francisco Fernández Rei –da gramática- e o poeta Claudio Rodríguez Fer –do poemario-, así como de Elba Rei, presidenta da Fundación Uxío Novoneyra; e do secretario do Centro Ramón Piñeiro, Armando Requeixo.

A Nova gramática do galego do profesor Asaka ofrece unha nova versión da Gramática do galego moderno que publicara en 1993

A Nova gramática do galego do profesor Asaka ofrece unha nova versión da Gramática do galego moderno que publicara en 1993, un texto "pioneiro que agora se actualiza consonte á modificación normativa do 2003 e implementa a través de novos apartados e abondosos exemplos de uso, sen dúbida moi útiles para aqueles que desexen aprender o galego tamén na súa realidade máis conversacional", tal e como destaca a SXPL. O libro conta, amais, cun prólogo no que Francisco Fernández Rei destaca o longo vencello de Asaka con Galicia desde hai décadas e fai un cumprido repaso da súa produción lingüística e literaria arredor da nosa lingua.

Por outra banda, a edición bilingüe galego-xaponés da primeira parte do poemario Os Eidos de Uxío Novoneryra posibilita "o coñecemento polo público nipón dunha das obras cimeiras da poesía galega de posguerra". Publicado orixinariamente en 1955, Os Eidos condensa, en palabras da SXPL, o máis característico da escrita do autor, "quen espella nel a súa visión da natureza e o ser antropolóxico do Courel e, por extensión, de toda Galicia". A edición conta cunha cuberta de Xosé Vizoso e cun documentado e revelador prólogo de Claudio Rodríguez Fer, especialista na obra do courelao, quen dá conta da especial significación destes versos e destaca a súa natural proximidade coa lírica do haiku, tan definitoria da cultura xaponesa.

As dúas obras foron publicadas no marco do catálogo da editorial nipona Kakenhi.

Embaixador galego en Xapón

Takekazu Asaka (Tokio, 1952), profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku, entrou en contacto coa cultura e a lingua de Galicia a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia no seu día con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, e publicou desde entón numerosos artigos e investigacións relacionadas coa lingua galega.

Como ensaísta e investigador, conta cunha dilatada traxectoria galicianista que o levou a escribir volumes referenciais para a aprendizaxe do galego en Xapón, tales como a Guía de conversación en galego (1994) ou o Vocabulario básico da lingua galega (1995). Especial relevo ten o seu labor como tradutor de figuras senlleiras da literatura galega ao idioma nipón, dedicación cuxo froito son as versións xaponesas dos Cantares gallegos (2009) e os Contos da miña terra (2014), de Rosalía de Castro; a Cantata a Ramón Cabanillas (2013) ou o seu Xograr Martín Codax (2015).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.