Unha ducia de obras do Isaac Díaz Pardo artista no seu cabodano
Deseñador, pintor, ceramista, empresario, escritor, editor, promotor, arquitecto..., Isaac Díaz Pardo foi definido moitas veces como poliédrico ou multifacético. Foi artista e, canda ás súas creacións artísticas, ademais, desenvolveu un gran número de proxectos culturais. Isaac finou o 5 de xaneiro de 2012, hai doce anos. No seu cabodano publicamos esta ducia de obras artísticas de todo tipo. Unha homenaxe, unha cesta de pombas e mazás para el.
-
01
Autorretrato, 1947
Isaac foi, entre moitas outras cousas, pintor. Aínda que soñaba con estudar arquitectura, pero as dificultades que pasou a súa familia tralo asasinato do seu pai, levárono a facer a carreira de Belas Artes, máis barata, algo que puido facer grazas a unha bolsa da Deputación da Coruña.
"Fíxenme pintor por aquilo de que non tiña máis remedio. Tiña que saír adiante", dixo nalgunha ocasión, lembrando os anos corenta, nos que realizou moitas obras por encargo, sobre todo retratos para familias adiñeiradas.
-
02
Adan e Eva, 1962
Aínda que a pintura non fora, inicialmente, a súa primeira opción, as circunstancias permitíronnos gozar dun extraordinario artista. Especialmente a partir dos anos 50, cando deixa atrás a súa primeira etapa, máis "académica", e é influído polo grupo dos renovadores galegos, especialmente Maside e Colmeiro, ademais de por Renoir e Cezanne.
-
03
A nave espacial, 1964
A partir de 1955 inicia a coñecida como "etapa americana", que coincide coa posta en marcha da fábrica Magdalena, preto de Bos Aires. Con gran influencia de Seoane, na súa pintura entra a temática social.
-
04
Xentes que conteñen a ira, 1973
Tamén foron moitas as ilustracións e debuxos que realizou ao longo de toda a súa vida, empregadas para ilustrar cubertas de libros ou como creacións en si mesmas.
-
05
Cartel para a campaña do plebiscito do Estatuto de Autonomía, 1936
Antes de iniciarse na pintura, Isaac comezara xa a facer deseños, con varios carteis para a campaña do plebiscito do Estatuto de Autonomía, en xuño de 1936, na que se implica fortemente.
-
06
Cartel para a Mostra de Cine das Nacionalidades e Rexións, 1979
Nas décadas seguintes, Isaac seguiu facendo carteis, como este que en 1979 anunciaba a Mostra de Cine das Nacionalidades e Rexións, celebrada na Coruña
-
07
Cartel para a obra 'O Burro', de Xosé Ruibal, 1980
Ou estoutro cartel, realizado en 1980 para a obra de teatro 'O Burro', de Xosé Ruibal, que con moita ironía e retranca falaba dun "moderno" burro tecnolóxico Made in USA.
-
08
Xerra da serie 'Os vicios'. Porcelana do Castro. Anos 50
Entre os seus deseños, destacan os que realizou para as producións cerámicas das súas fábricas do Castro, Magdalena e Sargadelos. "Eu non son ningún inventor; son máis ben un observador que traballa e busca solucións a problemas específicos da cerámica", dixo nos últimos anos da súa vida, facendo balance.
-
09
Muller con trastes na cabeza, 1965
A partir de 1968 concentra os seus esforzos no desenvolvemento da cerámica de Sargadelos, co azul cobalto como elemento identificador e un estilo diferencialista, propio, que aproveitou o traballo realizado polo Laboratorio de Formas creado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.
-
10
Cadeira antropomórfica deseñada por Isaac, 1958
Isaac era un deseñador, un inventor, un creador. Entre estas creacións mesmo atopamos mobles a medio camiño da escultura, como esta cadeira antropomórfica. En 2005 foi premiado cunha medalla FAD (Foment de les Arts Decoratives) de Barcelona polo seu activismo plástico
-
11
Midas / O ángulo da pedra, 1957
Entre o traballo creativo de Isaac non se pode deixar de lado a escrita: teatro, ensaio, artigos xornalísticos... Destacamos estas dúas obras de teatro escritas en 1949 e 1951 e publicadas en 1957 e estreadas en 2018 da man de Lino Braxe.
-
12
Isaac Díaz Pardo, arquitecto
Isaac quixo ser arquitecto e aínda que non puido realizar esa carreira, non abandonou o seu interese polo deseño de espazos, que o levou a construír "un mundo arquitectónico de vangarda nas empresas do grupo Sargadelos", e foi responsable do deseño de cada espazo, planificando, en colaboración con outros arquitectos (nomeadamente Andrés Fernández-Albalat), edificios e mobiliario. En 2001 foi nomeado Arquitecto de Honra polo Colexio de Arquitectos de Galicia.