"Reinventándose" en 2020 e "adaptados" en 2021. Os festivais musicais da provincia de Pontevedra agrupados baixo a marca Rías Baixas Fest, impulsada pola Deputación provincial, presentaron este martes a súa nova edición, en plena desescalada tras o período de máis restricións pola pandemia e con sete citas que xuntan tanto aos resistentes do pasado 2020 como o retorno de eventos emblemáticos en edicións adaptadas aos actuais protocolos sanitarios.
Atlantic Fest e Vive Nigrán abren este mes un calendario que continúa co SinSal San Simón, SonRías Baixas, O Marisquiño, Revenidas e Portamérica
O Atlantic Fest de Vilagarcía abrirá, con concertos do 12 ao 24 de xullo, un calendario ao que se une o Vive Nigrán, do 15 ao 17, e na derradeira fin de semana do mes, o retorno do SinSal na redondelá illa de San Simón. Agosto comezará (do 3 ao 8) cunha nova e adaptada edición don SonRías Baixas de Bueu e mais coa volta d'O Marisquiño a Vigo. O calendario dos Rías Baixas Fest do 2021 complétano o Revenidas de Vilaxoán (do 9 ao 12 de setembro) e tamén Portamérica, que finalmente regresa en Caldas de Reis en datas aínda por definir.
No nome das promotoras dos festivais, Raquel Seijo (Vive Nigrán) e Carlos Rodríguez (Portamérica) resaltan que o 2021 segue sendo "difícil" e os eventos non serán aínda "o que nos gustaría". Por segundo ano consecutivo, destacan, teñen por diante un "reto para adaptarnos" e "non só na parte musical", senón en todas as vertentes dos festivais, achegando "valor engadido", no seu caso, con proxectos como Vive Sostible ou Vive Patrimonio, centradas nos valores da contorna.
A tamén presidenta da Asociación de Festivais de Galicia resalta que nestes eventos, na liña do impulsado pola Deputación baixo a marca Rías Baixas Fest, están tamén a apostar pola "sostibilidade" e a "igualdade" para seren festivais "máis involucrados e profesionais". Todo, engade Carlos Rodríguez, para tentaren facer festivais o máis "parecidos" posible ás edicións previas á pandemia. En 2022, agarda, Portamérica si será máis semellante ao que era antes da COVID, "xuntando gastronomía e música".
Carmela Silva eloxia a "valentía" das promotoras dos festivais para seguiren adiante ata chegaren a un verán de 2021 que aínda será "complexo", pero no que "vai poder haber música ao vivo, que é o que vós precisades e a sociedade tamén necesita"
No nome da Deputación de Pontevedra a súa presidenta, Carmela Silva, eloxia como un exercicio de "valentía" que as promotoras destes festivais seguisen adiante con estes proxectos, "por non rendervos e manter vivos estes festivais tan pegados ao territorio". O verán de 2021 aínda será "un pouco complexo, pero comezamos a ver a luz" e "vai poder haber música ao vivo, que é o que vós precisades e a sociedade tamén necesita", sinala.
Neste cometido, sinala Silva, axuda a consolidación da propia marca Rías Baixas Fest tras cinco anos a espallarse. "Deunos forza e permitiunos construír un relato común" e mesmo virou en "referencia", resalta, para proxectos posteriores como Galicia Fest. "Paréceme interesante que as ideas que nacen nun lugar poidan adquirir máis corpo e converterse en algo máis global", indica. A música de Leticia Rey, con Iago Fernández á guitarra, acompañaron un acto de presentación no que tamén estivo presente Woyza a través do vídeo de promoción turística da Deputación baixo o lema É o teu momento.