Do museo involuntario do Porto de Vigo á illa da Memoria: un Sinsal para descubrir músicas e recuperar costumes sostibles

Actuación de Hatis Noit no escenario da illa de San Antón na pasada edición do festival Sinsal San Simón © Olalla Lojo

O 25 de xullo, nun espazo do Porto de Vigo no que habitualmente se cargan e descargan pedras de 50 mil quilos, terá lugar a actuación do grupo Ombligo

Demostrando sempre a súa singularidade, o Sinsal adianta a súa celebración este verán e engade unha xornada que vai máis alá do musical antes de levar o público ata a Illa de San Simón. No serán do Día Nacional de Galicia abrirá o Porto de Vigo á cidadanía para unha experiencia de divulgación sobre o traballo que alí se desenvolve a diario, sumada ao concerto do proxecto Ombligo. Nun espazo no que habitualmente se cargan e descargan pedras de 50 mil quilos terá lugar unha actuación “moi dos nosos tempos” cunha fusión do cabaret, o jazz e outros sons co solpor de fondo. Os días 26, 27 e 28 de xullo o festival volve a San Simón, a illa da Memoria, reconquistada do seu pasado de horror franquista para tornar na "illa dos amores".

“Todo o que acontece no tecido industrial, para os que non vivimos esa realidade no día a día, é asombroso. Descobres un mundo físico, pero tamén un mundo sensitivo moi especial. Neste lugar do porto conviven contedores con materias primas moi especiais. A verdade é que sen o entusiasmo e complicidade do equipo de Kaleido non sería posible esta actividade, que xa intentamos o ano pasado e que vai na liña de relacionar o tecido industrial co social como xa fixemos outras veces na lonxa, nos estaleiros ou nos peiraos. Estes espazos son museos espontáneos, imos estar case como nunha instalación de Richard Serra”, celebra Julio Gómez, codirector do Sinsal.

O Sinsal volve á Illa de San Simón do 26 ao 28 de xullo © Olalla Lojo

"Temos a obriga de ofrecer alternativas e cousas novas", di Julio Gómez sobre o cartel segredo do Sinsal San Simón

Menos dun mes antes de que os barcos comecen a encherse de músicas e músicos cara a San Simón, o equipo do festival vén de pechar a actuación dun artista co que levan en contacto máis de seis meses. O labor de busca non para dunha edición a outra, os directores do festival, Julio Gómez e Luis Campos, alimentan a súa curiosidade con novas músicas de forma permanente. “Os artistas que veñen de fóra da Unión Europea, sobre todo de África, teñen cada vez máis problemas, tanto de visados como para voar. Para moitos artistas o medio de transporte é fundamental e os prezos dos avións están disparados”, di Gómez.

"É unha negociación non negociada, non podemos ceder ao que busca un perfil de público, ou o público en xeral, neste momento no que os gustos están excesivamente condicionados"

Os principios básicos para artellar o cartel do Sinsal San Simón, que as persoas asistentes non descobren ata desembarcar na illa, pasa pola variedade e a diversidade. “Unha vez pechas as posibilidades materiais do festival, as opcións que tes de viaxes, de orzamento, de visados... é dicir, toda esa parte tanto económica como burocrática, ao mesmo tempo tamén miramos que perfís encaixan dentro do que buscamos. Pensamos moitísimo no público e no espazo, e evidentemente pensamos en nós”, conta Julio Gómez, para explicar que ada ano resulta máis difícil non ceder: “É unha negociación non negociada, non podemos ceder ao que busca un perfil de público, ou o público en xeral, neste momento no que os gustos están excesivamente condicionados. Como festival especializado temos a obriga de ofrecer alternativas e cousas novas. Se non non seriamos nós, non sería Sinsal... sería un festival moito máis común”.

O reto non remata cando se pechan os artistas que estarán ao longo dos tres días que dura o festival nos escenarios da illa, pois o resultado final definirá todo o traballo anterior e “nunca sabes como vai saír”. “Afortunadamente, aínda que hai xente que pense o contrario, hai tantísimos artistas facendo cousas absolutamente incribles e alucinantes no mundo que penso que somos moi afortunados de poder atopar sempre propostas moi interesantes”, defende Julio Gómez.

