Como aconteceu dende 1990 ata 2005, e igual que vén sucedendo dende 2009, cando menos ata finais de 2020 o PP poderá pasar o rodete da maioría absoluta para aprobar a maior parte das súas iniciativas no Parlamento de Galicia e, polo tanto, para impulsar a acción do Goberno sen necesidade de contar co resto de grupos. No entanto, as regras parlamentarias si deixan, especialmente dende a súa última reforma -tecida a partir dunha proposta do PSdeG que os populares deron en aceptar tras numerosas mudanzas- uns poucos ocos para que, se son quen de chegaren a un acordo, os grupos da oposición poidan propiciar accións na Cámara sen contar co PP. A principal novidade é que, por primeira vez, a esquerda poderá decidir a creación dunha comisión de investigación aínda que o PP se opoña.
Na súa redacción inicial a proposta de reforma do Regulamento lanzada polo PSdeG incluía unha ambiciosa modificación do artigo 52.1, o que regula as comisións de investigación. Os socialistas propuñan que a iniciativa de investigar "calquera asunto de interese público" puidese partir de dous grupos parlamentarios ou "dun número non inferior ao dez por cento do total" dos 75 escanos. Para aprobala, segundo esta proposta, abondaría "cunha terceira parte do total" dos deputados e deputadas, isto é, 15 escanos -cando formulou a reforma, o PSdeG tiña 18-.
O texto inicial dos socialistas foi retrucado por unha emenda do PP moito máis restritiva. O grupo que sustentaba o Goberno propuña abrir a porta á creación de "como máximo, dúas comisións de investigación de xeito automático" en cada lexislatura se estas eran solicitadas "por un grupo que represente polo menos un terzo dos deputados e deputadas". Isto implicaría que ningunha forza con menos de 25 escanos puidese facelo. Alén do PP, só o PSdeG no seu máximo histórico -2005 e 2009- e antes con González Laxe en 1989 (28) chegou a esa cota de 25 escanos estando na oposición.
Se En Marea, PSdeG e BNG xuntan os seus votos poden traspasar o limiar esixido polas novas normas para crear "de xeito automático" unha comisión de investigación durante a lexislatura
Tras as correspondentes negociacións o novo texto ficou nun punto intermedio. A nova redacción do artigo 52.1 ten un punto adicional segundo o cal sairá adiante "de xeito automático unha comisión de investigación por lexislatura de o solicitaren un terzo dos deputados e das deputadas", 25, se "pertencen a un mesmo grupo", ou as dúas quintas partes dos membros do parlamento, 30, se están integrados en grupos diferentes. A nova composición da Cámara provoca que só haxa unha vía para activar esta fórmula: á marxe de quen conta coa maioría absoluta, ningún grupo chega a 25 escanos. Pero se En Marea, PSdeG e BNG unen os seus votos chegan a 34 e, polo tanto, teñen na man activar unha investigación sexa cal sexa a posición dos conservadores.
Este novo escenario é, así e todo, moito menos flexible que o que reclamaba o PP mentres estivo na oposición liderado por Alberto Núñez Feijóo. Ano e medio despois de substituír a Manuel Fraga como líder do partido, no outono de 2007, Feijóo lanzou unha proposta inédita na historia da autonomía: "Que cada grupo teña dereito a impulsar dúas comisións de investigación por lexislatura sen necesitar o apoio do resto da Cámara". Despois, non obstante, o candidato da dereita reformulou a idea para adaptala xa á redacción coa que negociou o pasado ano, a de outorgarlle dúas comisións ao grupo que contase con 25 ou máis escanos.
Para activar a investigación de Angrois cumpriría unha mudanza na posición do PSdeG, cuxo candidato dixo estar disposto a abrir unha "reflexión" ao respecto
Así as cousas, só resta saber se as forzas da esquerda parlamentaria, na súa nova composición, serán quen de chegaren a un acordo para investigar a xestión do PP e a respecto de que asunto o farán. Unha das cuestións susceptibles de encaixar nese debate é o accidente de Angrois, cuxa investigación foi a máis vetada da pasada lexislatura. Para que isto suceda sería necesario un cambio de posición do PSdeG, que no anterior mandato optou pola abstención cando se votou ao respecto. No entanto, durante a campaña electoral quen foi candidato socialista á Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, amosouse nunha entrevista con Praza.gal disposto a que o partido realizase, na nova lexislatura, "unha reflexión" sobre a súa "posición" sobre esa investigación.
Alén da posibilidade de pactar unha comisión de investigación, os pactos pola esquerda terán que chegar antes. Como informou este diario, o empate a 14 escanos entre En Marea e PSdeG fai imprescindible a negociación para a elección de dous postos na nova Mesa da Cámara, que será elixida o 21 de outubro. O acordo entre grupos opositores tamén será necesario na nova lexislatura para, por exemplo, pedir comparecencias de membros do goberno -cómpre a sinatura de dous grupos ou dunha quinta parte dos escanos-, pedir a convocatoria extraordinaria dun pleno ou alterar a orde do día dunha sesión.