Que tesouros agacha este ano o Sinsal San Simón?

Festival Sinsal en San Simón © Sinsal Audio

O Sinsal San Simón é máis que un festival de música, por moitos motivos. Un deles deles pola singularidade do lugar no que se celebra, a Illa de San Simón, un espazo único no medio da ría de Vigo, absolutamente cargado de historia, dende a que evoca a súa ermida, até os seus tempos de leprosería, primeiro, e de campo de concentración franquista, despois. A segunda singularidade do festival é que é un dos poucos no mundo que non anuncia previamente o seu cartel, os grupos e artistas participantes, que permanecen en segredo até o mesmo inicio do mesmo.

Mesmo así todos os anos (esta é a cuarta edición) o festival esgota todas as entradas que pon á venda (o aforo máximo permitido na illa é de 700 persoas). Este ano xa non quedan entradas para o sábado, e as do domingo van camiño de completarse, igualmente. Isto demostra, en boa medida, a confianza no criterio de Sinsal, que leva máis dunha década traendo a Galicia bandas coma Explosions In the Sky, Gang Gang Dance, Múm, Dominique A, Lali Puna, CocoRosie con Antony & the Johnsons, Young Marble Giants, Dirty Projectors, Bonnie Prince Billy, Ariel Pink’s Haunted Graffiti ou Alt-J, moitos deles algúns anos antes de seren coñecidos polos seus públicos actuais.

Este ano o cartel buscará continuar a mesma liña aberta en anos anteriores e que guía o traballo de Sinsal: a aposta por nomes que poden ser importantes na música nos vindeiros anos, propostas experimentais e tamén bandas galegas: "Gústanos tamén a aposta por grupos galegos que empezan e sobre todo por aqueles que teñen dificultades para actuar noutros festivais polo seu estilo de música", sinalaban os responsables de Sinsal en entrevista con Praza o pasado ano.

As entradas, que inclúen o traxecto en barco (outro dos atractivos do festival) dende Vigo ou dende San Adrián, teñen un prezo de entre 43 e 47 euros para as xornadas do sábado ou o domingo. Este ano o festival incorpora unha novidade: unha xornada previa, o venres, con prezos máis reducidos (entre 25 e 28 euros) e cun cartaz máis reducido e xa anunciado: Throwing Shade, Friskstailers, Jagwa Music, Oso Leone e Xenia Rubinos.

O festival incorpora outros atractivos, por exemplo o "programa de Músicas Escondidas", concertos que se levarán a cabo en distintos lugares da illa, e que serven para afondar na relación con este espazo tan especial. Catro formacións galegas: Apenino, Why Go, Trilitrate e Caspervek Trio, porán a música. Haberá tamén espazo para as artes escénicas na capela de San Simón. A Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo organiza a proxección de “Artistas” (proxecto de visibilización de obras artísticas das alumnas das facultades de Belas Artes, Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo). Ademais, a capela acollerá a representación de dúas obras de teatro comisariadas por Pablo Fidalgo, coordinador de Material Memoria do Museo MARCO de Vigo.

 

As pistas

  1. Psicodelia e pop "vintage" para amantes de Beach Boys, Love, Kevin Ayers, Syd Barrett... Sorpresa maiúscula do 2013. Os nosos invitados viven na fronteira da psicodelia primitiva, sen espaventos. Con todo, inspirarse nos clásicos pode ser tan complicado como innovar fórmulas orixinais. Cando un afronta o peso do pasado necesita un talento especial para non caer nun exercicio de estilo máis propio dunha banda tributo
  2. Os nosos invitados poderían ser a gran revelación nacional do ano co seu son entre o kraut e space rock. Atentos! Hai sons e xestos deste novo grupo que recuperan pequenos momentos do afterpunk dos 80' con Décima Víctima ou Aviador DRO. Os nosos invitados, moito máis contemporáneos, pertencen á xeración que creceu cos Planetas, Chucho ou Spacemen 3.
  3. Volta de porca ao post-rock desde Oriente. Tradición e modernidade. Unha experiencia única para escoitar nunha illa. Os encargados de abrir o escenario San Antón de #SinsalSonEG brillaron con luz propia no pasado Womex 2013 de Cardiff e no recente SXSW 2014 
  4. Gústannos os artistas con personalidade. Paixón, sentimento, elegancia, soul, R&B, 80s. O noso gentleman favorito. O seu estilo defíneno como R&B lo-fi e a crítica é unánime ao destacar o seu talento e presenza escénica. 
  5. Esa moza xira con estrelas do rock e enche páxinas nas revistas de tendencias. Podería ser a BSO de San Simón. Neste caso, unha canción na serie de moda da televisión cambioulle a vida. Con todo, non temos dúbida  ningunha que foi o seu talento o que chamou a atención de medios especializados
  6. Cantos grupos coñeces que publicaron grandes discos nos 70s, 80s, 90s, s. XXI e son unha referencia no rock? Poucas bandas exerceron tanta influencia no pop rock dos últimos 30 anos coma os nosos convidados. Foron obxecto de numerosas versións por grupos de diferentes estilos e condición, ademais de ocupar os postos destacados na memorabilia dos medios especializados
  7. Artista que lidera un proxecto musical fascinante. A emoción da tecnoloxía entre as areas do deserto. O noso invitado lidera un estilo sorprendente entre o folk, a psicodelia e a electrónica que, ademais, ten a peculiaridade de difundirse entre os seus seguidores a través dos teléfonos móbiles.
  8. Pop onírico desde as antípodas. Unha proposta moi especial, engaiolante e embriagadora a vixiar no futuro.
  9. Artista escandalosamente nova que se incorpora con forza ao bo momento da música española electrónica e ao pop. A artista que abrirá Sinsal SON Estrella Galicia pertence a unha xeración que creceu sen complexos coas etiquetas e incorpora os "micro-sons" ao pop.
Cartaz da edición deste ano do Sinsal San Simón © Sinsaladio
Outro dos concertos en San Simón © Sinsal
Festival Sinsal en San Simón © Sinsal Audio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.