Unha ducia de frases de Isaac Díaz Pardo, homenaxeado no Día das Artes Galegas
O Día das Artes Galegas, organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes, homenaxea o 1 de abril de cada ano unha figura destacada da creación artística en Galicia. Neste 2025 o protagonista é Isaac Díaz Pardo, que se une a Francisco Asorey, Martín Códax, Laxeiro, Luís Seoane, Maruja Mallo, Castelao ou o Mestre Mateo, que inaugurou en 2015 esta celebración. Repasamos nesta ducia a traxectoria deste artista multifacético, impulsor ademais de numerosos proxectos empresariais e iniciativas culturais. E facémolo a través das súas propias palabras, recollidas na web isaacdiazpardo.gal, dedicada a manter viva a súa memoria.
-
01
O asasinato de seu pai
“Faciamos tantas cosas xuntos… a súa morte foi un episodio tráxico daquela época de violencia"
En 1936 o seu pai Camilo Díaz Baliño foi asasinado polos franquistas, mentres que Isaac, que con 16 anos militaba nas Xuventudes Socialistas Unificadas e colaborara na realización de carteis en prol do Estatuto de Autonomía, tivo que permanecer agochado 6 meses na casa do seu tío Indalecio Díaz Baliño na Coruña.
-
02
O Isaac pintor
"Cando tiña dezaseis anos, meu pai quería que fose arquitecto, cousa que a min me gustaba, mais veu a ruína da familia e tiven que conformarme cunha cousa máis barata: Belas Artes. Fíxenme pintor por aquilo de que non tiña máis remedio. Tiña que saír adiante"
En 1939, con 19 anos, matricúlase -cunha bolsa da Deputación Provincial da Coruña obtida por oposición- na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando de Madrid. Realiza as súas primeiras exposicións e viaxa con bolsas de estudos a Italia e o Reino Unido, onde entra en contacto cos exiliados.
-
03
O Isaac ceramista
"A fame levoume rápido por aí e axiña estaba gañando a vida como pintor, mais decateime de que ese non era o meu camiño e, polo ano 49, metinme no da cerámica (...) Eu non son ningún inventor; son máis ben un observador que traballa e busca solucións a problemas específicos da cerámica"
No ano 1949, con 29 anos, instala un pequeno obradoiro de cerámica nas antigas cocheiras do pazo da familia da súa dona, Carmen Arias, no Castro de Samoedo, en Sada. As primeiras pezas son unha continuación da pintura de Isaac trasladadas á porcelana. As pezas do Castro empezan a comercializarse e resultan un éxito, e en 1952 a fábrica conta xa con 100 traballadores.
-
04
A aventura arxentina en Magdalena
"Magdalena foi unha estación estraña na nosa vida; non sei que se nos perdía alí, na fin do mundo, a máis de 100 km de Buenos Aires"
O éxito de Cerámicas do Castro lévao a crear en 1957 na localidade arxentina de Magdalena a fábrica de cerámica Celtia S.A. Isaac mantívose á fronte da empresa ata 1967, unha década na que viaxou nove veces máis a Bos Aires para ocuparse da xestión do proxecto e manter encontros co exilio galego. Iso si, a aventura non rematou ben e debido a crecentes problemas cos accionistas, foi obrigado a abandonar a dirección da fábrica.
-
05
O encontro co exilio
"Fun a América por mellorar a miña condición como ceramista, tamén por conectar con moitos dos exiliados políticos dos que nos chegaban noticias. Algúns deles coñecéraos antes da guerra no taller de meu pai (...) Eran xente moi íntegra, moi sabia e cun compromiso moral excepcional (...) Irme á Arxentina serviume para coñecer xente estupenda. Seoane foi un personaxe excepcional, como Rafael Dieste e Lorenzo Varela… Grazas a eles, recuperouse boa parte da Galicia histórica"
-
06
Seoane
"A colaboración con Luis Seoane foi algo excepcional (...) Unha persoa verdadeiramente extraordinaria, moi culto e humano. Levouse ben con todos. Coincidiamos en tantas cousas. E non era fácil, porque el era dez anos maior ca min"
Entre as relacións que establece grazas a esas viaxes á Arxentina destaca sobre todo a que mantén con Luís Seoane, tanto a nivel persoal coma profesional, pois do seu traballo conxunto naceron varios dos proxectos que viron a luz nos anos seguintes, coma o Laboratorio de Formas e Sargadelos.
