Rueda dá por "pechado" o debate ambiental e social sobre Altri: "O importante non é unha pancarta"

Alfonso Rueda, durante a sesión de control no Parlamento CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Alfonso Rueda dá por "pechado" o "debate ambiental" sobre Altri. "Por moito que lles pese", dixo o presidente da Xunta para responder ás críticas da oposición polo seu apoio —e o do seu goberno— á planta que a multinacional portuguesa prevé instalar en Palas de Rei. 

"O debate ambiental de Altri está pechado, por moito que lles pese; o debate é se en Galicia queremos postos de traballo e investimentos", di Rueda

Nunha sesión de control no Parlamento con acusacións cruzadas de "bulos" e "mentiras", Rueda volveu facer de menos as mobilizacións contra Altri, desdeñando a falta de "licenza social" que tería o proxecto, en referencia ás declaracións da plataforma Ulloa Viva na manifestación do pasado sábado na Pobra.

Para o presidente da Xunta, o debate non é medioambiental nin social xa. "O debate é se en Galicia queremos postos de traballo e investimentos" que, dixo, se non acaban aquí "irán a outro lado". Iso si, aclarou, sendo "especialmente esixentes" desde a Administración autonómica tanto con Altri como co resto de empresas que queiran instalarse no país, que son moitas pola "seguridade xurídica" que o Goberno galego achega, insistiu. 

Ana Pontón, durante a sesión de control no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

"Por iso queren vir a Galicia e vostedes queren que non veñan", espetou aos líderes da oposición, a nacionalista Ana Pontón e o socialista José Ramón Gómez Besteiro. Un e outro lembráronlle a "histórica manifestación" da fin de semana na Pobra e a portavoz so BNG recriminoulle que a súa resposta e a do PP fose chamar a xente mobilizada "alborotadores e propagadores de bulos" ou acusala de "estar desinformados e manipulados". "A súa resposta é o desprezo e o insulto", dixo. 

Pontón pide a Rueda que "non converta Galicia nun grande eucaliptal" e lembrou os tráxicos incendios de Portugal en 2017

Pontón volveu cargar contra a "bomba ambiental" que di que suporía Altri e volveu preguntar a Rueda que por que, sendo Altri "unha empresa portuguesa", Portugal "non quere" a planta que si prevé en Palas. Ademais, pediu ao presidente da Xunta que "non converta Galicia nun grande eucaliptal" e lembrou que o país veciño prohibiu a plantación de eucaliptos tras os tráxicos incendios de 2017. "A partir de aí, Galiza convértese no lugar onde buscan os eucaliptos que alí non poden plantar", dixo. 

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lembrou a Rueda outros "proxectos frustrados" como "a fusión das caixas ou os centos de floteis de Pemex" e advertiu que "Galicia non precisa un proxecto que dedique máis masa forestal a producir celulosa". Imaxe     close    delete_forever swap_vert 

"Se do PSdeG dependese, este proxecto recibiría cero euros de fondos públicos porque nin cumpre nin o merece", asegura Besteiro

"Se do PSdeG dependese, este proxecto recibiría cero euros de fondos públicos porque nin cumpre nin o merece", dixo en dúas ocasións Besteiro, que asegura que a súa conclusión e a do seu partido xorden de "analizar a cuestión medioambiental e económica, a valoración social e o futuro e o emprego que xeraría Altri". "Facendo esta análise desde marzo pasado, cando se empezou a descubrir a verdade e que de fibra téxtil pouco e de celulosa moito", aclarou o líder socialista. "Eu son libre para decir isto, que non hai futuro nin valor engadido" na planta de Altri, insistiu. 

José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), na sesión de control no Parlamento CC-BY-SA PSdeG

Respondía así Besteiro a Rueda, que acusou a BNG e PSdeG de "cambiar de opinión" sobre Altri e de telo apoiado ata antes das eleccións sabendo de sobre a que se dedicaría. "Pelexaban por apuntarse o tanto e que se instalase nos seus concellos; pelexaban por inaugurala e agora por derrubala", dixo o presidente da Xunta, tirando de hemeroteca e declaracións de apoio de líderes socialistas e nacionalistas. 

"Ou son ineptos, ou mentireiros ou non se enteran de nada ou todo á vez", chegou a dicir Rueda, mentres Pontón e Besteiro retrucaban con outra hemeroteca na que o ex-presidente da Xunta, Núñez Feijóo destacaba o proxecto por centrarse en "fibras téxtiles". "Enganaron a cidadanía ata que pasaron as eleccións, vostede coidouse moito de non dicir o que era, unha macrocelulosa", lembroullle a líder nacionalista ao xefe do Executivo galego. 

Rueda acusa a oposición de "cambiar de opinión" sobre Altri tras as eleccións; Pontón e Besteiro lembran que a Xunta sempre falou de fábrica de "fibras téxtiles" cando é "unha macrocelulosa"

"Quere unha nova Ence e iso non é futuro", acusou Pontón, que instou a Rueda a "apoiar a produción de alimentos, empresas tecnolóxicas...". "Non faga de comercial dunha macrocelulosa", engadiu, mentres Besteiro retou o presidente da Xunta a "recoller algunha declaración miña en sede parlamentaria ou no diario de sesións onde atope esa contradición". "Falamos de solvencia, de rigor e de se Altri achega valor engadido", insistiu o líder do PSdeG, que advertiu de "proxectos marabillosos" que si cumpren con esas condicións e "xeran máis emprego". 

"Vostede está atado a este proxecto e non é libre", insistiulle Besteiro, que cre que "Altri é unha gran mentira desde o primeiro día". "Non hai unha soa verdade sostible arredor del", engadiu. 

Por último, Rueda pediu que cesen "os boicots, as coaccións e as descualificacións" sobre Altri, así como "respecto" aos técnicos que lle outorgaron o visto e prace ambiental. "O importante non é o que di unha pancarta", rematou. 

Rueda saúda alcaldes e cargos do PP de municipios da conca do Ulla CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Presenza de alcaldes e cargos do PP da zona

A sesión de control foi seguida desde a tribuna por máis de vinte dirixentes do PPdeG, portavoces e alcaldes de municipios da comarca onde se instalaría Altri ou da conca do Ulla. Entre eles, Pablo Taboada, rexedor de Palas de Rei. Ao finalizar o acto, Rueda, o conselleiro e presidente do PP provincial, Diego Calvo; e a secretaria xeral do partido, Paula Prado, acudiron a saudalos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.