"O BNG continuará na senda de presentar con cada crítica unha proposta alternativa", di a líder nacionalista, que apunta iniciativas en áreas como a volta aos colexios, a sanidade ou a vivenda
O BNG iniciou este xoves o curso político cunha reunión da súa Executiva tras a que a súa portavoz nacional, Ana Pontón, expuxo as liñas de acción política da formación para os próximos meses. A nacionalista puxo o foco principalmente na fiscalización da actividade da Xunta pero salientando que "o BNG continuará na senda de presentar con cada crítica unha proposta alternativa".
Pontón comezou reclamando ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que compareza no Parlamento para que explique o "nepotismo" e o "despilfarro" na xestión dos recursos públicos, e confirmou a solicitude por parte do BNG dunha comisión de investigación sobre irregularidades nas contratacións da Xunta.
"Só se esconde e oculta información quen ten algo que esconder", di Pontón da negativa de Rueda a dar explicacións no Parlamento polo sobrecusto do hospital de Vigo ou os contratos con Eulen ou os de emerxencia pola COVID-19
A líder do BNG referiuse, entre a longa lista de casos de "posible corrupción, nepotismo e irregularidades", aos "1.331 contratos a dedo" en 5 anos a Eulen, empresa que dirixe en Galicia a irmá do ex-presidente Feijóo; aos contratos de emerxencia da COVID-19, que cualificou de "auténticos pelotazos"; ou ao sobrecusto de 470 millóns de euros polo Hospital de Vigo, denunciado no último informe do Consello de Contas.
"É un escándalo que o PP leve anos ocultando eses contratos ao Parlamento e que o señor Rueda estea escondido, querendo eludir a súas responsabilidades", denunciou, para acusar o PP de usar "o seu rodillo parlamentario para non comparecer no Parlamento en agosto", como pedira o BNG. Advertiulle de que "non pode seguir escondéndose e intentando ocultar este escándalo á sociedade galega, porque só se esconde e oculta información quen ten algo que esconder".
Pontón tamén acusou a Rueda de estar quedando como "o presidente máis centralista e máis submiso a Madrid da nosa historia, actuando de maneira acomplexada" en referencia ao seu posicionamento nos debates que se están dando a nivel do Estado sobre o financiamento autonómico a "antepoñer os intereses partidistas aos intereses de Galiza", aclarou.
Pontón asegurou que o BNG "continuará na senda de presentar con cada crítica unha proposta alternativa". Nesa liña, anunciou a presentación nos próximos días dun plan de medidas en materia de servizos públicos, como o reforzo do sistema educativo, e para facer fronte aos gastos do novo curso escolar, e unha proposta de rescate da sanidade pública e da atención primaria, "en estado crítico como consecuencia das políticas privatizadoras e de desmantelamento da Xunta do PP", lamentou.
A líder do Bloque afirmou ser tamén consciente do "grave problema" no acceso á vivenda, que será outra das prioridades do BNG no novo curso político, poñendo sobre a mesa "medidas reais e efectivas para que a Xunta asuma as súas competencias e deixe de estar instalada na propaganda", apuntou.
Ao PSOE o BNG reclama "que non só cumpra o acordo de investidura" de Pedro Sánchez senón que tamén avance na transferencia e fin da peaxe da AP-9
Canto a actuación fóra de Galicia, Pontón salientou que a súa formación actuará ante o estado e en Bruxelas "posicionando o noso país en debates de calado a nivel estatal como é a defensa dos nosos intereses en materia de financiamento", apuntou. O BNG, di, "non vai permitir que Galiza sexa tratada como unha comunidade de segunda" para advertir que esixirá "o mesmo trato que as outras nacións históricas".
Pontón tamén tivo palabras para o PSOE, a quen reclamou que "non só cumpra o acordo de investidura, senón que avancemos noutros temas importantes", como é o caso da AP-9, onde "vemos como PP e PSOE son como dúas gotas de auga en relación ao trato a Galiza". Neste senso, anunciou que o BNG traballará non só pola transferencia, senón tamén por poñer fin á prórroga da autoestrada.