No ano 1987 a Comisión Europea celebraba o Ano Europeo do Medio Ambiente e decidiu implicarse activamente no Programa Bandeira Azul. Durante a década seguinte, ese distintivo foise estendendo polas praias do continente e lido como sinónimo de calidade e respecto ambiental na costa.
As bandeiras azuis tiveron o aval da UE ata 1999, cando as autoridades comunitarias se desligaron delas por seren concedidas sen "suficiente rigor" ambiental
Así foi ata que en 1999 a UE rompeu relación coas bandeiras azuis por seren outorgadas mediante criterios sen "suficiente rigor" e non implicaren, por exemplo, "control periódico" sobre as praias. Mesmo "facendo a vista gorda" en máis dunha ocasión, ilustraba en declaracións a El País o daquela voceiro da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Saturnino Muñoz. Na decisión pesaran tamén as crecentes obxeccións de colectivos ecoloxistas.
Xa sen o aval comunitario, as bandeiras azuis continuaron o seu camiño a nivel continental a través da Fundación para a Educación Ambiental, unha entidade con sede en dinamarca que ten na Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC) a súa filial española. Como propietaria da marca e organizadora da asignación dos distintivos, ADEAC vén chegando cada ano a un acordo coa Xunta para "desenvolver a campaña Bandeira Azul" cada ano. Trátase dun pacto coa forma xurídica de convenio que neste ano incrementa o seu custo un 43,8%, ata os 57.500 euros.
Dende 2010 a achega do Goberno galego aos convenios coa asociación que organiza as bandeiras azuis veu sendo de 40.000 euros anuais, que se elevan este ano ata os 57.500
Dende a perda do aval comunitario, o custo anual da adhesión ás bandeiras azuis que cada concello solicita se así o desexa para as súas praias non deixou de subir. Así, por exemplo, no ano 2000 a Xunta de Fraga achegou uns 13.200 euros, uns 16.500 en 2001 e 2002 e case 20.000 en 2003. O montante xa se redondeara ata os 25.000 euros no ano 2007 -baixo o mandato de PSdeG e BNG na Xunta- e subiu aos 30.000 en 2008. En 2009 o custo do convenio coa ADEAC chegou a 39.000 euros e dende 2010 veu custando 40.000 ata que neste 2023 chegou a nova tarifa, 57.500 euros.
Segundo consta no convenio rubricado por ADEAC coa Consellería de Medio Ambiente en xaneiro deste ano, o incremento do custo non implica novas obrigas por parte da asociación organizadora. Así, como nos convenios anteriores, a organización asume tarefas como "xestión e estudo das candidaturas de praias", a elaboración de informes sobre as augas, producir e entregar as bandeiras aos concellos que cumpren os criterios fixados ou elaborar diversos materiais divulgativos, entre outras.
A Xunta, pola súa banda, comprometeuse un ano máis a achegar os datos técnicos precisos sobre as augas das praias, intermediar entre ADEAC e os concellos ou organizar a cerimonia de entrega das bandeiras. Este evento adoita traer consigo custos adicionais aos do propio convenio coa ADEAC. Así, por exemplo, en 2019 só o alugueiro da carpa baixo a que se celebrou o acto nunha praia de Sanxenxo superou os 17.000 euros.
O Goberno galego liga un ano máis as bandeiras azuis á "xestión ambiental e sostibilidade" das praias aínda que a propia entidade que as concede admite que poden chegar a prexudicar a "espazos naturais fráxiles"
Á espera da celebración da entrega oficial das bandeiras, dende o pasado maio xa é coñecido que Galicia contará con 113 destes distintivos noutras tantas praias, ademais doutras 12 en portos deportivos. Ao anuncialo, a Xunta volveu afirmar que a bandeira azul está rexida por criterios como "calidade das augas", "seguridade e accesibilidade", "dotación de servizos" e tamén "xestión ambiental e sustentabilidade".
No entanto, a propia ADEAC vén admitindo na súa documentación oficial que nos seus criterios pesan máis os servizos ou os paneis divulgativos que os criterios ambientais, ata o punto de que "ocasionalmente pode suceder que a fraxilidade de certos espazos naturais non aconselle a concesión deste tipo de galardón", xa que "a afluencia dun maior número de visitantes pode poñer en perigo a fauna e flora ou os hábitats". Este relevante matiz é o que veñen sinalando dende hai anos organizacións ecoloxistas como Adega e o que motivou, tamén, que varios concellos galegos e doutros puntos do Estado renunciasen a participar no certame.