Son días de memoria para as vítimas do golpe de Estado perpetrado formalmente hai este luns 80 anos. Cunha carga inmensa de memoria chegaron este domingo á Illa de San Simón numerosos activistas agrupados nas asociacións a prol da memoria histórica e, á súa vez, na Iniciativa Galega pola Memoria. Una visita demorada, mostra de imaxes dos anos en que os franquistas converteron en campo de concentración este privilexiado enclave natural, palabras, lembranzas e música serviron para "reconquistar" o que foi un espazo de terror e, dende alí, reivindicar xustiza e reparación para as vítimas na súa homenaxe nacional. Requisar a morte e facer de San Simón a "illa dos amores".
Oito décadas despois do golpe e cando xa transcorreu unha dende que Galicia conmemorara o Ano da Memoria, a Declaración de San Simón anova neste 2016 a reivindicación de facer da illa "un espazo da memoria e da liberdade", o lugar "onde triunfe a verdade para derrotar a desmemoria, o esquecemento e a mentira". Que ese, reclaman, sexa "o lugar da xustiza e da reparación á que teñen dereito" as vítimas e as súas familias, pero tamén "toda sociedade democrática e libre", un obxectivo "inaprazábel 80 anos depois do inicio do golpe de Estado contra a República".
"Non se pode construír unha democracia sobre o esquecemento dos homes e mulleres que loitaron e se sacrificaron por ela, non podemos nin queremos aturar por máis tempo a pervivencia da memoria construída no franquismo" e tampouco "o silencio cómplice da transición", di o documento. Facelo será tanto como "adiar a verdade, a xustiza e a reparación no nome de causas supostamente máis elevadas". "É, sobre todo, un compromiso que adquirimos dende a Iniciativa Galega pola Memoria coas miles de persoas que estiveron aquí presas e coas súas familias", sinalan.
Os presos de San Simón, di a IGM, representan a quen " de calquera xeito sufriron a dor do cárcere, da soidade, do illamento, da inxustiza", e tamén a quen morreron de fame ou "foron sacadas de noite cara a unha curva ou a un noiro do que nunca volveron". A fermosa ría tornou naqueles días "na maior foxa común de Galiza" mentres "nais, compañeiras e orfas volvían na lancha" co "paquete feito", cheo de roupa e comida "para os que xa non estaban". "Seguiron adiante cargando soas co peso da vida e coa dor interminábel da memoria para deixárnola como herdanza", evocan.
A Iniciativa Galega pola Memoria insta a retomar o proxecto de declarar San Simón como "illa da memoria", con actividades permanentes de lembranza das persoas represaliadas na ditadura
Por todo isto, a Iniciativa Galega pola Memoria renova as súas reivindicacións e sintetízaas en cinco puntos, a comezar por "esixir" a "condena do golpe de Estado militar de 1936 e do xenocidio e a ditadura fascista que provocou", e a concreción desa condena na "aprobación dunha política pública de memoria" polos gobernos español e galego. "Como punto de partida desta política consideramos de máximo interese as recomendacións do informe do relator da ONU para os dereitos humanos, Pablo de Greiff, que o pasado 2014 censurou o esquecemento das vítimas tras reunirse en Galicia con familias represaliadas pola ditadura e ante quen a Xunta se gabou de proxectos de memoria histórica que tiveron que pechar por falta de financiamento.
A derrogación da lei de amnistía de 1977 ou a eliminación definitiva da simboloxía franquista son outras das medidas que a IGM reclama xunto á petición dun "compomiso dos poderes públicos en xeral e da Administración de Xustiza en particular, a prol da recuperación da memoria histórica e do dereito ao coñeceemnto da verdade, ao exercicio da xustiza seguindo o criterio de non prescrición dos delitos de lesa humanidade e á reparación de todas as vítimas". Todos estes compromisos, din, deberan poder ser reivindicados permanentemente dende a Illa de San Simón, declarándoa oficialmente "illa da memoria" e converténdoa "en espazo simbólico da memoria colectiva da represión, da resistencia e de solidariedade", cun programa estable de actividades. "Esta illa que foi requisada para a morte queremos convertila en espazo de liberdade para sempre", conclúen.
- PARA SABER MÁIS | Aillados. A memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón