A pugna política e social non cesa en torno á posible instalación en Palas de Rei de Greenfiber, a fábrica de celulosa soluble e fibras téxtiles lyocell a partir deste produto promovida por Altri e Greenalia tras ser seleccionada para facelo por Impulsa Galicia, a sociedade público-privada fundada pola Xunta e Abanca. E un dos seus terreos de xogo clave está a ser o da comunicación.
Dende fases moi iniciais do proxecto, Altri contratou en Galicia os servizos dunha consultoría experta en comunicación, márketing e imaxe de marca. Os seus primeiros movementos foron en clave de mensaxes fundamentalmente positivas: sinalar aspectos como a xeración de emprego ou a sostibilidade que, aseguran, son as súas bandeiras.

Así o fixeron tamén cando, a mediados de 2024, realizaron a súa primeira comparecencia pública ante os medios. Organizárana nun contexto no que a contestación social pola elección da Ulloa como emprazamento estaba recaendo esencialmente sobre os ombros do Goberno galego, en cuxo seo chegou a existir certo malestar por recaer no presidente Rueda e outros cargos a responsabilidade de responder publicamente por Altri.
A pugna política e social sobre Altri ten na comunicación un terreo clave.Tras unha primeira fase con mensaxes centradas en beneficios da súa implantación na Ulloa, a empresa preme o acelerador para identificar como "loiadas" o groso das críticas á fábrica
Naquela conferencia de prensa, non obstante, a multinacional portuguesa xa inaugurou tamén unha liña argumental que nas últimas semanas gaña forza non só nas mensaxes emitidas pola compañía, senón tamén nas da Xunta e o PP. Afirmaba daquela o conselleiro delegado de Altri, José Soares de Pina, que era "normal" que "a xente teña preocupación" polos posibles efectos negativos da fábrica, se ben consideraba que gran parte do desacougo estaba baseado en "desinformación", en "información falsa".
Case un ano despois, a empresa, o Goberno galego e o partido que o sustentan premen o acelerador nese carreiro para identificar como mentiras ou "loiadas" ("bulos", afirman tamén en mensaxes en galego) o groso das críticas á fábrica. Así o fixeron nos últimos días, por exemplo, en diversos espazos de contido patrocinado inseridos por Altri nas edicións impresas e dixitais dalgúns dos principais xornais.
Neses contidos, con títulos como Di NO a los Bulos, SÍ a la Industria Sostenible, Altri retruca a cuestións estritamente subxectivas, como negar que o que proxectan en Palas sexa unha "macrocelulosa", e atribúe aos seus opositores outras como que vaia fabricar "pasta de papel", o cal non está incluído no proxecto, segundo a documentación publicada par a súa tramitación ambiental.
Cargos do Goberno galego e do partido que o sustentan secundan os argumentos de Altri indo mesmo alén do afirmado pola propia empresa
Tamén reduce a mentiras outros aspectos como que a esta fábrica "non a queren en Portugal" -en 2022, o propio De Pina xustificou a instalación en Galicia por escaseza de eucalipto no seu país-, que "causará un prexuízo ás explotacións agrogandeiras" ou que "destruirá a contorna natural". Inclúe na mesma categoría de "loiada" que "consumirá 46.000 metros cúbicos de auga ao día", para a continuación matizar que "non consume auga" porque "usará unha media de 15.000 metros cúbicos ao día" que "serán devoltos practicamente na súa totalidade ao río unha vez tratados" e que os 46.000 son "un valor e deseño, coma os 250 quilómetros por hora aos que pode ir un coche".
Alén da propia empresa, tamén o presidente da Xunta situou as críticas a Altri no ámbito das mentiras nos últimos días. "Que cesen os bulos", insiste Alfonso Rueda. Na mesma liña, a súa número dous no PPdeG, a secretaria xeral, Paula Prado, utilizaba o mesmo termo nun artigo de opinión a pasada semana no que afirmaba, entre outros aspectos, que Altri "nin suporá a eucaliptización de Galicia, nin agredirá recursos naturais, nin expulsará gases contaminantes", indo mesmo alén do afirmado pola empresa na documentación oficial, que sitúa as emisións ou o impacto ambiental como existente, pero dentro das marxes legais.