0 Gardados para despois

A ONU escoita as vítimas galegas do franquismo para "magnificar" as súas voces

Redacción | @prazapublica

A ONU puido comprobar de novo como o Estado segue sen facer nada por reparar os represaliados polo franquismo. Fíxoo a través do seu relator especial sobre a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, Pablo de Greiff, que se reuniu en Compostela coas organizacións coordenadas na Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) e con vítimas da ditadura fascista en España.

O relator especial da ONU escoitou en Galicia os relatos das vítimas e das asociacións da memoria histórica

De Greiff escoitou con atención os relatos de numerosos colectivos e vítimas que lle reiteraron con detalle a represión sufrida, a desaparición de milleiros de persoas, os asasinatos ou as fosas existentes no país, así como a permanencia da simboloxía franquista ou o incumprimento da Lei da Memoria Histórica, as honras e distincións a altos cargos do franquismo ou o inexistente apoio á querela arxentina contra a ditadura. E fíxoo na súa visita a Galicia, dentro dunha visita a España -onde leva desde o pasado día 21- e que o levou tamén a Madrid, Cataluña e Andalucía.

Con todos os datos recollidos, De Greiff colgará na web do seu organismo (www.ohchr.org) as conclusións da súa viaxe ao Estado tras anunciar que sobre o mes de maio o seu equipo terá redactadas as recomendacións ao Goberno de España en materia de dereitos humanos, que serán publicadas e notificadas ao Executivo contra o  mes de outubro. Será, segundo todas as previsións, un novo "tirón de orellas" á Administración. O relator da ONU agarda que os informes "sirvan a curto, medio e longo prazo para solucionar a posibilidade de exercer os deritos á verdade, á xustiza e á reparación".

De Greiff cre que reiterar as recomendacións a España "xa é inútil" e avoga por "magnificar e amplificar as voces das vítimas"

No entanto, Pablo de Greiff coincidiu con varios das vítimas e asociacións ao asegurar que reiterar as recomendacións da ONU ao Goberno español en materia de dereitos humanos no que atinxe ao franquismo "xa é inútil" e lembrou que as Nacións Unidas non teñen capacidade de impoñer resolucións a países soberanos. O que si deixou claro é que o seu papel consiste en "magnificar e darlle ampliación ás voces das vítimas" para deste xeito "formar mecanismos que impidan a pasividade dos gobernos en materia de  memoria histórica".

Durante os relatos, Rubén Afonso, voceiro da IGM, lembrou todas as anomalías democráticas do Estado arredor da ditadura franquista, destacando a total falta de colaboración do goberno do PP, quen negou toda axuda económica ás asociacións que se ocupaban de exhumar as vítimas, "cando tiña que ser o própio Estado quen se fixera cargo desa responsabilidade".

Así, sucedéronse reivindicacións de distintos voceiros de asociacións, como o de Xoán Carlos Garrido, de Sinhor Afranio de Silleda, que incidiu en censurar a Lei de Amnistía, ou a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) do Barbanza, que denunciou o incumprimento da Lei de Memoria Histórica, a eliminación por parte da Xunta do proxecto Nomes e Voces ou os atrancos burocráticos e a nula axuda económica para acceder ás fosas.

Varias asociacións pola memoria censuraron a nula actuación do Goberno á hora de reparar as vítimas e lembraron as anomalías democráticas do Estado

Valentín García Bóveda, presidente de Verbo Xido e directivo da Fundación Alexandre Bóveda, pediu ademais que se inclúa no sistema educativo o estudo da represión franquista para evitar "que haxa actitudes de xustificación da ditadura". Enriqueta Otero, da CRMH de Marín, fixo un chamamento para mellorar o acceso aos arquivos para a investigación do franquismo.

Por outra banda, Telmo Comesaña, da Asociación Viguesa Memoria do 36, informou sobre a sistemática denuncia da simboloxía franquista aínda permantente en Vigo, sobre todo no que atinxe á Cruz do Castro, mentres que Antonio Nores, da Asociación da Memoria Histórica de Cangas, criticou que non se fagan as probas de ADN en Galicia ás vítimas, cando existe un dos mellores laboratorios e reclamou que se fixera un protocolo por parte do goberno en materia de foxas.

Claudio Rodríguez Fer, da Asociación pola Dignificación das Vítimas do Fascismo en Lugo criticou tamén o efecto dobre da represión ás mulleres, quen, ademáis de sufrir o franquismo máis reaccionario, "tiveron que apandar coa represión de xénero que o réxime fascista de Franco fixo sobre elas" e censurou tamén a dedicación de rúas a Manuel Fraga Iribarne. Desde a CRMH da Coruña, destacouse a permanencia actual do Pazo de Meirás como propiedad da familia Franco, co consentimento da Xunta e fixo unha condena da concesión de títulos nobiliarios a destacados franquistas con dereitos económicos para os seus descendentes, así como do mantemento das rúas dedicadas a cargos da ditadura.

 

A experienca das vítimas

Logo, foi quenda das vítimas. Manuel de Cangas, Antonio de Vigo, Dolores e Andrés de Ribeira, Manuel Monge da Coruña... Eles relataron emocionados as experiencias vividas por eles ou polos seus familiares tan só por "defender a xustiza". Ademais, destacaron a interiorización do "medo máis profundo" das súas vidas e que lles fixo temer "pensar, actuar, a vivir ou incluso a ser".

Xa por último, outros representantes de asociacións, como Lorena, que acudiu para contar o caso da CNT, que contaba con 40.000 afiliados en 1936 en España e que está baixo mínimos na actualidade. 500 deses militantes foron asasinados en Galicia. Ana Pontón, deputada do BNG, denunciou o incumprimento da lexislación internacional en materia de dereitos humanos, no tema da impunidade do franquismo, criticando tamén á chamada “transición” como un pacto entre os poderes fácticos e o franquismo.

Logo, o escritor Manuel Rivas interveu para denunciar que o goberno español estea nun proceso de “acoutar o cumprimento da lexislación internacional en materia de dereitos humanos”. Así, destacou que o PP, nada máis gañar as últimas eleccións, pechara a Oficina para as Vítimas do Franquismo e o propio Rajoy declarara que non ía destinar “nin ún só euro para recuperar o pasado”. Rivas tamén sostivo a necesidade de que sexa o Estado que faga o censo das vítimas, que calculou en máis de 150.000 en todo o Estado, para rematar dicindo que foi o ex xuíz Baltasar Garzón o único “condenado polos crimes franquistas no Estado español, ao ter a intención de investigalos”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.