Sargadelos pacta coa Xunta "a maior flexibilidade" nas "posibles melloras" para volver producir en Cervo

Interior da factoría de Sargadelos en Cervo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA Praza.gal

Segismundo García subliña que a Inspección lle traslada que "as deficiencias non supoñen risco inminente" para o persoal e que, se cómpre obras, o conselleiro de Emprego se "compromete a apoiar a súa realización"

Un "acordo" coa Consellería de Emprego para "reiniciar a actividade produtiva" na factoría de Sargadelos da parroquia homónima do Concello de Cervo. Foi o anunciado no serán deste pasado luns polo propietario da empresa, Segismundo García, nun comunicado remitido aos medios ratificado despois pola Xunta.

Despois da crise aberta a pasada semana polo empresario ao anunciar o peche da factoría para non cumprir cos requirimentos da Inspección de Traballo, centrados en cuestións de saúde laboral tras a detección de dúas traballadoras con silicose, García apunta a un "compromiso da Consellería e da empresa" para "realizar un estudo das posibles melloras na protección" do persoal. Segundo Emprego, a postura oficial é de brindar a "maior flexibilidade" para aplicalas.

Interior da factoría de Sargadelos en Cervo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA Praza.gal

Sempre segundo o transmitido pola empresa, un escrito da inspección datado no día 4 "aclara" que "os niveis de exposición dos traballadores" a substancias nocivas -Traballo puña o foco no po de sílice empregado na produción cerámica- "están dentro dos límites legais". "As deficiencias advertidas non supoñen risco inminente para os traballadores", asegura que tamén lle especificaron, alén de "recoñecer "que "tendo en conta as especiais características do edificio poden flexibilizarse, no seu caso, os prazos sinalados".

Sobre as negociacións coa consellería, nas que participou persoalmente o conselleiro, José González, Segismundo García traslada que o Goberno galego "ofreceu" a "plena colaboración e sensibilidade para implantar as melloras precisas para a saúde dos traballadores". E "se fose necesario asumir novas obras", di, a Xunta "se compromete a apoiar a súa realización" tendo en conta a "singularidade" dunhas instalacións declaradas Ben de Interese Cultural.

O conselleiro de Emprego, José González, con Alfonso Rueda en San Caetano tras o Consello da Xunta do pasado 31 de marzo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O propietario de Sargadelos agrega que "reiterou" ao conselleiro "a súa sensación de aborrecemento polas múltiples inspeccións ás que está sometido o empresariado. O titular de Emprego, pola súa banda, nunha gravación remitida á prensa ratifica literalmente o comunicado de Sargadelos para dar por feita a "aposta da empresa por reiniciar a actividade produtiva no prazo máis breve posible".

O conselleiro, con "satisfacción", asegura que a Xunta "demanda que haxa, no que se refire aos prazos, a maior flexibilidade posible dentro da legalidadade" 

Mantén o conselleiro que "todas as deficiencias que se recollen nos requirimentos da inspección son subsanables e non supoñen risco inminente para a saúde dos traballadores". E neste contexto, especifica, "corroborou" a Segismundo García que a Xunta "demanda que haxa, no que se refire os prazos, a maior flexibilidade posible dentro da legalidade" e que está disposta a colaborar para implantar as melloras".

Para o membro do Goberno galego cabe falar de "satisfacción". "Agardamos que, dentro desa brevidade, canto antes os traballadores se reincorporen e Sargadelos teña a súa actividade de novo en marcha". Dada a carencia de representación formal pola inexistencia de comité de empresa na fábrica de Cervo, non foi posible coñecer, de entrada e por canles oficiais, a postura do persoal a respecto deste movemento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.