Falan as traballadoras de Sargadelos en Cervo: "Os valores do inicio están desaparecidos"

Interior da fábrica de cerámica de Sargadelos en Cervo © isaacdiazpardo.gal

Coa testemuña do persoal da fábrica de Cervo, que pide manterse no anonimato, trazamos unha crónica do sucedido dentro da factoría cos movementos do propietario de Sargadelos, Segismundo García, que ten "en vilo" a todas as traballadoras tras ameazar este mércores co peche

“Sargadelos sempre foi un negocio, pero importaba a cultura, había un grande abanico de accións e agora é todo polos cartos”. Unha traballadora da fábrica de Sargadelos en Cervo, que solicita manterse no anonimato para evitar maiores problemas no seu posto de traballo, repasa con Praza.gal os movementos que manteñen a todo o persoal da factoría de cerámica “en vilo” desde que o pasado mércores o propietario, Segismundo García, ameazou co peche.

Pasadas as 12 do mediodía do mércores, 2 de abril, todo o persoal da fábrica de Cervo, que permanecía á marxe dos intercambios de comunicacións que a dirección de Sargadelos mantiña coa Inspección de Traballo, foi convocado a unha reunión informativa. Nese momento, varios traballadores xa estaban lendo nos medios de comunicación a intención de Segismundo García de cesar a actividade. O dono dirixiuse o persoal e leu en voz alta a carta que lle enviara á Inspección de Traballo de Lugo, que xa se filtrara nalgúns medios durante a fin de semana, na que asegura que lle solicitaban medidas incompatibles coa viabilidade da factoría.

“Se pecha Sargadelos eu quedo en paz”, afirmou García nesa reunión, segundo trasladan as traballadoras a Praza.gal. Dúas traballadoras da fábrica de cerámica de Cervo foran diagnosticadas con silicose e desde a Inspección de Traballo instaron a empresa a realizar certos arranxos para salvagardar a saúde do seu cadro de persoal. “En ningún momento lle dixeron nada de pechar nin de que aquí non se podía traballar”, contan as traballadoras.

Instalacións de Sargadelos en Cervo © Xunta

A reunión do mércores rematou coa orde de que recolleran a súa mesa de traballo e marchasen para a casa. Houbo quen lle preguntou a Segismundo que podían facer, ao que respondeu: “Facede o que queirades”. Recolleron e agardaron ata a súa hora de saída para marchar. O xoves a maioría do persoal xa non puido acceder á fábrica, pero non se chegou a parar a produción, sinalan as traballadoras, porque houbo certos postos que si estiveron cubertos. “Asegurounos que non ía haber despidos, que seguiriamos cobrando”. Era un peche patronal así que as traballadoras permaneceron alí durante toda a súa xornada, agardando novidades. A actitude do dono foi variando, explican, e no medio da gran preocupación do persoal volveu dar un discurso no que asegurou que “amaba Sargadelos”.

"Se pecha Sargadelos eu quedo en paz", afirmou Segismundo García na reunión na que lle comunicou o persoal o peche da fábrica, segundo o relato das traballadoras

Este venres, de novo á súa hora de entrada diante da porta principal do complexo de Sargadelos en Cervo, agardábaas outra sorpresa: desde o departamento Recursos Humanos avisaron de que ao longo da mañá entrarían de tres en tres para asinar un papel. Unha vez no despacho tiñan dúas opcións: asinar que a partir dese momento irían traballar facéndose responsables da súa saúde laboral, ou aceptar coller a semana seguinte de vacacións. “Os sindicatos dixéronnos que ningunha das dúas opcións son legais”, aseguran as traballadoras. “Sempre emprega esta estratexia, divide e vencerás, e pon a xente entre a espada e a parede”, sinala a veterana traballadora. A maioría optou por non asinar nada, pero houbo quen escolleu as vacacións e, incluso, quen aceptou responsabilizarse do que lle poida suceder relacionado co traballo.

