A Xunta esgrime as bandeiras azuis de praias próximas a Ence para defender que Altri será inocua

Alfonso Rueda, a conselleira de Medio Ambiente -á dereita da imaxe-, a alcaldesa de Marín e outros cargos, na cerimonia de entrega das bandeiras azuis 2022 nunha praia marinense CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Entre 1987 e 1999 a Comisión Europea implicouse na organización do Programa Bandeira Azul, que nese tempo pasou a ser popularmente coñecido como sinónimo de praias con boa calidade ambiental. Pero o certo é que as autoridades da UE acabaron desligándose dese programa non ter "suficiente rigor" nin exercer "control periódico" dos areais e as súas contornas.

Así e todo, as bandeiras azuis continúan sendo altamente populares. As que locen en máis dun cento de praias galegas son concedidas, como no resto do Estado, pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor, filial española da dinamarquesa Fundación para a Educación Ambiental. Os manuais que rexen o certame -cofinanciado por diversas institucións públicas, entre elas a Xunta- evidencian que as praias que desexen lucilas deben cumprir criterios ambientais como non superar os limiares legais de contaminación, pero tamén o alto peso das infraestruturas turísticas ou mesmo que non son recomendables para espazos naturais "fráxiles".

As conselleiras de Economía e Medio Ambiente, María Jesús Lorenzana e Ángeles Vázquez, antes de informar sobre o visto e prace ambiental a Altri CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Malia todos estes matices da propia ADEAC, gobernos coma o galego seguen presentando cada ano as bandeiras azuis como sinónimo de "xestión ambiental e sustentabilidade". Ese fío vén de ser retomado pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, non para defender que a súa consellería siga financiando o programa das bandeiras (o ano pasado achegou 57.500 euros a ADEAC para facelo), senón para afirmar que a implantación de Altri será inocua na ría de Arousa, onde desemboca o Ulla, río do que a celulosa prevé captar 46.000 metros cúbicos ao día -46 millóns de litros-.

A conselleira de Medio Ambiente mantén que "non vai haber afección á auga nin á terra" e que a "sostibilidade" de Altri vai ser "total e absoluta". Matiza, asemade, que "ninguén bebe auga do río directamente" porque "ten que pasar" por unha depuradora

Ao ser preguntada ao respecto este pasado domingo durante unha entrevista na Cadena SER, Vázquez censurou que se estea a "falar de macrocelulosa", o que implica que "moitas veces a xente diga: o que se nos vén enriba". "Hai que ver a Marín, que está ao lado de Pontevedra, e todas as súas praias teñen bandeira azul", suxeriu a conselleira en referencia aos areais de Aguete, Mogor, Portocelo Santo do Mar e a súa relativa proximidade á factoría de Ence. "Iso non o di a Xunta, verifícano outras xentes que son externas", resalta.

"Que non se preocupen, non vai haber afección á auga nin á terra" e Altri "é compatible mesmo coa agricultura e a gandeiría ecolóxica", enfatiza a titular de Medio Ambiente, quen ademais insta a ter en conta que "a auga que utilizan volve ao río". Neste sentido, Vázquez asegura que "tampouco hai nada" a respecto de que as augas vaian ser vertidas ao Ulla dende a fábrica a 27 graos: "O que se lle permite, e así queda claro na declaración de impacto ambienta, é que non poden superar os 3 graos a maiores da media do río Ulla e para iso, nos 50 primeiros mestros", o que para a conselleira é evidencia dunha "sostibilidade total e absoluta".

Declaración de impacto ambiental ditada pola Xunta para Altri

A xuízo de Ángeles Vázquez cómpre ter tamén en conta, adicionalmente, que "ninguén bebe auga do río directamente". "Ten que pasar" por unha depuradora "sexa como sexa a condición do río" e "neste caso hai que dicir que as esixencias son enormes por parte da Xunta" no que atinxe a "como teñen que verter" unha auga que, defende, "non vai afectar en absoluto" á ría de Arousa. "Estamos falando dunha empresa que en liña recta está a 70 quilómetros da ría" e "o control exhaustivo vaise realizar nos primeiros cincuenta metros".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.