O PSdeG cédelles catro postos nas comisións do Parlamento a AGE e BNG

Vista da bancada do PSdeG, no debate de investidura © Parlamento de Galicia

Remata o reparto de responsabilidades no Parlamento e faino con menos ruído ambiental que ao comezo. Despois de que o inicio da IX Lexislatura autonómica estivese marcado pola constitución dunha Mesa -goberno da Cámara- bipartita, só coa presenza de PP e PSdeG, os socialistas galegos veñen de adoptar unha postura diferente na asignación de cadeiras nas mesas das comisións, isto é, nos postos reitores dos que poden ser considerados órganos máis relevantes do lexislativo galego, nos que se realiza boa parte do traballo diario tanto no trámite de leis como na presentación de iniciativas de control e impulso ao Goberno.

No caso das mesas das comisións os postos a distribuír eran aínda menos que na Mesa do Parlamento, tres fronte a cinco. Así as cousas, e dado que o PP ten maioría en todos os órganos, só resta un lugar -a secretaría- para a oposición que, coa aritmética na man, lles correspondería en todos os casos aos socialistas. Pero isto non será así. O PSdeG accedeu a "ceder catro das once secretarías" a Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e ao BNG, dúas para cada grupo, co obxectivo, di o voceiro socialista, Abel Losada, de "garantir a representatividade de todos os grupos nos órganos directivos".

O PSdeG mantén que a responsabilidade de que AGE e BNG ficasen fóra da Mesa é do PP

Losada aproveita esta operación para volver afirmar que o seu grupo tamén tiña a "intención" de darlles entrada a AGE ou ao BNG nun posto da Mesa do Parlamento, aínda que lembra que a súa proposta pasaba por que "o PP cedese outro posto" ou, o que é o mesmo, que os conservadores renunciasen a ter maioría absoluta neste órgano. Isto, evidencia, "foi imposible pola negativa dos populares".

Á marxe desta distribución de secretarías tamén quedaron asignadas todas as presidencias e vicepresidencias das once comisións. En todos os casos os dous cargos principais agás nun, a Comisión de Economía, que segundo a tradición parlamentaria é presidida por un deputado ou deputada do grupo maioritario da oposición. Despois de que na pasada lexislatura esa presidencia fose ostentada polo socialista Ismael Rego desta volta o PSdeG designou para a mesma responsabilidade ao ex alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo, que debuta como deputado.

Vista da bancada do PSdeG, no debate de investidura © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.