"Temos que combinar diferentes facetas artísticas, o Sinsal non pode ser só un festival musical"

Concerto de Young Marble Giants en 2008 © Olalla Lojo

“O Festival Sinsal segue unha liña de programación, un concepto de entender a música que non se identifica cun estilo concreto, que vai máis alá. É un festival de propostas musicais e de diversidade, que ten un público que se identifica coa música nun sentido amplo”. Con estas palabras, Julio Gómez define o Festival Sinsal, que esta fin de semana tomará o Marco de Vigo para lle dar comezo a súa décima edición. O pistoletazo de saída virá da man do Club Sinsal, un conxunto de actividades que encherán de música, cinema, fotografía e literatura os diversos espazos da institución viguesa dende as 18.00 horas deste sábado.

E ese só será o principio, o aperitivo para a serie de concertos e actividades para os próximos meses que están a preparar dentro dun festival que se celebra ao longo de todo o ano e que se foi espallando por toda Galicia co paso dos anos dende a súa sede orixinaria de Vigo. Co evento desta fin de semana no Marco, o festival dará comezo a súa nova edición, pero tamén será un  paso dentro da constante innovación e reinvención das súas liñas programáticas. “O Club Sinsal nace pola necesidade que tiñamos de buscar novas vías, de afondar na programación. Temos que combinar diferentes facetas artísticas, o Sinsal non pode ser unicamente un festival musical. O Club Sinsal é un novo paso nesa liña, servirá un pouco de test”, adianta Luis Campos quen, con Julio, forma a organización do Festival Sinsal dende os seus comezos en 2003.

"Temos que combinar diferentes facetas artísticas, o Sinsal non pode ser unicamente un festival musical"

O Club Sinsal creará un total de sete escenarios diferentes dentro do Marco, tres deles dedicados á musica. O primeiro será o Escenario Salón, polo que pasarán Phaedra (con Víctor Herrero), Montgolfier Brothers e Blues Control & Laraaji&Arji. No Escenario Super8 pasarán Orquesta Metamovida, Ignorantes, MCOM e Fantasmage. No Escenario Laboratorio, os protagonistas serán Recojo Chatarra, Carlos Suárez, Draen e Ucranian Bride.

Un cuarto escenario estará dedicado a literatura e, baixo o nome de Escritorio, reunirá a autores como María Xosé Queizán, Fran Alonso, Rexina Veiga e Fran Alonso. Este espazo, comisariado por Iago Martínez, Iolanda Zúñiga e Lucía Vázquez e patrocinado pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, será gratuíto e incluirá a actuación de DandyLady, novo grupo artístico formado por Iria Pinheiro e Jesús Tejada. Os espazos restante dedícanse aos directos para nenos (A Escola), as performances e os alumnos de ESDEMGA(Showroom).

O Club Sinsal contará coa implicación duns cincuenta artistas e ofrecerá vinte concertos

O Club Sinsal contará coa implicación duns cincuenta artistas e ofrecerá vinte concertos que darán comezo a programación desta edición, que precisamente Julio Gómez e Luis Campos presentarán en parte este mércores no Marco nunha rolda de prensa. “O programa que está feito agora mesmo está elaborado a curto prazo. Xa estamos pensando de cara ao verán para organizar catro ou cinco eventos máis, pero dependedemos das circunstancias que se vaian dar”, asegura Julio Gómez.

 

Preto de 200 concertos dende 2003

Dende que botou a andar en 2003, o Sinsal ofreceu preto de 200 concertos. Non obstante, as súas orixes remóntanse realmente ao 2002. Ese ano, os responsables do Sinsal abriron unha tenda de discos en Vigo. “O 15 de marzo de 2002 montamos o que foi a tenda de discos Sinsalaudio e o primeiro evento foi en 2003. Todo xurdiu alí, tiñamos a plataforma para que a xente coñecese o que nós íamos a programar”, explica Luís Campos. A primeira edición foi reducida, sen contar con demasiados apoios e buscaba darlle unha volta ao traballo de programación que se estaba a facer na sala Vademecum de Vigo.

“A primeira edición foi unha iniciativa privada, fíxose sen ningún tipo de patrocinador nin institución. Antes había unha programación especializada, moi completa que se estaba facendo en Vademecum"

“A primeira edición foi unha iniciativa privada, fíxose sen ningún tipo de patrocinador nin institución. Antes había unha programación especializada, moi completa que se estaba facendo en Vademecum. Dentro desa programación, sobre todo a partir de 1999, xa viñamos demandando que unha sala de concerto e club de copas tiña moitos puntos a favor, pero tamén varios atrancos. Había que buscar outros espazos”, rememora Julio Gómez.

