A CIG reclama a recuperación da xestión pública das centrais hidroeléctricas creando unha Empresa Pública Galega de Electricidade e a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega
En Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Compostela, Pontevedra e Ferrol, pero tamén en Cangas, O Porriño, Vilagarcía, A Estrada, Carballo, Cee, Betanzos, Lalín. Monforte, Ribeira, Foz ou Verín. Este domingo 24 cidades e vilas acolleron actos de queima simbólica de facturas eléctricas convocados pola CIG para protestar contra a suba do prezo da luz.
O sindicato esixe políticas que garantan uns prezos xustos e que se recoñeza a enerxía como un dereito universal, ademais de reclamar a recuperación da xestión pública das centrais hidroeléctricas creando unha Empresa Pública Galega de Electricidade e a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega.
A central, que celebrou a elevada participacion nas 24 concentracións convocadas, explicou que a queima de facturas quería servir como un "acto de desagravio", máis tamén "de reivindicación contra unhas eléctricas que, mentres acumulan beneficios multimillonarios, abocan a clase traballadora á pobreza enerxética".
Paulo Carril criticou a" nula actuación do goberno galego para poñer freo á impunidade coa que actúan as eléctricas" e tamén "a insuficiencia nas medidas tomadas polo goberno español"
Na Coruña, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, criticou a" nula actuación do goberno galego para poñer freo á impunidade coa que actúan as eléctricas" e tamén "a insuficiencia nas medidas tomadas polo goberno español, que non están na dirección que permita de forma inmediata garantir uns prezos xustos da enerxía". E concluíu que a suba do prezo da luz "é a consecuencia de anos de políticas pensadas para favorecer exclusivamente os intereses das empresas eléctricas".