0 Gardados para despois

A ONU eloxia 'Nomes e Voces' e pide á administración que lle achegue recursos

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Documentos relacionados

"Podemos sentirnos satisfeitos do traballo, mesmo orgullosos; case todo o que pretenden facer en Andalucía e o País Vasco supón retomar o que xa se fixo en Galicia á altura de 2009". O grupo de investigación Histagra e responsable do proxecto de Nomes e Voces expresa así a súa satisfacción logo de coñecer en detalle as observacións preliminares do relator especial da ONU para a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición logo da súa visita oficial ao Estado, e que rematou a pasada semana na súa xuntanza coa Xunta e cos represaliados e asociacións da memoria histórica en Galicia.

A ONU cualifica de "excelente" o traballo de 'Nomes e voces' e pono como exemplo do que se debería facer no resto do Estado

Nesas primeiras conclusións -á espera do informe oficial de setembro-, Pablo de Greiff censura a España por esquecer as vítimas, non xulgar o franquismo ou pola súa inacción ante a situación dos milleiros de represaliados e as súas familias. Pero ademais, o relator das Nacións Unidas destaca o proxecto interuniversitario Nomes e Voces, unha iniciativa de investigación sobre a represión franquista durante a guerra e a ditadura, e cuxa páxina web cualifica de "excelente" e que chega a poñer como exemplo do que debería facerse no resto de territorios do Estado.

O relator das Nacións Unidas destaca "a información catalogada e sistematizada sobre as vítimas que inclúe testemuños de vítimas e familiares, documentos e fotografías" e lamenta "que non exitan na actualidade iniciativas semellantes a nivel estatal", así como "a falta de coordinación" entre proxectos semellantes. Pablo de Greiff destaca a achega de Nomes e Voces, un proxecto que o Goberno de Feijóo deixou de morrer ao retirarlle as subvencións e que tivo que botar o ferrollo por falta de apoio, malia que a Xunta non dubidou en presumir do seu apoio a el diante do representante da ONU.

De Greiff denuncia que proxectos como o galego "atópanse en estado de parálise por falta de recursos"

Por iso, De Greiff denuncia que proxectos como Nomes e Voces e outros "carecen de falta de recursos". "Os máis afortunados sufriron recortes moi severos nos seus orzamentos; os menos afortunados (que numericamente son a maioría) aparentemente atópanse en estado de parálise debido á falta de recursos". Este é o caso do proxecto interuniversitario galego, con cuxos responsables tamén se reuniu o relator da ONU, que destaca que "os presupostos para os programas de memoria histórica a nivel das autonomías, onde se fixeron, deixaron de existir" e repara en que "o único que está ampliando os seus fondos é o Memorial Democrático de Andalucía".

Ante esta situación, o relator das Nacións Unidas non dubida en "instar as autoridades, aos diferentes niveis, non só a restablecer, senón a aumentar os recursos dedicados á memoria histórica", logo de advertir de que non pretende "menosprezar o problema da falta de recursos que padecen as diferentes iniciativas".

Nacións Unidas insta as autoridades "non só a restablecer, senón a aumentar os recursos dedicados á memoria histórica"

 

Un proxecto 'afogado'

Nomes e Voces xurdira en 2006 ao abeiro daquel Ano da Memoria promovido polo Goberno bipartito. Foi un proxecto de investigación que implicou as tres universidades galegas co obxectivo de "estudar a represión franquista durante a Guerra Civil e a ditadura e ofrecerlle á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución por mor da súa ideoloxía e da súa posición favorable á democracia republicana". Entrevistas con vítimas e as súas familias, baleirado de milleiros de causas xudiciais e unha abondosa produción científica foi o resultado dunha iniciativa agora paralizada por falta de subvención pública.

A Xunta presumiu o pasado novembro, e agora ante a ONU, de apoiar un proxecto que deixou morrer

Xa a Xunta, o pasado mes de novembro, gabárase de cumprir "o convenio asinado polo anterior Executivo autonómico", cunha achega de "240.000 euros no ano 2009 que permitiron rematar a cuarta fase do programa de accións conxuntas dirixidas a desenvolver a investigación histórica sobre a represión en Galicia". Tamén presumira de asumir en 2010 "as novas necesidades do devandito proxecto", cun novo convenio de 30.000 euros para o "mantemento físico e actualización de contidos da información recollida na base de datos de vítimas da Guerra Civil e da represión franquista". Pero iso foi todo. Nin unha achega máis. Nomes e Voces tivo que botar o ferrollo e suspender as súas actividades, malia que todo o traballo feito mantense para a súa consulta na web. O mesmo traballo que a propia ONU vén de definir como exemplar.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.