No inicio de 2009 o PPdeG preparou a proclamación de Alberto Núñez Feijóo como candidato á Presidencia da Xunta ao xeito dunha gran festa. Asegurouse de encher sobradamente os dous mil asentos do Palacio de Congresos de Galicia e trasladou a Compostela á plana maior do partido no Estado, a comezar por Mariano Rajoy. Estreou lema de campaña, Chegou o momento, en galego e castelán, e agasallou o seu líder cun verdadeiro baño de multitudes que lle serviu tamén a PSdeG e BNG, daquela no Goberno, para comezar a intuír que os populares, aos que deran por electoramente desactivados, tiñan músculo dabondo para desaloxalos da Xunta.
Tres anos e medio despois o PPdeG volveu proclamar a Feijóo. Non foi no mesmo escenario por problemas de intendencia, pero foi noutro moi semellante, o do Auditorio de Galicia, tamén na capital. Sen máis dirixentes estatais que a ministra de Fomento, Ana Pastor -elixida por Pontevedra- os conservadores tentaron elevar o tono da súa tropa para unha campaña que se prevé dura e, sobre todo, de incerto resultado, tamén con lema para a ocasión: Galicia por riba de todo. Ninguén de Madrid pero todos os de Galicia, dende os membros do Goberno galego ata os presidentes provinciais, pasando por multitude de alcaldes e algún fillo pródigo da política, como o ex conselleiro de Fraga e líder de Independientes por Ferrol, Juan Fernández. As condicións de partida non eran, polo tanto, moi diferente ás de 2009. Pero si o nivel de entusiasmo.
Feijóo apoiou o seu discurso sobre dous piares: un económico e outro emotivo
Sen un bipartito gobernante contra o que cargar Feijóo asentou o seu discurso en dous piares: a economía e a emotividade. A economía serviulle ao actual presidente para, en esencia, tentar transmitir que en Galicia o peor xa pasou e que, o que poida vir en forma de recortes, en Galicia será menos grazas ao seu labor. Asegura sentirse "máis preparado", "máis convencido" e "máis forte" que a primeira vez, porque o seu propio traballo serviu para que o traballo da Xunta sirva como "resposta" para os problemas de todo o Estado. "Para todas as preguntas hai unha resposta", proclama Feijóo. "Se algún día seremos quen de que España volva ter un déficit público como o resto de países? A resposta é Galicia. "Se será quen de pagar as débedas? Se volveremos construír novos hospitais? A resposta é Galicia", asegura. Mentres o Estado segue o seu modelo el, afirma, pasará á seguinte fase. "Pasaremos do rigor ao crecemento económico sen abandonar o rigor".
"O Fraga do século XXI"
E xunto ao piar económico, o emotivo. Ata o punto de escenificar dúas interrupcións do discurso pola emoción e máis sonoro ca visible acceso de bágoas. "Galicia foi a miña vida", asegurou "creo na política e gustaríame que a xente recuperase o respecto pola política", "creo na política non como un refuxio, senón como unha vocación, continuou. Ese intento de inxectar emoción nos seus serviulle a Feijóo para ligar o seu discurso cos catro anteriores, os dos catro presidentes provinciais da formación, inzados de eloxios ao líder. "A un sempre se lle contaxia o de Fraga", xustificou o acceso de bágoas, ligado coa definición que o líder do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, fixera do titular da Xunta: "O Manuel Fraga do século XXI".
Barreiro equipara a Feijóo con Fraga e Castelao, Baltar fai o propio con Otero Pedrayo
Pero Feijóo non só é equiparable con Fraga, cando menos para os seus baróns provinciais. A "austeridade" permítelle tamén a Barreiro concluír que a acción gobernamental de Feijóo é equiparable a "aquilo que dicía Castelao, "trocar os sonos en realidades e as ideas en feitos". E isto non vén "dun nacionalista" senón "dun galeguista comprometido con esta terra". E se para Barreiro nestes anos a Xunta estivo inspirada por Castelao, para o ourensán Manuel Baltar a inspiración foi a de Otero Pedrayo. Feijóo, asegura, levou á práctica o principio de "coñecer a realidade, ata esborrallar calquera realidade mentireira e acompasala ao resto do mundo".
Na que non houbo mencións ao "galeguismo" de Feijóo foi na intervención do líder provincial do PP coruñés, Carlos Negreira. O rexedor herculino, único que se expresou en castelán agás para falar de "os partidiños" -en referencia ás pequenas formacións do ámbito nacionalista-, foi o encargado de lanzar a artillería máis grosa contra o resto de contendientes electorais. O PP está "preparado" e non como "aquela esquerda que falaba de programa, programa, e agora menos programa ten de todo" porque está "cada un dicindo que é maís guapo ca o outro". Tamén alerta Negreira dos riscos do BNG, "que o único programa que ten é o da UPG, o máis radical de España". Do mesmo xeito, tamén houbo verbas para o PSdeG e para Pachi Vázquez, "un candidato que non queren nin eles".
Ese mesmo ton serviulle a Feijóo para a única baixada á area dialéctica do seu discurso: "Galicia non pode ser un país que se reparte en porcións entre os partidos que a queren gobernar", nin sequera "pode dividirse entre esquerdas e dereitas". "Nin nos pechamos nin nos pecharemos nin nunca renunciaremos ao que somos, galegos e españois". Sen entusiasmos, pero a precampaña está lanzada.