'Xenocidio', palabra galega do ano con Gaza na mente

Xenocidio, palabra galega do ano 2025 © RAG

Na votación organizada pola Real Academia Galega e o Portal das Palabras da Fundación Barrié o termo xenocidio sumou máis do 40% dos case 7.200 votos rexistrados. O segundo máis votado entre os finalistas foi Foliada, con case o 20%; no terceiro posto ficou lume seguido de desfeita, loia e retrinco.

En plena II Guerra Mundial o xurista polaco de orixe xudea Raphaël Lemkin, que foi quen de fuxir do nazismo, creou o termo xenocidio para nomear o deseño e a execución dun plan coordinado de diferentes accións encamiñadas á destrución dos fundamentos esenciais da vida dos grupos nacionais, tal e como el a definiu no ano 1944. Lemkin dedicou toda a súa vida a que accións coma as perpetradas polo nazismo contra os xudeos fosen recoñecidas como crimes contra a humanidade e que, como tal, se tipificasen como un delito de persecución universal.

O termo xenocidio apareceu por primeira vez en 1946 nun documento oficial, como parte dunha resolución da ONU. E dou anos máis tarde, en 1948, as Nacións Unidas aprobaron a Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio que despois sería ratificada polos Estados membros. Da aprobación da Convención contra o xenocidio naceu o Tribunal Internacional de Xustiza.

Agora o termo, tristemente de máxima actualidade polo xenocidio perpetrado por Israel contra a poboación de Gaza, vén de ser escollido como a Palabra do Ano 2025 na votación organizada pola Real Academia Galega e o Portal das Palabras da Fundación Barrié 

Un pai cun bebé no colo camiña sobre os restos dos bombardeos en Gaza o 13 de outubro de 2023 © Ashraf Amra / UNRWA

O termo foi creado en 1944 polo xurista polaco de orixe xudea Raphaël Lemkin para definir o deseño e execución dun plan coordinado de diferentes accións encamiñadas á destrución dos fundamentos esenciais da vida dun grupo nacional

Xenocidio obtivo máis de 4 de cada 10 votos emitidos, 2.948 dos case 7.200 rexistrados, superando a foliada, que acadou 1.315 votos, preto do 20%. O terceiro posto, con 843 votos, foi para lume. Máis atrás quedaron desfeita (834), loia (686) e retrinco (564).

A votación amosa o impacto que os ataques continuados de Israel contra o pobo palestino continúa a ter en Galicia. O exterminio da poboación civil gazana hai tempo que foi aceptada a nivel político e xurídico como un acto de xenocidio, e así está a ser investigada polo Tribunal Penal Internacional, malia as críticas de Israel e os Estados Unidos.

A votación amosa o impacto que os ataques continuados de Israel contra o pobo palestino continúa a ter en Galicia. O exterminio da poboación civil gazana hai tempo que foi aceptada a nivel político e xurídico como un acto de xenocidio e así está a ser investigada polo Tribunal Penal Internacional

A Palabra do Ano 2025 xenocidio fórmase a partir do grego xeno- ‘pobo’ e o sufixoide de orixe latina -cidio ‘matar’, seguindo a mesma fórmula ca homicidio, parricidio ou magnicidio. Xenocidio figuraba xa no Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (1988), a base da que partiu o actual Dicionario da Real Academia Galega

O concepto preciso que cuñou Lemkin inclúe o motivo do crime, fronte a outras expresións arredor das cales el mesmo reflexionou, como “asasinato de masas”, ou palabras como exterminio / exterminación, que o DRAG define como a “acción e efecto de exterminar”; masacre, “acción e resultado de matar un gran número de persoas ou animais”; e aniquilación / aniquilamento, “acción e efecto de aniquilar”, cando se ten a intención de “reducir ao nada, destruír por completo; abater física ou moralmente alguén”.

Mobilización para crear a bandeira palestina en Santiago de Compostela contra o xenocidio en Gaza 21 de abril de 2024 © Mar de Lumes

Xenocidio é a duodécima Palabra do Ano en galego escollida na votación popular promovida polo Portal das Palabras. Nas edicións anteriores fórono cantareira (2024), cibercarracho (2023), comadre (2022), tanxugueira (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

Nos vindeiros meses xenocidio incorporarase ao Paseo das Palabras do Ano, na rúa Menorca da cidade de Lugo, onde o Concello vén gravando cada un dos termos escollidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.