Vinte e cinco bandas para tres días de música secreta e diversa en San Simón

Concerto de Rigoberta Bandini no Sinsal 2021 © Olalla Lojo / Sinsal

O Sinsal é un festival singular. Así o foi durante dezanove edicións -incluídas as turbulencias da pandemia- e así o será na vixésima, que bota a andar este venres, 22 de xullo, en San Simón (Redondela). Ninguén sabe que músicas vai atopar ao desembarcar na histórica illa, e así e todo o festival xa ten absolutamente todo vendido: non hai billetes de día e tampouco abonos. Nin cartel, agás unhas poucas pistas.

Como é habitual, as bandas e artistas que conforman o menú musical do Sinsal son secretas. Só houbo algunhas pistas nas últimas semanas a través das redes sociais, que nas horas previas foron concretadas apenas un chisco máis. Serán vinte e cinco bandas e artistas de Europa, América e Asia, nove delas galegas. E coma sempre, será un festival diverso, aberto ás novas músicas.

Asistentes ao Sinsal 2021, chegando a San Simón © Olalla Lojo / Sinsal

De Galicia aos Altos do Golán, de Corea ao Brasil pasando por Colombia ou a República Dominicana; de referencias a artistas emerxentes. Son as orixes e os trazos do retrato robot do que se poderá ver e escoitar nos dous escenarios xa instalados en San Simón, onde soarán músicas do mundo, electrónica, jazz, flamenco, clásica, pop ou cumbia.

Músicas do mundo, electrónica, jazz, flamenco, clásica, pop ou cumbia soan do 22 ao 24 de xullo na illa de San Simón coa vixésima edición do Sinsal, que continúa o día 25 cun concerto igualmente secreto no estaleiro vigués Cardama

Ao misterio do cartel engádese neste 2022 unha expectativa máis. Un dos barcos que trasladan asistentes do festivais á illa será escenario dun concerto tamén secreto. A organización só adianta que a protagonista dese recital en plena ría será unha das artistas que participa no programa Descúbreas, co que a Deputación de Pontevedra impulsa o talento musical feminino.

Os concertos son a cerna do Sinsal, pero este non é un festival de plato único: Obradoiros de reciclaxe, paseos pola illa guiados por artistas e mariscadoras son tamén parte dun programa que inclúe dúas exposicións: A
Escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage e mais Por que as túas fillas escoitan trap?, esta última concibida como "unha aproximación á historia da tecnoloxía musical e como a electricidade mudou o xeito de compoñer e interpretar".

As catalás Tarta Relena no Sinsal 2021 © Olalla Lojo/Sinsal

Tras os tres días do festival en San Simón, do venres 22 ao domingo 24, na xornada do Día Nacional o Sinsal cruza a ría ata os estaleiros Cardama, en Vigo. Alí foi onde se celebrou o Sinsal Litoral 2020, marcado polas restricións da pandemia e alí convidan a achegarse para escoitar, dende as nove da noite deste 25 de xullo, a unha banda da que tamén ofrecen unicamente unha pista: chegan de Dinamarca e non actuarán na illa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.