A metade dos fogares galegos subsiste con ingresos mileuristas no mellor dos casos

Supermercado galego © Gadisa

As medias estatísticas, cando se aplican ás condicións de vida de persoas e familias, en ocasións acaban por agochar realidades. Porque do mesmo xeito que se unha persoa come un polo e outra non come ningún, podemos dicir que cada unha comeu de media medio polo, os datos medios de ingresos económicos nunha sociedade non serven de moito se non se afonda nas realidades vitais de todos os seus integrantes.

Na metade dos fogares galegos (o 48,88%) os seus integrantes sobreviven con ingresos inferiores aos 1.200 euros mensuais

Esta semana o Instituto Galego de Estatística publicou a Enquisa estrutural a fogares correspondente ao conxunto do ano 2020, un amplo conxunto de datos sobre a composición, situación económica e o acceso a distintos recursos das familias galegas. A Enquisa revela que no ano 2020 -primeiro ano da pandemia- os fogares galegos ingresaron unha media de 2.277 euros mensuais, cun leve descenso con respecto ao 2019 (2.290).

Porén, unha parte importante destes fogares subsistiron con ingresos moi inferiores á media, de xeito que máis do 17% tivo ingresos totais (sumando os recibidos por todos os seus integrantes) inferiores a mil euros. O IGE emprega o concepto de ingreso equivalente para poder medir e comparar os ingresos recibidos por fogares en función do seu número de membros. Partindo dunha escala utilizada pola OCDE, divide os ingresos totais polo número de membros, asignando un valor de 1 ao primeir adulto, de 0,5 ás seguintes persoas maiores de 14 anos e de 0,3 aos menores desa idade.

Así, elabora unha clasificación das familias galegas en función dos seus ingresos na que atopamos que en ao redor da metade dos fogares galegos (o 48,88%) os seus integrantes sobreviven con ingresos inferiores aos 1.200 euros mensuais. O 27,2% ten ingresos inferiores a 900 euros, por debaixo do salario mínimo.

Esta realidade de baixos ingresos económicos é a que determina un niveis crecentes de risco de pobreza para moitas familias galegas. No ano 2020 a porcentaxe de persoas que en Galicia se atopan por debaixo do limiar da pobreza ou en risco de exclusión social volveu medrar no pasado ano, como xa apuntaban os datos publicados polo INE hai uns meses.

No 2020 a taxa de risco de pobreza ou exclusión social medrou en Galicia ata o 19,51%, sendo especialmente alta nos mozos e mozas entre 16 e 24 anos (27,1%), nos e nas menores de 16 anos (24,4%). O 48% dos mozos e mozas entre 25 e 34 anos seguía a vivir cos seus pais e nais.

O limiar depende do número de persoas que compoñen o fogar, así como da idade desas persoas. Para un fogar unipersoal o limiar en 2020 é de 743,91 euros/mes, mentres que para un fogar composto por dous adultos (1,5 unidades de consumo) o limiar é de 1.115,87 euros/mes.

No 2020 a taxa de risco de pobreza ou exclusión social medrou en Galicia ata o 19,51%, sendo especialmente alta nos mozos e mozas entre 16 e 24 anos (27,1%), nos e nas menores de 16 anos (24,4%) e reducíndose entre os e as maiores de 65 anos (11,55%).

En parte, esta 'pobreza' que sofre a mocidade, derivada dunha situación xeral de precariedade laboral e baixos salarios, determina as súas dificultades de emancipación, destacadas polo IGE na súa Enquisa. No 2020 o 48% dos mozos e mozas entre 25 e 34 anos seguía a vivir cos seus pais e nais.

O 35% das familias monoparentais atópanse en risco de pobreza ou exclusión social. Cando hai máis dun menor ao cargo dese adulto (case sempre unha muller) a porcentaxe de fogares en risco medra ata o 55%

Atopamos igualmente grandes diferenzas segundo o tipo de fogar. O 35% das familias monoparentais atópanse en risco de pobreza ou exclusión social. Cando hai máis dun menor ao cargo dese adulto (case sempre unha muller) a porcentaxe de fogares en risco medra ata o 55%. 

Neste senso, chama a atención a distinta evolución no ano 2020 das taxas de risco de pobreza en homes e mulleres. Nos homes, o dato case non variou con respecto ao 2019 (do 18,84% ao 18,91%), mentres que nas mulleres pasou do 18,83% ao 20,05%, máis dun punto de diferenza que abre unha fenda con respecto ao sexo masculino.

Non hai grandes diferenzas por área, pero o Sur de Ourense (31%), o Sur de Pontevedra (26%) e Ferrolterra (26%) son as zonas cunha maior porcentaxe de poboación en risco.

Este denominado 'risco de exclusión social' vén detrerminado por distintos factores que se engaden á insuficiencia de ingresos económicos e nos que destaca a falta de emprego remunerado e a 'carencia material' en determinados conceptos. 

325 mil persoas non se podían permitir no ano 2020 "manter a vivenda cunha temperatura adecuada", a pesar de que os prezos da electricidade e do gas eran moi inferiores aos que se están a dar na segunda metade do ano 2021

Son moitos os galegos e galegas que, por exemplo, non se podían permitir no ano 2020 "manter a vivenda cunha temperatura adecuada", a pesar de que os prezos da electricidade e do gas eran moi inferiores aos que se están a dar na segunda metade do ano 2021. En concreto, 325.292 persoas (o 12% da poboación galega) sufría esta 'pobreza enerxética'. De igual xeito, máis de cen mil persoas tiveron atrasos no pagamento de gastos relacionados coa vivenda principal (alugueiro e outras facturas).

Porcentaxes moi importantes da poboación, ademais, recoñecían dificultades "para facer fronte a gastos imprevistos" (o 25% do total) ou asumían que non se podía permitir ir de vacacións polo menos unha semana ao ano (o 51% do total).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.