- 📸EN VINTE | Estes artistas víchelos primeiro en San Simón
O Sinsal Esencial 2021 volveu dous anos despois e achegou propostas como as catalás Tarta Relena ou a compostelá Elba nunha edición que contou co peche da artista Rigoberta Bandini
Volvemos á Illa de San Simón co Sinsal porque, efectivamente, era Esencial. Despois dun verán sen conquistas en barco de grupos sorpresa á illa que garda a memoria dos represaliados na Guerra Civil, a equipa liderada por Julio Gómez e Luis Campos, que cada edición nos volve abraiar, logrou encher de volta os catamaráns para que a fin de semana do Día Nacional de Galicia as novas músicas soasen no medio da ría de Vigo nun formato adaptado ás restricións: o Sinsal Esencial 2021.
Tres días de festival co cartaz secreto que remataron por todo o alto coa actuación de Rigoberta Bandini, unha das artistas do momento. Entre outras cousas porque, quen máis e quen menos, todas precisamos berrar neste verán –marcado pola vacinación da COVID-19 en medio dos contaxios– iso de yo nací para ser perra, por favor dejadme serlo.
As galegas Leticia Rey e Elba, con estilos case opostos, a primeira máis preto do folk e do indie e a segunda cunha mistura do dream pop coa chamada dark wave, foron as primeiras encargadas de devolver a música contemporánea á Illa de San Simón dous anos despois. Se a idea era levar propostas estimulantes, o comezo do festival estivo moi acaído.
Nesta primeira xornada tamén se puido escoitar á catalá Queralt Lahoz, que é quen de introducir os ritmos da música urbana nunha base de flamenco. Unha voz moi especial que comeza atopar o seu sitio. Como especiais son a troupe de Chill Mafia, que desde Pamplona levaron a festa ao escenario do Sinsal. Máscaras, distancias e xel hidroalcohólico mediante, bailouse e cantouse como se o ano en branco que separa a última edición desta non tivera existido.
As que chegamos o sábado á illa atopámonos con Mariagrep e o seu indiepop confesional con notas electrónicas. O 70% das bandas que participaron nesta edición está liderada por unha muller, non compensa o cartaz doutras propostas para este verán, mais agradécese que se lle dea visibilidade ás músicas en feminino. Resulta difícil non mencionar que ao remate da súa actuación, Mariagrep deixounos coa que, nas súas palabras, é "a mellor canción que se escribiu". Si, debaixo das máscaras cantouse La Playa de La Oreja de Van Gogh no Sinsal.
Poderíase pensar que é que todo soa mellor en San Simón, que non ten porque ser mentira, mais ás de Tarta Relena non lles fai falta a contorna da illa para mellorar a experiencia do seu directo. Cómpre pechar os ollos uns segundos por canción para meterse de verdade no seu imaxinario. As catalás tiñan case tanta gana de estar sobre o escenario como a que tiñamos o público de volver a este festival. “Agora mesmo as nosas vistas son descomunais”, dixeron no concerto, no que presentaron os temas do que será o seu novo disco, Fiat Lux.
Foi unha sorpresa agradable a descuberta do dúo aveirense formado por Susie Felipe e Vítor Hugo, Siricaia. Ritmos tradicionais portugueses, guitarra eléctrica e batería. Todo cunha factura moi elegante e unhas letras certamente suxestivas: "Entón, deixa para mañá o que poidas dicir hoxe". A pandemia da COVID-19 fixo imposible a participación das Tanxugueiras no Sinsal, que foron substituídas polos portugueses Whales, unha banda xa consolidada na escena independente do noso país irmán. O broche para esta xornada estivo a cargo da viguesa Akazie e a súa deconstrución da música electrónica.
A programación desta edición especial do festival completouse o domingo cos galegos Peña –Toño Magariños (Diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate)– co seu primeiro LP, Carneiro; o cantante e compositor barcelonés Nico Roig; a ecléctica proposta de Tonina; e a sesión do picadiscos Víktor Flores.
Todo isto nunha edición na que houbo concertos cun aforo moi reducido e en barco –como o de Marco Maril (Apenino)–, Diana Toucedo proxectou as primeiras imaxes do seu próximo documental e se debateu nas xornadas Localizar e deslocalizar. Conversas internacionais sobre igualdade, patrimonio e cambio climático, con representantes de iniciativas de Noruega, Líbano, Italia, Canadá e Galicia.
A fin de semana pasou pero o espírito do Sinsal en San Simón fica no recordo ata xullo de 2022, cando seguirá a ser Esencial, mais agardamos que xa non haxa que levar máscaras porque non teñamos o coronavirus entre nós. Até já, Sinsal!