Os populares anunciaron o 26 de novembro que cuestionarían ao resto de grupos sobre se “queren ou non a independencia para Galicia”, pero finalmente proporán a próxima semana un debate sobre a Transición e contra a independencia de calquera comunidade
O pasado 26 de novembro o número 2 do PP galego, Miguel Tellado, anunciou en rolda de prensa que o seu grupo parlamentario presentaría “unha iniciativa no Parlamento para que todos os partidos aclaren se queren unha República Independente en Galicia”, e mesmo detallaba unha pregunta concreta a formular: “queren ou non a independencia para Galicia?”. A redacción lembraba aos debates sobre a independencia declarados ilegais en Catalunya, pero finalmente a iniciativa presentada e que será debatida a próxima semana no Parlamento muda os termos da súa formulación.
Os populares optaron finalmente por presentar unha proposición non de lei, un tipo de iniciativa coa que o Parlamento se pronuncia sobre calquera cuestión que considere, xeralmente para instar á Xunta a que faga algo, pero que non ten executividade inmediata. Unha proposición non de lei que tras ser anunciada o 26 de novembro foi presentada o 1 de decembro e defendida como “urxente” -”a urxencia vén motivada pola necesidade de que o Parlamento de Galicia tome posición canto antes sobre esta cuestión”, limítase a argumentar o PP- e que será debatida no Pleno que comeza o martes 21, case un mes despois do seu anuncio.
Na exposición de motivos da iniciativa o PP argumenta que se cumpren estes días o 40 aniversario da constitución do Parlamento de Galicia e o 43 aniversario da Constitución Española, normas que enmarca “no período chamado da Transición, un proceso no que os políticos de todo signo entenderon, como fixo a inmensa maioría da sociedade española, que era preciso xuntar esforzos para converter España nunha democracia, consolidar un réxime de liberdades e levar ao noso país á senda de prosperidade e da integración na Europa democrática”.
Nese contexto, os populares din que “dentro dos consensos e acordos apoiados por todos e consagrados como principios constitucionais temos a “indisoluble unidade da Nación española”, principio que contrapón con declaracións e manifestacións en defensa do dereito de autodeterminación de diversas formacións políticas entre as que cita a BNG, EH Bildu, JxCat, PDeCAt e ERC.
Segundo os populares, Galicia non só apoiou a Constitución e o Estatuto actuais “senón que actualmente todos os estudos demoscópicos confirman que nos seguimos sentindo tan españois como galegos e rexeitamos rotundamente posicións vitimistas, rupturistas e de enfrontamento ensaiados noutras Comunidades Autónomas que só traerían para Galicia división e pobreza”.
Por iso, o PP proporá á Cámara galega que aprobe a seguinte proposición non de lei: “O Parlamento de Galicia manifesta, ao cumprirse o 40 aniversario da constitución do seu primeiro Parlamento democrático, o seu compromiso e apoio á vixente Constitución Española e ao Estatuto de Autonomía de Galicia e, polo tanto, o seu rexeitamento a calquera iniciativa que promova a independencia de Galicia ou de calquera outra Comunidade Autónoma de España, xa que con iso se pon en risco o marco de convivencia que todos os españois nos demos e que garante o autogoberno de Galicia”.