'Bochinche', 'autofoto' ou 'pataqueiro' entran no dicionario da RAG, que incorpora o xentilicio 'gazano'

Algunhas das novas entradas na última actualización do dicionario da RAG © RAG

Na nova actualización do dicionario aparecen voces tradicionais como bochinche (taberna pequena ou construción itinerante destinada á venda de bebidas en festas e romarías), eis (velaquí) ou pataqueiro, -a (que ten pouco valor ou calidade). Tamén se incorporan expresións como como a descomán, sinónima de a desmán, e a sabendas de

O Dicionario da Real Academia Galega vén de incorporar un cento de voces na súa última actualización. Nestas novas entradas, como vén sendo habitual, conviven a suma de neoloxismos, o recoñecemento de verbas hai tempo empregadas na lingua cotiá, escollas terminolóxicas para asentar unha forma propia, a adición de palabras de uso popular que ata agora non tiñan espazo no dicionario e tamén entradas que serven para completar familias de palabras. É o caso, neste último grupo, de antiincendios, bucinada, descifraxe / desciframento, estudantado, polifacetismo, parafusería, postergación, posvenda, ludoteca e enoteca e viñoteca.

Aparecen tamén voces tradicionais como bochinche (taberna pequena ou construción itinerante destinada á venda de bebidas en festas e romarías), eis (velaquí), naipelo, pataqueiro, -a (que ten pouco valor ou calidade), poma ou rianxo (conxunto de produtos da horta ou un tipo de mandil curto). Tamén se incorporan expresións como como a descomán, sinónima de a desmán, e a sabendas de.

As persoas que viven en Gaza son "gazanos" ou "gazanas" © UNRWA

A RAG establece que o xentilicio correcto para a poboación de Gaza é gazano, -a

Igualmente, agora o dicionario pasa a recoller oficialmente unha serie de voces de recente creación ou popularización como autofoto, conurbación, dina, feísmo ou surfear, que xa eran empregadas de forma habitual na fala cotiá. Ademais, a RAG establece que o xentilicio correcto para a poboación de Gaza é gazano, -a.

Termos do mundo da ciencia e da investigación conforman outro grupo con presenza nesta actualización, na que se engaden voces como audioloxía, bolboretario / xardín de bolboretas, grampositivo, -a e gramnegativo, -a,  ademais de galeguística.

O dicionario pasa a recoller oficialmente unha serie de voces de recente creación ou popularización como autofoto, conurbación, dina, feísmo ou surfear,

Outro dos cambio introducidos é o da voz adictivo, que se incorpora para evitar a súa confusión coa forma aditivo, de significado diferente.

Alén de sumar a esta ferramenta palabras que designan distintas realidades, entre elas os neoloxismos, o equipo que coordina o académico Manuel González préstalle tamén atención ao labor que consiste en completar familias de palabras como as incluídas nesta última actualización. Malia que estas parten dunha mesma raíz común para crear distintas voces coa sufixación habitual do galego, a súa incorporación favorece a resolución de dúbidas sobre a súa escrita, en ocasións meramente ortográficas, como neste caso.

Non diga "selfi", diga "autofoto" CC-BY-SA R4vi

Outro dos cambio introducidos é o da voz adictivo, que se incorpora para evitar a súa confusión coa forma aditivo, de significado diferente

O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega traballa permanentemente na revisión e actualización do Dicionario en liña da institución, que suma máis de 58.000 entradas. Na súa constante revisión, os membros do Seminario de Lexicografía teñen en conta, entre otros criterios, as demandas que os usuarios e usuarias fan chegar decote a través da lapela “Axúdanos a mellorar”, que se pode atopar na web. Froito deste proceso de escoita son algunhas das actualizacións máis recentes, como alfombreiro, -a ou auguista, incorporadas o pasado mes de xullo, ou as mencionadas bolboretario e gazano, -a.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.