Cambados celebrou o Día das Artes Galegas dedicado a Asorey, o escultor "da universalidade de Galicia"

Celebración do Día das Artes Galegas dedicado a Asorey, este sábado en Cambados © RAGBA

Cambados celebrou "a significación da escultura galega contemporánea, un escultor imprescindible e un dos grandes artistas galegos do século pasado”

 

A vila de Cambados acolleu este sábado a homenaxe ao escultor Francisco Asorey, protagonista este ano do Día das Artes Galegas, que organiza a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA). O acto institucional en lembranza do escultor tivo lugar no Auditorio Municipal de Cambados, onde se celebrou "a significación da escultura galega contemporánea, un escultor imprescindible e un dos grandes artistas galegos do século pasado”.

Nacido en Cambados en 1889, Asorey está considerado un dos renovadores da arte galega e unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX. A relevancia de Asorey, con obras tan destacas como Naiciña, Santa o monumento a Curros Enríquez, é maior se temos en conta a visibilidade das súas obras, distribuídas por un gran número de espazos públicos de varias localidades galegas: Lalín, Cambados, A Coruña, Vigo, Cangas, Compostela, Lugo, Pontevedra, Mondariz ou Samos.

Celebración do Día das Artes Galegas dedicado a Asorey, este sábado en Cambados © RAGBA

O Día das Artes Galegas, que chega á súa novena edición, foi creado pola Real Academia Galega de Belas Artes en 2015. Asorey sucede a Martín Códax, Laxeiro, Domingo de Andrade, Luís Seoane, Alejandro de la Sota, Maruja Mallo, Castelao e o Mestre Mateo

No acto, que contou coa presenza de representantes da política local, provincial e da Xunta, interviron o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo e o académico de número da sección de Arqueoloxía e Museoloxía da institución, Felipe-Senén López, que pronunciou a laudatio “O escultor Asorey”.

Ao longo deste ano a figura de Francisco Asorey será estudada nas escolas e a súa obra será difundida en estudos e conferencias temáticas, na mostra ao aire libre “Os vieiros de Asorey” que se poderá visitar en Cambados ata o 4 de maio, ademais dunha grande exposición que culminará este traxecto sobre Francisco Asorey e que se inaugurará proximamente na Cidade de Cultura. Así mesmo, está prevista a publicación O escultor Asorey, promovida pola RAGBA, con textos de Felipe-Senén López, e fotografías de Xurxo Lobato, Raúl Río, Felipe-Senén López e Mercedes Espiño, que se difundirá proximamente.

“Falar de Asorey é falar da escultura con maiúsculas, dun talento excepcional que se ben se ten que emparentar coa tradición da imaxinería dos séculos XVII e XVIII, a súa obra da un paso máis deixando mostra dunha entidade superior cunha auténtica mestría escultórica, tanto nas madeiras policromadas como traballando a pedra”, dixo Quintana Martelo

O Día das Artes Galegas, que chega á súa novena edición, foi creado pola Real Academia Galega de Belas Artes en 2015, homenaxeando ese ano o Mestre Mateo, quen nesa data do 1 de abril de 1188 dirixira a colocación dos linteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá. O pasado ano 2023 a figura homenaxeada foi Martín Codax, sucedendo o pintor lalinense José Otero Abeledo “Laxeiro”, homenaxeado no ano 2022. Nos anos anteriores os protagonistas foran o arquitecto do Barroco galego, Domingo de Andrade (2020-21), Luís Seoane (2019), Alejandro de la Sota (2018), Maruja Mallo (2017) e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (2016).

“Falar de Asorey é falar da escultura con maiúsculas, dun talento excepcional que se ben, dalgún xeito, se ten que emparentar coa tradición da imaxinería dos séculos XVII e XVIII ou con mestres da imaxinería galega como Moure ou Ferreiro, a súa obra da un paso máis deixando mostra dunha entidade superior cunha auténtica mestría escultórica, tanto nas madeiras policromadas como traballando a pedra”, destacou Manuel Quintana Martelo na súa intervención.

Francisco Asorey © RAGBA

Felipe-Senén pronunciou un emotivo discurso que xirou sobre a intensa vida do escultor Asorey.

