A organización ecoloxista salienta a pouca información dispoñible sobre a presenza de aves mar adentro, en zonas non incluídas na nova Rede Natura e xa reservadas para instalacións eólicas
A ampliación da Rede Natural 2000 no litoral galego coa declaración dunha única Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) ininterrompida entre Asturias e Portugal vén de ser ben recibida SEO BirdLife, que a cualifica como "un dos fitos" da decisión do Goberno de España de ampliar as zonas mariñas protexidas en todo o Estado en resposta ás reclamacións reiteradas desde a Unión Europea. Porén, a organización ecoloxista, que participou no proceso de delimitación dos novos espazos protexidos, advirte de que seguen existindo riscos para as aves pola proximidade das zonas previstas para a implantación de enerxía eólica mariña.

SEO BirdLife sinala que a decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica de ampliar as zonas ZEPA previamente existentes entre a costa central asturiana e o suroeste de Galicia permite dar "continuidade ao importante corredor migratorio de aves que abarca a maior parte das augas do noroeste peninsular, polo que cruzan centos de miles de aves mariñas de decenas de especies cada ano, especialmente no seu paso post-nupcial, entre finais de verán e outono".
"Ata agora a rede de ZEPA mariñas cubría soamente parte do corredor, concentrando a atención nos puntos nos que o paso de aves é máis intenso nas proximidades de terra firme, como Estaca de Bares, ou en zonas especialmente propicias para a alimentación destas aves, como a Costa da Morte ou as Rías Baixas", explica a organización. E salienta que "coa ampliación, blíndase en parte o desenvolvemento de parques eólicos mariños, unha das ameazas potencialmente máis importantes para as aves de paso, dentro deste gran corredor".

Porén, SEO BirdLife matiza que o corredor agora delimitado podería ser máis amplo. O agora establecido é froito do proceso participativo do que ela mesma formou parte e no que o ministerio tivo en conta o mellor coñecemento dispoñible ata a data sobre a distribución das aves. "Sen embargo, cabe resaltar que a información sobre a extensión do corredor mar adentro é deficiente, e a ameaza da eólica mariña non queda de todo descartada, ao designarse Zonas de Alto Potencial para o desenvolvemento da Enerxía eólica mariña xusto no borde exterior da nova ZEPA, no marco dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo", aprobados o pasado febreiro.
SEO BirdLife considera que agora é "crucial" implantar plans de xestión xa que as zonas de protección para as aves "son agora as menos atendidas"
SEO BirdLife tamén matiza que "malia as boas novas de ampliación, é importante non baixar a garda e seguir traballando para acadar o obxectivo" do 30% da superficie mariña estatal protexida antes de 2030, "para o que será necesario seguir recompilando información e abordando as principais lagoas de coñecemento actuais". Pero a organización considera como o "máis importante" e "crucial" a elaboración, aprobación e implantación dos plans de xestión para os espazos da Rede Natura 2000, "unha asignatura pendente, e sen a cal os espazos mariños corren o risco de converterse en papel mollado". "Se ben hai avances neste sentido, o proceso está sendo moi lento e as ZEPA son agora as menos atendidas", conclúe.