A traballadora, que pide non revelar a súa identidade, explica que a xente máis nova que entra agora na fábrica está contenta, moita vén do paro ou de traballos máis duros e máis precarios. “Aquí ata agora sempre pagaron en tempo, temos dúas pagas extra, a paga de beneficios e as vacacións aseguradas, aínda que agora queren colocarnos eles a maioría dos días”, detalla. Entre o persoal diversas voces, sempre coa cautela de non poderen ser identificadas, definen a Segismundo García como “narcisista” e “burlesco”, relatan insultos a compañeiros e comentarios machistas, sempre con “moito sarcasmo” e “de maneira silenciosa”, para que non se decate moita xente. “É imposible manter unha conversa con el con normalidade. É totalmente impredicible, contesta cousas que che descolocan. A comunicación con el é moi difícil”, asevera.

Indicadores para o persoal de Sargadelos no complexo de Cervo CC-BY-NC-SA Praza.gal

“Penso que non lle treme o pulso para pechar en calquera momento”, apunta con pesar esta muller, que viu como o proxecto que puxeron en marcha Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias de Castro, Mimina, levou a vangarda ata Cervo, promovendo actividades culturais e un lugar onde a xente podía gozar do traballo realizado. “Os valores do inicio están desaparecidos”, critica.

“Cara a fóra [Segismundo García] recalca moito que a fábrica é BIC (Ben de Interese Cultural) e que é un valor para Galicia, pero despois cara a dentro non. El quere facer negocio, que sexa unha fábrica rendible e dea cartos. No resto non pon nada da súa parte. Cando eu era nena aquí se facían reunións culturais, viñan pintores e escultores... Todos os veráns organizaban uns cursos aos que viñan artistas de todas as partes do mundo e quedaban nas casas da xente de aquí, xuntábanse co pobo; e ao remate cada persoa deixaba unha peza das que creara na fábrica. Pois Segismundo desfíxose de moitas delas”, relata.

"Cara a fóra [Segismundo García] recalca moito que a fábrica é BIC e que é un valor para Galicia, pero despois cara a dentro non. El quere facer negocio, que sexa unha fábrica rendible e dea cartos"

Hai unha diferenza abismal dunha dirección a outra, o ambiente de traballo na fábrica era moi moi distinto”, incide esta traballadora, testemuña de como algunhas cousas mudaron tamén en detrimento dos estándares de calidade que viña mantendo Sargadelos desde a súa fundación.

“Antes, cada sección –decoración, expedición, colado, baño– tiña o seu encargado. Entón, cando unha peza saía defectuosa se miraba de onde viña o fallo e cada encargado era o que trataba de solucionar ese problema. Hoxe en día, na planta hai unha encargada para todo, que está saturada de traballo e non dá feito. Hai un erro e segue facéndose, non se lle pon solución, e iso repercute na calidade da porcelana. Non quero esaxerar, pero case sae tanto material ‘de primeira’ [o que se pode vender nas tendas] como ‘de segunda’ [aquel con defectos importantes]. E hai material ‘de primeira’ que vai con defecto. Cando falo de defectos pode ser que lle falte pintar un detalle a unha figura, iso antes era considerado un defecto e esa peza non saía á venda; agora chega ás tendas e, ás veces, vén de volta”, debulla esta traballadora de Sargadelos en Cervo.

Sinalización no complexo de Cervo CC-BY-NC-SA Praza.gal

“A gran maioría leva a mesma calidade que antes, pero se deixan pasar cousas que antes non. Eu antes avisaba, daba algunha recomendación ou facía propostas. Hoxe por hoxe, desgasteime. Por que me vou preocupar eu, se quen se ten que preocupar non o fai?”, engade. 

As traballadoras da fábrica levan desde o mércores en tensión e non teñen certezas sobre o que sucederá o luns. “Quen asinou as vacacións xa non irá traballar e quen aceptou asumir o risco pola súa conta supoñemos que traballará, non sabemos que pasará co resto, se cadra nos presentan alí as cartas de despido. Esperemos que non”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.