O Día das Artes Galegas celebra a creación e o "exemplo ético" de Isaac Díaz Pardo

Isaac Díaz Pardo, ceramista © https://www.isaacdiazpardo.gal/

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle este martes ás 19 horas o acto central da conmemoración

Este martes 1 de abril é Día das Artes Galegas, unha celebración iniciada en 2015 pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) para homenaxear unha figura destacada da creación artística en Galicia. Na súa décima edición o Día das Artes celebra a Isaac Díaz Pardo, un artista multifacético que dedicou a súa longa traxectoria á pintura, á cerámica ou ao deseño, ademais de poñer en marcha un gran número de proxectos culturais e empresariais coma Cerámicas do Castro ou Sargadelos.

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle este martes ás 19 horas o acto central da conmemoración, no que intervirán Manuel Quintana Martelo -presidente da RAGBA- cun discurso de benvida e Xosé Díaz -fillo de Isaac e académico numerario da Sección de Artes da Imaxe da RAGBA-, que será o responsable de pronunciar a laudatio, titulada “Isaac Díaz Pardo ou as formas que xorden da memoria”. No acto tamén participarán o conselleiro de Cultura, José López Campos, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

Cartaz da celebración do Día das Artes Galegas dedicado a Isaac Díaz Pardo © RAGBA

A homenaxe continuará ao longo do ano con diferentes actividades, como unha exposición no mes de xuño no Museo de Belas Artes da Coruña

A homenaxe continuará ao longo do ano e ata o abril de 2026 con diferentes actividades, como unha exposición no mes de xuño no Museo de Belas Artes da Coruña. A mostra “A barca de Caronte”, impulsada pola Academia coa colaboración da Xunta de Galicia, e comisariada por Xosé Díaz, abordará a transición vital e profesional de Díaz Pardo da pintura á industria. 

Ademais, celebraranse durante o ano simposios, conferencias ou roteiros en diferentes puntos de Galicia, como unha charla organizada polo Ateneo de Santiago o 7 de abril en Afundación, ou outra en Lugo pola actividade industrial de Sargadelos. Elaboraranse estudos sobre a figura de Isaac Díaz Pardo e editarase un libro que se distribuirá polos centros educativos galegos.

Na presentación do acto deste martes, Xosé Arias destacou que para el, como fillo de Isaac, é unha honra que este acto se faga en Santiago: “Santiago e Isaac é un binomio indestrutible”. “Foi un gran creador, pictoricamente, industrialmente e como dinamizador cultural. Pero tamén unha persoa moi ética e moral. Deu un exemplo ético fundamental, sempre reivindicando a Galicia e a todas as persoas que foron maltratadas na nosa terra, sobre todo na relación co exilio", destacou.

Programación de actos no Museo do Pobo

“Foi un gran creador, pictoricamente, industrialmente e como dinamizador cultural. Pero tamén unha persoa moi ética e moral. Deu un exemplo ético fundamental", destaca o seu fillo Xosé Díaz, académico da RAGBA

Así mesmo, o Museo do Pobo Galego organiza ao longo do mes de abril un programa de actos para homenaxear a figura de Díaz Pardo. Ademais de participar no acto conmemorativo previsto pola Real Academia Galega de Belas Artes no Teatro Principal de Santiago deste martes 1 de abril, o Museo desenvolverá un programa de actos propio en lembranza do que fora membro fundador e presidente do seu Padroado desde o ano 2000 e ata o 2011.

Díaz Pardo recibiu a insignia de ouro do Museo do Pobo Galego en 2006 pola súa “significativa contribución ao coñecemento e prestixio da cultura galega no mundo”, e por ter sido “inspirador e impulsor de importantes proxectos”.

Actos organizados polo Museo do Pobo Galego © Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego organiza ao longo do mes de abril un programa de actos para homenaxear a figura de Díaz Pardo a través dunha conferencia, un faladoiro e unha intervención nos espazos do Museo

O mércores 2, ás 19 horas o auditorio do Museo acolle a conferencia Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso, impartida polo investigador e escritor Xosé Ramón Fandiño, membro do Padroado do Museo do Pobo Galego. 

A programación inclúe tamén unha intervención nos espazos do Museo, cuxa apertura está prevista para o venres 4 de abril ás 12 horas. Espazos contra o baleiro fará un percorrido pola figura de Isaac Díaz Pardo e o seu papel na refundación do Seminario de Estudos Galegos, a súa particular vinculación co Museo do Pobo Galego e o seu labor a prol da memoria histórica.

As actividades completaranse cun faladoiro o xoves 24 ás 19 horas. Baixo o título Isaac Díaz Pardo creador do Laboratorio de Formas, contará coa participación de Xosé Luís Axeitos, María América Díaz, Fernando Arribas e Carmela Montero.

Décimo homenaxeado no Día das Artes

Isaac Diaz Pardo únese a unha selecta lista de homenaxeados e homenaxeadas,  como Francisco Asorey, Martín Códax, Laxeiro, Luís Seoane, Maruja Mallo, Castelao ou o Mestre Mateo

O Día das Artes Galegas foi creado pola Real Academia Galega de Belas Artes en 2015, homenaxeando ese ano o Mestre Mateo, quen nesa data do 1 de abril de 1188 dirixira a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos. De aí que o Mestre Mateo fose o primeiro persoeiro en ser distinguido na primeira edición da conmemoración e que se escollese precisamente esta data para celebrar as artes galegas.

Isaac Diaz Pardo únese a unha selecta lista de homenaxeados e homenaxeadas, sucedendo a Francisco Asorey, protagonista da celebración o pasado ano. Neste ano 2023 a figura homenaxeada foi Martín Codax, sucedendo o pintor lalinense José Otero Abeledo “Laxeiro”, homenaxeado no ano 2022. Nos anos anteriores os protagonistas foran o arquitecto do Barroco galego, Domingo de Andrade (2020-21), Luís Seoane (2019), Alejandro de la Sota (2018), Maruja Mallo (2017) e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2016).

Presentacion do acto central do Dia das Artes Galegas. Xose Diaz, Miriam Louzao e Manuel Quintana Martelo © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.