O 2 de abril é o Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo no que promoven un cambio de actitude na cidadanía que desemboque na comprensión, tolerancia e respecto cara ás persoas con autismo
A Real Academia Galega actualiza a definición de autismo para adaptarse aos criterios científicos actuais, que deixaron atrás a súa consideración como unha enfermidade. Así, o dicionario da RAG pasa de consideralo un "trastorno psicolóxico" a un "trastorno do desenvolvemento neurolóxico".
"O autismo non cumpre con este criterio, xa que non implica un mal funcionamento dos sistemas corporais, senón diferenzas no procesamento neurolóxico. O cambio na súa conceptualización reflicte unha comprensión máis moderna e respectuosa da diversidade neurobiolóxica e destaca a importancia de aceptar e apoiar as persoas no espectro autista en función da súas necesidades e fortalezas individuais", argumenta a Federación de Autismo Galicia, que representa máis de dez mil persoas, entre as que presentan autismo e as súas familias.
"Conscientes do papel que a institución desempeña na sociedade, a RAG quere promover os principios de xustiza, igualdade e respecto á diversidade, o que nos leva a un proceso constante de revisión e modernización do dicionario", sinala a académica de número María Dolores Sánchez Palomino, coordinadora en funcións do Seminario de Lexicografía, na resposta remitida á Federación de Autismo Galicia, que solicitou a actualización da definición da entrada de autismo no dicionario da Academia.
No ano 2012 a Real Academia Española xa modificou a definición de autismo no seu dicionario para denominalo "trastorno do desenvolvemento que afecta á comunicación e á interacción social", apartando a relación da condición do autismo con síntomas derivados da esquizofrenia.
"Só o diálogo constante entre a sociedade e a Academia permitirá contar cunha obra que cubra as nosas necesidades", di Manuel González, director do dicionario da RAG
A nova redacción no dicionario da Real Academia Galega define o autismo como un "trastorno do desenvolvemento neurolóxico caracterizado pola dificultade na interacción social e na comunicación e por padróns de pensamento e comportamento restrinxidos, repetitivos e estereotipados". Ademais, no apartado de observación engade que normalmente se emprega a expresión trastorno do espectro autista ou trastorno do espectro do autismo (TEA) para designar un conxunto amplo de condicións que teñen unha prevaleza de 1 caso cada 100 nacementos.
"Estamos convencidos de que só o diálogo constante entre a sociedade e a Academia permitirá contar cunha obra que cubra as nosas necesidades", conclúe o director do dicionario da RAG, o académico de número Manuel González. De acordo cos cambios na entrada de autismo, tamén foi actualizada a voz autista.
Autismo Cerca De Ti é o lema da campaña do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo que se celebra este martes, 2 de abril. Unha campaña promovida polo movemento asociativo que pon o foco na prevalecía do autismo e en visibilizar as persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) que están ao noso carón, perseguindo xerar un cambio de actitude na cidadanía que desemboque na comprensión, tolerancia e respecto cara ás persoas con autismo e as súas familias.
A Federación Autismo Galicia anima a participar nunha campaña de sensibilización na que se convida á sociedade para facer o símbolo do infinito
O movemento asociativo do autismo promove unha campaña de sensibilización na que se convida á sociedade para facer o símbolo do infinito e o comparta nas redes sociais, co obxectivo de que a cidadanía coñeza mellor a especificidade do autismo, empatice coas persoas no espectro autista e as súas familias, e contribúa a mellorar a súa calidade de vida e a participar na sociedade en igualdade de condicións.
Aínda que as persoas autistas compartan un mesmo diagnóstico, cada unha delas é diferente ás demais e ten as súas propias capacidades, necesidades e intereses. "Por iso, precisa duns apoios individualizados e especializados que se axusten a cada etapa do seu ciclo vital para promover a súa participación social en igualdade de condicións", destacan desde a Federación Autismo Galicia.