A seguir, Felipe-Senén pronunciou un emotivo discurso que xirou sobre a intensa vida do escultor Asorey. Nos seus primeiros anos de actividade, o académico lembrou que Asorey recibía encargos de tema relixioso, sometido ao clasicismo grecolatino e renacentista que impoñía a igrexa sen deixar de entrever o acontecer escultórico dunha Europa que se movía cara ao modernismo. Tamén explicou que recibiu a influenza das novas artes da imaxe, especialmente da fotografía, como así o demostrou a súa amizade co fotógrafo Luis Casado Fernández ‘Ksado’.

“O escultor buscaba recrear sobre os presupostos que ofrecen as tradicións galegas, as do panceltismo atlántico e as do cristianismo, seguindo a fervenza de ismos e de influentes creadores e innovadores nas artes que abriron o século XX, como Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas ou Antonio Palacios"

O académico relatou tamén a chegada de Asorey a Madrid en 1909 para entrar en filas, e a súa volta a Galicia en 1918 cando consegue a praza de escultor de Anatomía na Facultade de Medicina de Santiago. Asorey monta o seu taller na costa de Caramoniña, na zona compostelá de Bonaval, tempo no que se envolve nas raiceiras históricas de Galicoa, na orixe e a orixinalidade como aporte á universalidade. “O escultor buscaba recrear sobre os presupostos que ofrecen as tradicións galegas, as do panceltismo atlántico e as do cristianismo, seguindo a fervenza de ismos e de influentes creadores e innovadores nas artes que abriron o século XX, como Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas ou Antonio Palacios". "Nesta época o escultor pon en valor as esencias de espírito que singularizan a raza, o sentir etnolóxico, cultural e diferencial de Galiza, como feito de erguer a dignidade do pobo asoballado”, apuntou Felipe-Senén

'Santa', escultura de Asorey © Consello da Cultura Galega

"Nesta época o escultor pon en valor as esencias de espírito que singularizan a raza, o sentir etnolóxico, cultural e diferencial de Galiza, como feito de erguer a dignidade do pobo asoballado”, apuntou Felipe-Senén

A escultura en madeira policromada Picariña (1920) e as posteriores de Naiciña (1921), O tesouro, Ofrenda a San Ramón ou Santa (ambas do 1923) foron obras de Asorey moi eloxiadas nas exposicións nacionais de Belas Artes de Madrid. “Todas as obras eran de tema galego, de base pegada á terra en ascese ao vértice, á luz, nas que se fai sobranceiro ese buscado carácter, o que entón chamaban raza, en relación coa etnia, o de a Galiza santa de romeiros e xograres que cantaba o seu paisano e amigo, o poeta Ramón Cabanillas”, sinalou o académico.

O artista trasladou o seu taller de Caramoniña ás hortas de Santa Clara, a carón da sorprendente e inspiradora arquitectura barroca e xeométrica de Simón Rodríguez. Será aquí onde labrou grandes monumentos como o de San Francisco en Compostela, o do aviador Loriga para Lalín, o de Curros para Coruña ou a da Virxe de Tanxil para Rianxo. 

"Cómpre agora velar por ese legado escultórico representativo dun tempo da universalidade de Galicia, en ocasións bustos e monumentos á intemperie, sometidos ao devalar do tempo e de circunstancias pouco propicias”, destacou Felipe-Senén

O 2 de xullo de 1961, vítima da silicose, a enfermidade dos arxinas e os canteiros, Asorey faleceu en Compostela. Os seus restos mortais foron enterrados no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. “O escultor cambadés foi, é e será recoñecido, admirado e aplaudido en vida e en morte por un pobo que se identifica na súa obra, que agradece e devolve o agarimo co que se respecta e trata. Cómpre agora velar por ese legado escultórico representativo dun tempo da universalidade de Galicia, en ocasións bustos e monumentos á intemperie, sometidos ao devalar do tempo e de circunstancias pouco propicias”, destacou Felipe-Senén.

Monumento de Asorey a Curros Enríquez nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña CC-BY-SA Fernando Losada Rodríguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.