Así xurdiu a primeira edición dun Festival que en todo momento buscou novos espazos e que no seu nacemento tivo moito que ver o Marco de Vigo, no que este fin de semana comezarán a décima edición. “O primeiro contacto institucional que tivemos foi precisamente co Marco, cando se iniciaron os encontros de Arte Sonora”, explica Julio. Aí chegou un primeiro paso e un trazo esencial da filosofía do Sinsal. “Estaba a idea de reivindicar a música nun espazo como un museo. E  despois, estendelo a outros espazos con eventos para encasillar todas as cousas que queríamos facer”, afirma Luís Campos.

A expansión do festival tamén veu acompañado por un incremento das datas e dos concertos até chegar ao pico do ano 2010

Dende Vigo, o Sinsal foi espallándose. “Había unha necesidade de facer concertos dun tipo de música non clásica en auditorios, en teatros e con butaca. Iso non era habitual nin por parte das institucións, nin por parte das bandas, nin tampouco do público. Niso fomos avanzando e a partir da quinta edición, puidemos estender o festival a outras cidades. Primeiro Santiago, despois A Coruña, Ferrol, Pontevedra”, sinala Gómez.

A expansión do festival tamén veu acompañado por un incremento das datas e dos concertos até chegar ao pico do ano 2010. En pleno Xacobeo, o Sinsal ofrecía unha inmensa programación ao longo do ano. “Non tivo que ver co Ano Santo, foi coincidencia”, afirma Julio Gómez. Máis de trinta artistas formaron o cartel ao longo do ano do Festival Sinsal, unha cifra e unha dimensión que a día de hoxe asemella excesiva. “Iso foi un exceso de programación.

"O que se fixo en San Simón pode resumir todo o que fixemos nestes anos”

O que realmente marcou ese pico no 2010 foi que sacamos unha nova programación, na que xa tiñamos a necesidade de experimentar xa non só coa propia programación, senón co espazo”, admite Julio. “Xa nos estamos acomodando, xa conseguiramos meter a música en espazos vetados, pero había que darlle unha volta máis, levar a música a outros lugares”, engade Luis. Desa necesidade, xurdiron os  Insólitos, unha serie de actuacións por espazos singulares. “Gran parte vinculados ao patrimonio, pero tamén a espazos máis de experimentación e laboratorio, como pode ser un garaxe. Aí houbo un momento de inflexión”, recoñece Julio.

Nese punto de inflexión xurdiron eventos dentro de Sinsal como os encontros da AP-9 ou o evento en San Simón. A illa acolleu unha primeira proba de Sinsal precisamente no 2010, cun concerto de Ariel Pink. “Ese foi o primeiro test. Ao ano seguinte demos o salto e estivemos o día enteiro. O que se fixo en San Simón pode resumir todo o que fixemos nestes anos”, explica Luis. “San Simón é unha nova formula, un novo concepto de espazo, dentro da natureza e cunha programación que vai dende a unha da tarde até ás nove da noite. Eses horarios son unha innovación total e hai un tipo de público amplo diferente, onde a xente que pode ir cos fillos”, remata Julio.

"Este 2012 será un ano de transición, un momento de reinvención"

 

Un 2012 de test

Esta edición non será como o 2010, será unha programación diferente e axustada as circunstancias. “Tampouco pretendemos facer un ano coma ese. Non é a intención. O exceso de programación lastrábanos, o público tiña un exceso de oferta que lle custaba asimilar”, recoñece Luis Campos, quen tamén amosa que este 2012 será un ano de transición, un momento de reinvención. “Este 2012 é unha fase intermedia, que nos vén adapta bastante as circunstancias porque podemos innovar novas estratexias a nivel de programación, vai ser, que cousas se deben programar, con que modelos, como nos podemos achegar o público. Será un test”, engade.

As circunstancias económicas tamén inflúen. A crise é omnipresente e está afectando de forma capital aos festivais. Algúns mesmo caeron, como o Cultura Quente. Os recortes e as tesoiradas no investimento público están á orde do día e tamén afectan o Sinsal. “Agora mesmo caeron tres patas fundamentais do financiamento. Nin o Concello de Vigo, nin a Xunta, nin Caixanova. Agora mesmo non temos apoio público ningún, pero esperamos que si vai haber apoios.

Fóra da crise e dos problemas económicos, este 2012 tamén se pode entender como unha oportunidade e o cartel desta edición do festival así o reflite

O Concello retirou a subvención nominativa, pero ten vontade de apoiar doutro xeito. A Xunta dixo que sacaría as axudas agora en marzo ou abril”, explica Campos, quen tamén destaca que neste ano, nestas circunstancias hai que adaptarse, que non se pode ter unha dependencia absoluta do investimento público, de “papá Estado”. Fóra da crise e dos problemas económicos, este 2012 tamén se pode entender como unha oportunidade e o cartel desta edición do festival así o reflite. “É unha vela, unha vela de esperanza, O cartel ten moito que dicir, di que existe esa chama de esperanza”, conclúe Campos.

Julio Gómez (esquerda) e Luis Campos (dereita), ás portas do Marco de Vigo. © Alberto Ramos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.