Catro anos da COVID en Galicia: a promesa de Feijóo dun monumento ás vítimas non chegou nin a tramitarse

Feijóo durante o debate de política xeral de 2021 no que prometeu un monumento ás vítimas da COVID-19 e documento oficial no que a Xunta recoñece que nin sequera o comezou a tramitar nunca co correspondente expediente administrativo, que non existe CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

O Goberno de Rueda confirma oficialmente que "non existe expediente administrativo" derivado do anuncio feito polo anterior presidente no debate de política xeral de 2021

O 4 de marzo de 2020 o Sergas anunciaba a deteccion do primeiro caso de coronavirus en Galicia. Chegaba unha pandemia que custaría a vida a centos de persoas, para as que ano e medio máis tarde, o 13 de outubro de 2021, o daquela presidente Alberto Núñez Feijóo anunciaba un monumento. No seu último debate de política xeral aseguraba que tiña "a intención de erixir un monumento de memoria que nos permita ter sempre presentes aos falecidos" pola COVID-19. Porén, aquel anuncio nunca pasou das palabras e o seu goberno nin sequera iniciou a tramitación da promesa. 

Así o confirma oficialmente o actual Goberno galego, que asegura, en resposta a unha petición de acceso á documentación formulada por Praza.gal ao amparo da Lei de Transparencia, que "non existe o expediente administrativo" correspondente. Unha resposta coa que desminte outra previa dada hai un ano pola Consellería de Sanidade que asegurara que se valoraran "distintas alternativas, formatos e lugar" pero que se adiara a súa concreción pola chegada de novas vagas da pandemia.

Homenaxe ás vítimas do coronavirus en Santiago o 13 de xuño de 2020 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Segundo dixera Feijóo, como un dos grandes anuncios daquel discurso [aquí o texto íntegro] no Parlamento, a súa intención era “erixir un monumento de memoria que nos permita ter sempre presentes aos falecidos, sexa homenaxe a todos os que traballaron no control da pandemia, recoñeza o éxito do proceso de vacinación e o comportamento da nosa xente e que, en definitiva, sirva de recordo para as xeracións vindeiras do que ocorreu, e tamén de exemplo por como respondemos”. 

Un ano despois daquela promesa, en outubro de 2022 este diario preguntou á Consellería de Sanidade pola súa concreción e a resposta obtida foi que “tras valorar distintas alternativas, formatos e lugar, chegaron dúas vagas máis de Covid" o que "obrigou a ralentizar o proxecto, polo que o proxecto retomouse e esperamos dar conta do mesmo”.

Un ano despois do anuncio Sanidade asegurou que valorara "distintas alternativas, formatos e lugar" e que o proxecto demorárase, pero agora a Xunta di que nunca houbo ningunha tramitación formal

Pero seguiu pasando o tempo sen que o monumento aparecese por ningures e o pasado outubro, dous anos despois da promesa, Praza.gal volveu preguntar por ela, desta volta directamente aos servizos de comunicación da Presidencia da Xunta, sen obter ningunha resposta. Tampouco o presidente Rueda mencionou a cuestión no seguinte debate de política xeral, o primeiro con el como presidente. Así que este diario formuloulle directamente a pregunta e a súa resposta, en contra do que dicía un ano antes Sanidade, foi que "non hai previsión de execución polo menos durante o ano 2024". "Non digo que se desbote, pero desde logo o ano que vén non hai previsión de facer ese monumento, o cal non quere dicir en absoluto que haxa unha desconsideración ás vítimas", dicía o presidente.

Entrega da Medalla de Galicia 2021 ao persoal do dispositivo de vacinación contra a COVID CC-BY-SA Ana Varela / David Cabezón | Xunta

Ante esta situación Praza.gal decidiu averiguar se nalgún momento houbo algo máis que unha simple promesa verbal incumprida do presidente Feijóo e presentou, ao amparo da Lei de Transparencia, unha petición de acceso "ao expediente administrativo que abrise calquera departamento da Xunta" relativo ao anuncio do debate de política xeral de 2021. A petición foi formulada á Presidencia da Xunta, por ser a promesa lanzada polo presidente Feijóo, pero ese departamento derivouna á Vicepresidencia Primeira e a resposta agora emitida é asinada pola secretaria xeral dese departamento, a ex-conselleira Elena Muñoz. 

Nesa resolución oficial a Xunta comeza lembrando que o 13 de xuño de 2020 a Xunta organizou unha homenaxe ás vítimas en Santiago. Despois, o 24 de xullo daquel mesmo 2020 as Medallas de Galicia recoñecían aos profesionais da sanidade galega implicados na atención da pandemia. E un ano máis tarde, o 24 de xullo de 2021, as mesmas Medallas de Galicia recoñecían ás persoas implicadas no dispositivo de vacinación

Resposta oficial da Xunta á petición de acceso, ao amparo da Lei de Transparencia, ao expediente correspondente á promesa de Feijóo dun monumento ás vítimas da COVID-19 CC-BY-SA Praza Pública

Sobre o monumento, a Xunta di, como argumentou Rueda hai catro meses, que non hai unha partida orzamentaria para este 2024 dedicada a tal fin. E finalmente acaba resolvendo que non pode dar resposta á petición de transparencia de acceso á tramitación que tivese a promesa de Feijóo "por falta de obxecto, xa que non existe o expediente administrativo ao que fai referencia" a petición.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.