-
07
O Laboratorio de formas
"Máis que unha institución, o Laboratorio de Formas é todo un movemento para axudar a Galiza (...) Desde el fixemos todo. Foi algo nobre. Fundouse para recoller todas as ideas e para recuperar a memoria"
Produto do seu reencontro con Luis Seoane na Arxentina, e motivados pola "situación de desmemoria" que estaba a sufrir Galicia, no 1963 ve a luz o Laboratorio de Formas, un proxecto clave para a cultura galega do século XX, do que partirán importantes propostas, entre elas a recuperación de Sargadelos.
O principal obxectivo da institución era "o estudo das formas desenvolvidas no pasado galego e as que continuaban vixentes e a súa aplicación aos obxectos industriais, para conseguir, indo máis alá do cosmopolitismo, unha produción con raíces, diferenciada e que tivese como valor engadido a súa garantía de orixe".
-
08
Sargadelos
«Sargadelos creábase para reinvidicar a memoria histórica de Galicia a través do Laboratorio de Formas, que o dirixía (...) Éncheme de orgullo que o nome de Sargadelos sexa recoñecido en todo o mundo".
Un ano despois da constitución do Laboratorio, constitúese a sociedade Sargadelos Ltda., que en 1968 inicia as súas primeiras probas. Dous anos despois inaugúrase a planta circular da nova fábrica deseñada por Andrés Fernández-Albalat. Isaac Díaz Pardo converteu os deseños e produtos de Sargadelos nun dos símbolos máis recoñecibles de Galicia e fixo medrar a empresa de forma extraordinaria.
-
09
Proxectos de país
"Serán uns cantos testemuños o único posible que podemos deixar, para servir o futuro, reconstruíndo no que se poida a idea do noso pasado inmediato (...) Temos a necesidade e a obriga de non perdermos nunca a memoria"
O Seminario de Sargadelos, o novo Seminario de Estudos Galegos, o Museo Carlos Maside, Ediciós do Castro, o Instituto Galego da Información, as Galerías Sargadelos... Nas décadas seguintes Isaac Díaz Pardo impulsou un gran número de proxectos e iniciativas culturais e sociais.
-
10
Isaac, deseñador
"Defendiamos un deseño, pero non só como un debuxo, senón como unha idea cunha consideración filosófica, política, histórica", dixo Isaac en 2001 sobre a súa achega como deseñador, na que a partir dun determinado momento, influído por Seoane, procura un equilibrio entre arte e industria.
En todo caso, Isaac foi moitas cousas. Pintura, cerámica e deseño gráfico foron claves na súa vida, pero tamén cultivou a escrita de poesía, ensaio e artigos xornalísticos ("Eu non son escritor, digo cousas", afirmou nunha ocasión) e a edición. De igual xeito, nunca abandonou o interese polo teatro, destacando o seu labor como escenógrafo e cartelista, ademais de autor e promotor.
-
11
Un proxecto de xornal para un país
"O obxectivo era apoiar todo tipo de información e comunicación para servir a Galicia e ás causas xustas"
O Instituto Galego da Información naceu no ano 1977 co obxectivo de crear un xornal galego e preferentemente en galego, independente e comprometido co país: o xornal Galicia. O proxecto estaba formado por 325 socios e nomeouse un consello de nove membros que presidiu, ata a súa morte, Ramón Piñeiro. Con todo, as contribucións económicas foron pequenas e escasas para levar adiante o proxecto do xornal, polo que acabou converténdose na factoría cultural do Grupo Sargadelos. Si se completou a construción da sede do IGI, un edificio de grandes dimensións nos arredores de Compostela que incluía mesmo un espectacular auditorio.
-
12
A expulsión da empresa que el mesmo creou
"Seoane morría no 1979. Eu aínda tiña que vivir cerca de trinta anos máis e soster o grupo de empresas que se creara. Certo que a miña función, ademais de facer algunha cousiña e debuxos, era a de templagaitas e limpamerdas, cousa que abunda nas empresas.
Tentei ser o máis fiel a Luis Seoane e ser o máis xeneroso coas xentes que traballaban de acordo coa súa responsabilidade. Mais isto non foi entendido por todos. Algúns, aproveitando a xenerosidade que Seoane me ensinara a ter, no ano 2006 provocaron a situación na que hoxe se atopa o complexo de Sargadelos e que representou o máis importante e definitivo fracaso da miña vida"
-
13
Unha vida de traballo e creación
"Son un home de noventa anos que non parou de traballar", dicía Isaac en 2011, meses antes do seu pasamento, o 5 de xaneiro de 2012. Tamén deixou escrito que "O tempo é o máis caro. Hai que saber administralo".