AGE propón sumar dous membros á Mesa do Parlamento para integrar a todos os grupos

Beiras, na súa primeira comparecencia no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) debuta na vida parlamentaria cunha proposta de desbloqueo da primeira controversia da lexislatura, a mesma que ocupa e preocupa o resto dos grupos a causa, precisamente, da irrupción da coalición liderada por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz como terceira forza do lexislativo galego. A tres días da constitución a Cámara da IX Lexislatura autonómica dende AGE lamentan ter que "andar en releos" sobre os postos da Mesa do Parlamento, o principal órgano reitor da institución, e por iso instan o resto do hemiciclo a solventar o asunto sen alterar o xogo de maiorías: pasar dunha Mesa de cinco membros a unha de sete.

Trataríase, explica Beiras, dunha ampliación "que se pode facer" a través dunha reforma regulamentaria "con enorme rapidez" e que non traería consigo ningún incremento de gasto. A asignación económico que agora se distribúe entre cinco pasaría a repartirse entre sete: catro deputados ou deputadas do PP e un representante de cada grupo da oposición. "Non habería problemas de que unha política de austeridade o desaconsellase, non hai ningunha escusa", resolve o voceiro de AGE, formación que xa avanza que renunciaría aos "privilexios" que trae consigo a presenza na Mesa, como asignacións económicas e de persoal ou uso de coches oficiais. 

Beiras detalla que a ampliación non implicaría ningún gasto adicional, xa que se distribuiría entre sete membros a asignación económica da actual Mesa de cinco

"Se non aceptan o dos sete membros" a xuízo de Beiras "non queda máis que reclamar" que se repitan os "usos parlamentarios" que se veñen aplicando nas últimas lexislaturas, isto é, que os dous membros da Mesa que lle corresponderían á oposición "se repartan" por "orde de magnitude dos grupos", isto é, un para o PSdeG e outro para AGE. "Pero non queremos marxinar a ninguén, de aí a nosa insistencia para que se arbitre unha fórmula que permita que estamos os catro". Do mesmo xeito, se o PSdeG opta -como suxeriu este martes- por ocupar os dous postos da oposición, Beiras diríxese ao Grupo Socialista para confiar en que "será razoable" e non queira "pasar por riba dos demais" e "comezar dándolle unha lección" neste sentido "ao electorado cada vez máis reducido que ten".

Comisións e negociacións

O que AGE non aceptará, advirte, é en "ver como os minoritarios nos repartimos a miseria", di, en referencia á proposta do BNG para rotar no quinto posto da Mesa. "Repartir a miseria nunca conduciu a nada" polo que, nese caso, "alá os grupos maioritarios co que fagan, nós tomaremos boa nota". Esa mesma actitude, explica, será a que AGE poña en práctica á hora de estruturar as comisións da Cámara -órganos nos que se tratan as leis e as iniciativas de control de maneira sectorial-. "Estamos dispostos a repartir entre os tres grupos da oposición a presenza nas mesas das comisións, o que nos toque", asegura, ao tempo que agarda que o PP non procure reducir "de 14 a 12" os deputados que forman estes organismos. "Que non nos veñan con lerias, se reducen é porque queren esganar no posible a capacidade de acción do Parlamento", afirma.

Neste contexto Beiras e Díaz quedan á espera de que o resto de grupos, especialmente o PSdeG, lle trasmitan a AGE a súa postura definitiva. "Pachi Vázquez quedou comigo en que mañá me trasladará a resposta" nunha conversa na que tamén lle mencionou, "de pasada", a alternativa de que o PP cedese a súa maioría, un plan que lle parece "inxenuou ou ilusorio". En calquera caso, Beiras apela a reflexionar sobre que "estas cousas teñen a importancia que teñen". "Confío en que non deamos ningún espectáculo nun momento en que a xente está preocupada polo que lle está a chover enriba", conclúe.

Beiras e Díaz, no inicio da súa comparecencia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.