A nova composición do Parlamento obriga a oposición a tecer o primeiro pacto antes dun mes

Membros da Mesa do Parlamento, dirixindo unha sesión da pasada lexislatura © Parlamento de Galicia

O vindeiro 21 de outubro ás 11 da mañá comezará formalmente a décima lexislatura autonómica. Nesa xornada, segundo o estipulado no decreto de convocatoria das eleccións do pasado 25S, constituirase o novo Parlamento. E ese será o día no que a recomposta banda esquerda do Parlamento comprobe por primeira vez a súa capacidade para acadar acordos coa súa nova composición. Agás no improbable escenario de que o reconto do voto exterior da provincia de Ourense desfaga o empate a 14 escanos entre En Marea e PSdeG, os pactos serán imprescindibles para a elección dos postos que non lle corresponden ao PP na Mesa do Parlamento, o órgano reitor da Cámara.

Como marca o Regulamento, a primeira decisión que terá que tomar o pleno nesa sesión constitutiva será a elección da Presidencia do Parlamento. O posto elíxese por maioría absoluta, polo que lle corresponderá ao PP con independencia da postura do resto de grupos. O mesmo sucederá coa vicepresidencia primeira e mais coa secretaría, que lle corresponden ao grupo con máis votos na Cámara. A intervención da esquerda chegará para a elección da vicepresidencia segunda, na segunda votación, e da vicesecretaría, na terceira votación.

O empate de En Marea e PSdeG a 14 escanos fai imprescindible un acordo

As normas parlamentarias estipulan que tanto un posto coma o outro serán para a deputada ou deputado co segundo maior número de votos. No caso de "se producir empate", indica o Regulamento, "celebraranse sucesivas votacións entre os candidatos igualados en votos ata que o empate quede dirimido". Se cada grupo da oposición vota por cadanseu candidato ou candidata, na primeira votación o Bloque ficaría fóra e produciríanse sucesivos empates entre En Marea e o Grupo Socialista. Deste xeito, todo apunta a dous escenarios posibles: un acordo entre os dous grupos con 14 escanos, En Marea e PSdeG para distribuírense a vicepresidencia segunda e a vicesecretaría, ou ben un pacto dunha destas dúas forzas do BNG. Aínda habería, non obstante, outra posibilidade, inédita na historia do lexislativo: que o PP dividise os seus votos para, en caso de non haber acordo pola esquerda, ficar cos cinco asentos ou decidir a que membro da oposición lle quere outorgar os postos.

O precedente máis próximo a esta situación deuse hai tan só catro anos, daquela a resolución non foi de todo pacífica. Tras varias lexislaturas con só tres grupos na Cámara nas que, sempre que houbo maioría absoluta do PP, PSdeG e BNG acordaban entre si o reparto do dous postos restantes, a chegada de AGE mudou a dinámica. Así, o PSdeG comezou instando o PP a ceder un dos seus postos -e a maioría absoluta no órgano- para permitir que os catro grupos estivesen na Mesa. Como era previsible, o PP desbotou a idea e instou os socialistas a quen fosen eles quen decidisen se daban entrada ou non a AGE.

Hai catro anos o PSdeG optou por non atender as suxestións de AGE e BNG e quedar cos dous postos

Naquel escenario, Alternativa e o Bloque formularon dúas posibles solucións. O grupo daquela liderado por Xosé Manuel Beiras propuxo sumar dous membros á Mesa para, sen incrementar a súa asignación económica, permitir que todos os grupos participasen dela. O BNG, pola súa banda, suxeriu que un dos postos da oposición fose para o PSdeG e o outro, rotase temporalmente entre AGE e o propio Bloque cun reparto proporcional á súa representación.

En Marea e o Grupo Socialista poden pactar entre si, buscaren un acordo bilateral co Bloque ou apostaren por unha solución rotatoria

Finalmente, a Executiva Nacional dos socialistas, daquela dirixida por Pachi Vázquez, decidiu non atender as peticións que lle chegaban dende a súa esquerda e ficou cos dous postos aos que, coa aritmética na man, podía acceder, dando lugar a un reparto a dous practicamente inédito no 'goberno' do Parlamento. No entanto, apenas dúas semanas despois o PSdeG flexibilizou a súa postura no reparto de postos nas comisións parlamentarias e deu en ceder catro dos seus postos, dous a AGE e outros dous ao BNG.

Así as cousas, resta saber se a formación que dalgún xeito herda o espazo parlamentario de AGE, En Marea, opta por devolver aos socialistas o seu movemento de hai catro anos e abordar esta asignación de responsabilidades sen contar con eles, toda vez que un acordo co BNG sería dabondo, ou se, pola contra, tentan o acordo co PSdeG. Os socialistas, pola súa banda, teñen tamén a opción de buscar os nacionalistas e excluír das conversas a En Marea, e todos eles contan cunha terceira vía que inclúa solucións rotatorias como a suxerida polo Bloque en 2012.

Primeira xuntanza da Mesa do Parlamento na lexislatura pasada © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.