Hoxe é o Día das Artes Galegas. A Real Academia Galega de Belas Artes decidiu instituír esta conmemoración, que se celebrará todos os anos neste día, para "exaltar, divulgar e promover a creación artística en Galicia". A efeméride lembra a data (en 1188) "constatada no epígrafe das limeiras do Pórtico da Gloria e coa que se certifica que aquela é obra dirixida, dende os seus alicerces, polo Mestre Mateo".
Así pois, é o propio Mestre Mateo a figura que protagoniza as celebracións impulsadas pola Academia de Belas Artes, que elaborou un cartaz para a ocasión no que o creador do Pórtico é retratado por Miguelanxo Prado. "País de creadores, artesáns, músicos, teóricos, profesores, mecenas, marchantes que merecen a celebración dunha xornada para reivindicar a orixe, a orixinalidade, como contribución particular á universalidade. Sirvan as limeiras da Historia das Artes Galegas como pórtico de futuro", destacan dende a Academia para sinalar a oportunidade de dedicarlle unha data fixa ás artes e aos e ás artistas galegas.
Cómpre lembrar que a celebración ten un precedente, entre 2011 e 2013, na organización por parte do colectivo A Nave das Ideas dunha serie de actos ao redor do Manifesto do Día das Artes Galegas e en homenaxe a Urbano Lugrís, María Casares e Xesús Bal y Gay. Aquel manifesto, asinado por Abe Rábade, Aíd, Manuel Rivas, Iolanda Zúñiga, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Luís Iglesia Besteiro, Patricia de Lorenzo, Ángel de la Cruz, Andrea Costas, Uqui Permui, Gonzalo Vázquez, Isabel Aguirre ou Manuel Caamaño, buscaba poñer en valor as creacións culturais galegas en todos os eidos: "queremos pór en valor o que somos, situar na comunidade a creación que realizamos, identificarnos co gran diálogo público-artista que outorga existencia a toda obra".
"Recollemos a literatura para situala a carón do gravado, da videocreación ou da moda téxtil. Confiamos na universalidade da nosa produción artística"
Así mesmo pedía non limitar "a nosa mirada" ás letras: "recollemos a literatura para situala a carón do gravado, da videocreación ou da moda téxtil. Confiamos na universalidade da nosa produción artística. Non desexamos ocultar nada, antes ben, pretendemos iluminar este grande espazo cultural". Reivindicaba, en definitiva, "o sempre dificilmente delimitable territorio da arte" como aquilo "que abrangue desde a artesanía até o deseño industrial, recollendo toda expresión artística, sexa cal for. Abrazámolo na súa totalidade e integridade". "Por iso facemos a reclamación global do Día das Artes Galegas", concluía.
Aínda que o manifesto foi difundido en 2012, xa o ano anterior celebráranse, en paralelo en Vigo en na Coruña, unha serie de actos en homenaxe ao pintor Urbano Lugrís, xa coa reivindicación do Día das Artes presente: "Rachemos coas fronteiras do Día das Letras Galegas para crearmos o Día da Artes Galegas. Invadamos toda Galicia de arte, convertamos o Día das Artes Galegas na causa da cultura galega", sinalaba o chamamento. En 2012 a actriz María Casares foi a protagonista dos actos, celebrados en Vigo. E en 2013 foi a quenda do músico Xesús Bal y Gay.
Para Manuel Bragado, a celebración supón "unha ollada transversal, modernizadora e vivificadora da cultura galega, aínda moi ancorada nos límites do fenómeno literario"
Como destacaba este luns Manuel Bragado no seu blog, "este Día das Artes Galegas da Academia de Belas Artes, como a proposta que hai varios anos xa fixera A Nave das Ideas" supón "unha ollada transversal, modernizadora e vivificadora da cultura galega, aínda moi ancorada nos límites do fenómeno literario". "Celebrar a nosa creación artística no seu conxunto, sexa a literaria, a musical, plástica, dramática, cinematográfica ou transmedia, supón unha oportunidade para que a cultura galega recupere azos e alento en tempos moi difíciles como os que vivimos", engadía.