"Se toca un bo colexio, xenial, pero como toque un malo, o teu fillo sufrirá as consecuencias. E se toca un mal profesional, esteas escolarizado onde esteas: colexio preferente, aula estable, especifico, ordinario con apoios..., se toca, fódeste". Así resume a súa situación curso tras curso Esther Cuadrado, membro da Plataforma Galega pola Educación Inclusiva e nai de Arturo, un neno con autismo. E de igual xeito, conta no seu blog La Sonrisa de Arturo, "un colexio pode ter un equipo docente de primeira calidade ata que, por motivos complexos de explicar, estes profesionais son trasladados a outros colexios, e, novamente ao bombo, a rogar que os novos docentes sexan competentes".
Algo así debeu suceder nos últimos meses, segundo relata. O seu fillo Arturo está matriculado dende hai anos no CEIP Salgado Torres da Coruña, un centro de escolarización preferente para nenos con TGD e que, polo tanto, debería estar perfectamente dotado para atender adecuadamente estes nenos. A pesar de que hai dous anos a CIG e a Plataforma Galega pola Educación Inclusiva denunciaran que os recortes orzamentarios da Consellaría de Educación obrigaran ao centro a contar cun docente menos de pedagoxía terapéutica, a situación de Arturo no curso pasado era boa, tanto no que respecta ao seu comportamento e desenvolvemento nas clases coma na relación cos seus compañeiros.
Porén, neste novo curso os mestres cambiaron e Arturo comezou a amosar "condutas de nerviosismo, ansiedade, desorientación, medo e agresividade xusto co inicio do curso escolar", como destaca Autismo Diario. Cando a familia de Arturo preguntou no centro polo motivo desta situación, descubriron que ao neno se lle retiraran os apoios visuais da aula, onde tamén se alterara a disposición espacial dos seus elementos, a localización dos materiais de traballo e toda a contorna do neno. Tamén souberon, a través doutros alumnos e dos seus pais e nais que a titora adoitaba berrarlle a Arturo, e en xeral unha situación de medo e tensión. Cando a familia de Arturo lle afeou esta actitude, a titora alega "liberdade de cátedra".
A situación de Arturo agravouse e chegou a ser atendido de urxencia no Hospital Materno Infantil da Coruña, onde a psiquiatra decidiu aplicar un tratamento farmacolóxico. E a partir do 24 de outubro, relata Autismo Diario, "as condutas son xa totalmente explosivas, con ataques de pánico, agresións a terceiros, á contorna e autoagresións, continuos berrinches, negación de levar a cabo as actividades que lle encantaban, cero tolerancia á frustración". A familia pediulle ao centro, relata a nai, un rexistro de condutas e ante a negativa da dirección, chegou a solicitarllo vía xudicial, despois de poñerse en contacto con Inspección Educativa, co Xefe Territorial de Educación e o Equipo de Orientación. A primeiros de novembro o colexio entregou o primeiro rexistro de condutas, pero o rexistro non concordaba cos modelos estándar de rexistros de conduta, nin parece recoller fielmente as condutas do neno. Despois dunha nova protesta, a nai recibiu a resposta verbal de que "en realidade non teñen formación para facer eses rexistros de conduta".
Despois dunha nova protesta, a nai recibe a resposta verbal de que "en realidade non teñen formación para facer eses rexistros de conduta"
Finalmente, o 20 de novembro, nunha revisión no servizo de psiquiatría á que o neno acudiu para o seu seguimento, a psiquiatra decidiu a súa desescolarización. Posteriormente, a nai descubriu que o neno sufrira unha crise, "agredindo outros nenos, escapando de aula en aula, abrindo portas ou tentando morder a súa titora", segundo relata ela mesma. Porén, o centro non a informou do sucedido. Tras este desagradable episodio, os pais reuníronse co Director Xeral de Educación, que lles propuxo trasladar a Arturo ao colexio onde se atopa actualmente a antiga Pedagoga Terapéutica que traballara co neno conseguindo grandes avances. Pero a familia rexeitou a idea, pois entende "que o neno non pode ir de colexio en colexio seguindo os cambios de centro da profesional".
Arturo volveu recentemente ao colexio, baixo unha estrita supervisión médica e cos seus pais en alerta, pois segue presentando certo grao de ansiedade e medo e segue requirindo o uso de medicación
Arturo volveu recentemente ao colexio, baixo unha estrita supervisión médica e cos seus pais en alerta, pois segue presentando certo grao de ansiedade e medo e segue requirindo o uso de medicación. A nai denuncia que nin dende o centro nin dende a Consellaría se tomou ningunha medida para mellorar a situación de Arturo.
Os recortes afectan máis a quen máis necesitan os servizos
Non é a primeira vez que se denuncian casos semellantes en Galicia. Autismo Diario afirma ter recibido "diversas denuncias de familias galegas que se queixaban sobre aspectos relacionados coa atención en colexios públicos dos seus fillos con autismo, incluíndo algún caso que poderiamos considerar grave". Xa hai ano e medio os responsables da asociación Anhida da Coruña, colectivo de nenos con trastorno por déficit de atención e/ou hiperactividade (TDAH), sinalaban en Praza que “está claro que se se reduce persoal educativo, sexa cal sexa, especialistas en pedagoxía terapéutica, mestres ou calquera, as aulas estarán máis masificadas, o que impide o trato individualizado, teña o alumnado necesidade específica de atención educativa ou non; o alumnado con algún trastorno, dificultade ou necesidade, obviamente que o vai sufrir máis que o resto”.
Autismo Diario afirma ter recibido "diversas denuncias de familias galegas que se queixaban sobre aspectos relacionados coa atención en colexios públicos dos seus fillos con autismo
De igual xeito, María José Muñiz, presidente de Asperga, Asociación Galega de Familias de Persoas Afectadas pola Síndrome de Asperger, destacaba que “os cativos precisan unha metodoloxía diferente de ensino e máis tempo de dedicación; ademais, tamén necesitan unha persoa de referencia, un profesor de apoio que estea pendente deles cando se poñen nerviosos”, e que “a masificación das clases prexudícaos moito xa polo feito da súa sensibilidade auditiva; a máis ruído, máis problemas para eles, e cun profesorado que non lles vai poder dedicar todo o tempo necesario”.