Bubela, carrán, cotovía, mazarico, miñato, pardela, pega ou rola: a Academia estrea un buscador de nomes de aves

Unha bubela © Armando Losada Vicente

A RAG presenta unha ferramenta en liña coas denominacións unificadas de máis de 600 especies diferentes de aves

A Real Academia Galega (RAG) estrea unha ferramenta en liña coas denominacións unificadas de máis de 600 especies diferentes de aves. Esta nova sección do sitio web institucional é froito do traballo conxunto de ornitólogos e lingüistas e permite realizar procuras polo nome galego, o científico ou a familia á que pertence cada ave, acompañada en moitos casos de fotografías que reforzan o seu carácter divulgativo. 

A listaxe resultante dálles preferencia ás denominacións patrimoniais, moitas delas documentadas dende a Idade Media e presentes no refraneiro, como bubela, carrán, choia, corvo mariño, cotovía, mazarico, miñato, paíño, pardela, pega ou rola/rula. Con este traballo en equipo rematan tamén con castelanismos de propostas previas para os nomes e tiveron en conta formas existentes noutras linguas europeas, de maneira especial (aínda que non só) nas da nosa contorna cultural. 

Unha cotovía © Álvaro Rodríguez Pomares

A listaxe unificada de nomes de aves é o resultado do traballo realizado polo equipo interdisciplinario composto por Fernando Álvarez-Balbuena (Universidade de Oviedo), Silverio Cerradelo, Serafín J. González Prieto (Sociedade Galega de Historia Natural e Misión Biolóxica de Galicia), Rafael López Loureiro (Ao noroeste do Noroeste), Xosé M. Penas Patiño, Cosme Damián Romay, Jesús Taboada Martínez (Sociedade Galega de Ornitoloxía) e mais, por parte da RAG, Marilar Aleixandre, María Dolores Sánchez Palomino, Francisco Fernández Rei, Antón Santamarina e Manuel González

A lingua galega é extraordinariamente rica en denominacións de aves e son moi frecuentes os casos de paxaros que se coñecen con varios nomes nas diversas zonas do territorio

A Academia destaca que a lingua galega é extraordinariamente rica en denominacións de aves e son moi frecuentes os casos de paxaros que se coñecen con varios nomes nas diversas zonas do territorio. "Para a Coturnix coturnix, amais do nome máis estendido, paspallás, coñecemos arredor doutras 50 denominacións", pon como exemplo Manuel González, quen salienta que esta pluralidade de designacións conforma un patrimonio cultural que debe ser preservado.

Pero esta riqueza e diversidade, unida ao tamén frecuente feito de que un mesmo nome designe aves diferentes segundo as zonas do país, pode xerar unha certa confusión que cómpre evitar na linguaxe técnica e científica, explica o académico responsable do dicionario da RAG. 

Un corvo mariño © Armando Losada Vicente

É por iso que a proposta que recolle o buscador ofrece un único termo estandarizado para cada ave, na liña dos traballos feitos noutros idiomas e vocabularios especializados, e atendendo a demanda do mundo da ornitoloxía, onde xurdiron desde os anos 70 do século pasado varias listas, redactadas unhas veces por persoas individuais e outras por colectivos.

"Esta lista de nomes galegos para as aves de Galicia e España vén solucionar un problema que duraba xa décadas, pois non existía unha lista padrón unanimemente aceptada polos distintos colectivos naturalistas", di Cosme Damián Romay Cousido

"Esta lista de nomes galegos para as aves de Galicia e España vén solucionar un problema que duraba xa décadas, pois non existía unha lista padrón unanimemente aceptada polos distintos colectivos naturalistas", detalla Cosme Damián Romay Cousido. "Hai moitas horas de traballo detrás da súa elaboración, pero son apenas unha fracción das horas dedicadas á recolla no campo de denominacións vernáculas en galego e á revisión bibliográfica", valora o biólogo membro da Sociedade Galega de Ornitoloxía.

A Academia explica que para a listaxe unificada consideráronse todas as denominacións patrimoniais das aves presentes na bibliografía lexicográfica galega e mais as recollidas por diversas persoas especialistas en ornitoloxía e filoloxía nas diferentes áreas do territorio de fala galega, incluído o coñecido como galego exterior de Asturias, León e Zamora. 

Nos casos en que foi preciso escoller unha forma patrimonial sobre outras, déuselles preferencia ás maioritarias no territorio galego. Isto explica, entre outras solucións, a elección de noiteboa fronte a avenoiteira para as especies do xénero Caprimulgus; ou no caso de variantes moi parecidas, a preferencia por anduriña fronte andoriña ou merlo antes que melro. Na procura da especificidade, a ornitoloxía xa hai tempo que fixo tamén escollas de certos nomes populares como liñaceiro antes que o sinónimo nabiñeiro para os paxaros dos xéneros Acanthis e Linaria ou a forma paspallás antes que sinónimos como codorniz.

Parte do equipo multidisciplinar que configurou o buscador dos nomes de aves © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.