Julio Gómez na escola Sinsal da pasada edición do festival © Lino Escurís

O Sinsal pertence a un círculo musical internacional, os seus directores xa saben en que outros festivais teñen que fixarse e, á vez, desde eses proxectos tamén miran cara ao que fan eles desde Galicia. Hai axencias de representación de artistas coas que traballan hai vinte anos e, neste tempo, o Sinsal converteuse tamén en prescritor de artistas. O último exemplo é o da portuguesa Ana Lua Caiano, que participou na pasada edición e despois fichou por unha axencia francesa coa que manteñen unha longa relación.

"Intentamos que as actuacións sexan estreas, en Galicia seguro e no Estado case seguro"

O Sinsal non ten competencia en Galicia como festival de música ao que ir para descubrir sons, proxectos, fusións ou mesmo estilos. Luis Campos e Julio Gómez procuran atender as propostas que máis lles chaman a atención e non só ás máis próximas –culturalmente falando– a Galicia. “Intentamos que as actuacións sexan estreas, en Galicia seguro e no Estado case seguro. Isto para outros festivais é moi complexo porque dependen daquilo que coñece a xente. E o que coñece a xente, insisto, é unha porcentaxe tan pequena do que está pasando no mundo”, sinala Gómez.

“Este ano temos un cartel atractivo e que nos gusta, pero non chegamos ao nivel do ano pasado, cando contamos con formacións de cinco ou seis músicos. E iso non é posible nesta edición, haberá bandas pero buscamos máis tríos, solistas e dúos. Todo depende do resultado final, que é unha lotaría, pero tampouco me preocupa porque quen temos esta inquedanza de ir a un restaurante a comer cousas novas sabemos que unha cousa pode gustar máis ou menos, pero hai de todo, tamén hai xente que quere comer pizza todos os días”, debulla Julio Gómez, que incide nas dificultades para traer artistas doutros continentes ata Galicia.

Desembarco do público na Illa de San Simón © Olalla Lojo

Un Sinsal sen rastro

“Isto ten que poder facerse doutra maneira”. O espazo no que se desenvolve o Sinsal é moi sensible e delicado, o equipo trata de aprender da experiencia e cada ano busca diminuír a súa pegada na illa. Con todo, por moito que avancen desde a organización e as empresas colaboradoras, o público ten a derradeira palabra para conseguir esa redución do impacto medioambiental.

"Teremos a capacidade de decidir se recollemos ese lixo ou lle dicimos á persoa que a responsabilidade e súa e o ten que levar para a súa casa de volta"

“Todos temos que ser responsables dos residuos que xeramos”, afirma María Baqueiro, responsable de sostibilidade do Sinsal, que tras poñer en marcha iniciativas como Sinsal sen plástico ou Sinsal sen fume este ano aposta polo Sinsal sen rastro. “Animamos a xente a vir ao festival co seu ‘kit festivaleiro’ no que poden traer un vaso ou recipiente no que poder beber auga potable das billas que hai na illa, un pano de mesa de tea ou un prato e cubertos de varios usos (sempre que non sexan de vidro ou metálicos), como cando vas de pícnic”, detalla.

“Máis que pensar no propio festival, trátase de que consigamos unha reflexión sobre o noso día a día. Temos que ser quen de aplicar determinados xestos desde o individual, sen ter que agardar normativas nin unha conciencia social de toda a cidadanía, cremos que este é o camiño a seguir”, apunta Julio Gómez.

Desde a organización levan varias edicións de proba e, por moitos sistemas que apliquen, acaban atopando residuos plásticos nos seus contedores que proveñen do público. Por iso este ano incorporan un centro de recolleita de residuos na illa desde o que tamén farán divulgación. 

“Durante todo o festival estará activo o ‘Punto R’ para asegurar que se fai ben a separación selectiva e que non temos que perder tanto tempo ao remate de cada xornada revisando todas as bolsas. Así, este ano teremos a capacidade de decidir se recollemos ese lixo ou lle dicimos á persoa que a responsabilidade e súa e o ten que levar para a súa casa de volta e reciclalo nos contedores do lixo que empregue no seu día a día. Faremos a proba para que a xente sexa consciente de que estamos no medio do mar, nun espazo natural e protexido, e que cada xesto conta”, razoa María Baqueiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.