O 1 de abril do vindeiro ano 2025, Díaz Pardo será homenaxeado oficialmente pola Real Academia Galega de Belas Artes
O Día das Artes Galegas estará dedicado no ano 2025 a Isaac Díaz Pardo. Así o decidiu por unanimidade a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) este sábado no seu plenario mensual, nunha xuntanza presidida polo seu presidente Manuel Quintana Martelo. Díaz Pardo protagonizará, pois, a décima edición da conmemoración, que celebra os seus actos centrais o 1 de abril, aínda que os actos de homenaxe e difusion se adoitan estrender ao longo de todo o ano.
A Real Academia Galega de Belas Artes destacou a condición de Díaz Pardo como artista -"destacado representante da arte galega, ilustre pintor e ceramista"-, ademais do seu traballo en Sargadelos, que "concibiu como centro de investigación, tecnoloxía, deseño e difusión das artes e da cultura de Galicia" e da creación de Cerámicas do Castro, do Laboratorio de Formas de Galicia, de Edicións do Castro, do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos, do Laboratorio Xeológico de Laxe, e do Instituto Galego de Información, entre outros proxectos.
Díaz Pardo foi “unha figura fundamental e referente ineludible para poder comprender as artes contemporáneas do noso país”, salienta a RAGBA
Díaz Pardo, finado en 2012, ingresou como académico de Honra da Real Academia Galega de Belas Artes o
16 de xuño de 2009 nun acto celebrado na sede da Institución na Coruña como “unha figura fundamental e referente ineludible para poder comprender as artes contemporáneas do noso país”, subliña a RAGBA.
Deseñador, pintor, ceramista, empresario, escritor, editor, promotor, arquitecto..., Isaac Díaz Pardo foi definido moitas veces como poliédrico ou multifacético. Nesta ducia, publicada no cabodano do seu pasamento, publicamos esta ducia de obras do Isaac Díaz Pardo artista. Foi a homenaxe de Praza, a nosa cesta de pombas e mazás para el. Pero, ademais, canda ás súas creacións artísticas, desenvolveu un gran número de proxectos culturais.
En 2025 celebrarase a décima edición do Día das Artes Galegas, que comezou coa homenaxe ao Mestre Mateo e que recoñeceu a Asorey, Laxeiro, Maruxa Mallo, Castelao ou Seoane
O Día das Artes Galegas foi creado pola Real Academia Galega de Belas Artes en 2015, homenaxeando ese ano o Mestre Mateo, quen nesa data do 1 de abril de 1188 dirixira a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos.
De aí que o Mestre Mateo fose o primeiro persoeiro en ser distinguido na primeira edición da conmemoración e que se escollese precisamente esta data para celebrar as artes galegas
Neste ano 2024 a figura homenaxeada foi o escultor o Francisco Asorey, sucedendo a Martín Codax (2023) e ao pintor lalinense José Otero Abeledo “Laxeiro”, homenaxeado no ano 2022. Nos anos anteriores os protagonistas foran o arquitecto do Barroco galego, Domingo de Andrade (2020-21), Luís Seoane (2019), Alejandro de la Sota (2018), Maruja Mallo (2017) e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2016).