O pasado 26 de novembro o secretario xeral do PP en Galicia, Miguel Tellado, anunciou en rolda de prensa que o seu grupo parlamentario ía presentar "unha iniciativa no Parlamento para que todos os partidos aclaren se queren unha República Independente en Galicia". O 'número dous' de Alberto Núñez Feijóo mesmo detallaba unha pregunta concreta a formular co obxectivo, afirmaba, de retratar ao BNG tras a súa recente Asemblea Nacional: "queren ou non a independencia para Galicia?".
O PP reorientou a súa iniciativa, que anunciara como unha pregunta sobre se os grupos da Cámara "queren ou non a independencia de Galicia" para, sinalara, retratar ao Bloque
Días despois, ao rexistrárena formalmente na Cámara, os conservadores reorientaron a formulación avanzada por Tellado. O texto final, que tramitaron por vía de urxencia, consistiu nunha mostra de adhesión aos preceptos da Constitución e do Estatuto, así como no rexeitamento a "calquera iniciativa que promova a independencia de Galicia" ou de "calquera comunidade autónoma". O texto, que tiña garantida a súa aprobación coa maioría absoluta do PP, saíu adiante este 22 de decembro cos votos a prol dos populares e tamén do PSdeG.
No debate previo á votación, os popular Tellado optou por comezar cun ton institucional, glosando os "innumerables avances" da historia da autonomía e advertindo das bondades de "grandes consensos" que o soberanismo, di, quere esfarelar. A súa iniciativa, defendeu, tenta amosar a "verdadeira faciana" do BNG, porque "o mínimo que se pode esixir a un partido político é a honestidade". Na súa segunda quenda, non obstante, o ton virou áspero para finalizar con evocacións á disolta banda terrorista ETA.
Polo BNG, a encargada de responder foi a súa vicevoceira parlamentaria, Olalla Rodil, que optou por facelo en clave de retranca. "Tráiolles hoxe nacionalismo galego para dummies", comezou antes de constatar cara a Tellado que "efectivamente, somos un bloque, somos nacionalistas e somos galegas". "Defendemos a soberanía nacional de Galiza", o cal significa "que poidas decidir por ti mesmo, como galego ou galega, democraticamente o noso futuro", sinalou dirixíndose cara ás cámaras antes de exemplificar diversos eidos nos que, di, o Bloque quixera aplicar esa capacidade de decidir, tales como as infraestruturas ou o prezo da luz.
"Tráiolles hoxe nacionalismo galego para dummies", ironizou Olalla Rodil, antes de evidenciar que o Bloque é nacionalista e considerar que o PP está "tan obsesionado por caricaturizar o BNG que acaba resultando bastante ridículo". Tellado concluíu o debate cunha alusión ao 'comando Barcelona' de ETA
"Están tan obsesionados por caricaturizar o BNG que acaban resultando bastante ridículos", concluíu Rodil nunha intervención especialmente celebrada polo seu grupo parlamentario e tamén por simpatizantes da formación nas redes sociais. "Sigan por aí, non se movan medio milímetro", recomendou a nacionalista aos populares, aos que ve "nerviosos, preocupados e medoñentos" porque "cada vez máis galegas e galegos" ven a formación como "alternativa". "Como din as Tanxugueiras, e aproveito para pedirlles o voto para Eurovisión, vimos para quedar", rematou.
Para pechar o debate, Tellado dixo celebrar o ton de Rodil, porque estabamos "acostumados a un BNG moito máis amargado". Foi nese punto no que o segundo no organigrama do PP galego asegurou que o Bloque representa "un nacionalismo que non é capaz de condenar o uso da violencia" ou reclamou que "cando concorren ás eleccións europeas, non o fagan con Bildu e ERC". Tras realizar Rodil unha chanza en castelán, Tellado dixo supoñer que "ese es el idioma que utiliza Ana Pontón para felicitarle las fiestas a Arnaldo Otegi: feliz navidad, dale recuerdos al comando Barcelona", dixo en referencia ao comando así denominado por ETA mentres existiu.
Tamén dedicou reproches Tellado ao PSdeG, aínda que os socialistas votaron a prol da iniciativa porque, resaltou o seu vicevoceiro, Pablo Arangüena, non é máis que repetir o xa votado no último debate de política xeral, cun texto "idéntico" que agora os conservadores, reprocha, recuperan co único obxectivo de "crear conflitos" e "desviar a atención". Mentres que os socialistas cren no federalismo e no avance da autonomía, dixo, a realidade é que "despois de 12 anos" con Feijóo no poder, "non houbo unha soa transferencia" de novas competencias para Galicia.