Unha muller e tres menores morren en Vigo nun incendio nun edificio

O suceso tivo lugar neste edificio da rúa Afonso X o Sabio © Google

Ademais das catro persoas falecidas, nove feridas foron trasladadas a centros hospitalarios. No edificio vivían unhas trinta persoas

Un incendio nun edificio acabou coa vida de catro persoas -unha muller de 30 anos e tres dos seus fillos, de 11, 12 e 14 anos- esta noite en Vigo, na rúa Afonso X o Sabio do barrio das Travesas. Hai, ademais, nove persoas feridas, que foron trasladadas a centros hospitalarios e seis delas atópanse na UCI. No lugar foron atendidas, así mesmo, outras sete persoas. No edificio vivían unhas trinta persoas e as persoas que non necesitaron atención médica xa foron realoxadas no albergue municipal de Marqués de Valterra.

A Policía está a investigar o posible carácter intencionado do incendio e as sospeitas céntranse nun home que residiu no inmoble ata hai uns días e que supostamente foi expulsado dun dos apartamentos. O incendio orixinouse na entrada do edificio, que consta de cinco andares.

O suceso tivo lugar neste edificio da rúa Afonso X o Sabio © Google

A Policía está a investigar o posible carácter intencionado do incendio, un extremo que a concelleira Patricia Rodríguez non quixo confirmar

Os bombeiros desprazáronse ao lugar ás 4 da madrugada e sufocaron as lapas ao redor das 7 da mañá. Tamén interviron efectivos do 061, e das policías Local e Nacional. Tamén están a traballar o grupo de profesionais e Psicoloxía do Grupo de Intervención especializado en situacións de grave emerxencia (GIPCE) que veñen colaborando co operativo desde as primeiras horas -xunto cos servizos municipais- no albergue habilitado polo Concello.

Ao lugar desprazáronse igualmente o alcalde, Abel Caballero e os edís Patricia Rodríguez (delegada da área de Seguridade) e Carlos López Font, ao igual que o delegado do Goberno central en Galicia, Pedro Blanco. Patricia Rodríguez non quixo confirmar se as forzas de seguridade están a investigar o incendio como provocado e recomendou "deixar traballar os profesionais". 

Nos últimos meses colectivos veciñais e o PP denunciara que o inmoble se atopaba ocupado ilegalmente e os bombeiros sinalara a perigosidade do edificio, onde xa se rexistraran pequenos incendios

Nos últimos meses colectivos veciñais e representantes locais do Partido Popular denunciaran que tanto o edificio afectado polas chamas coma o anexo se atopan ocupados ilegalmente. Miguel Martín, concelleiro do PP, sinalou ademais que neles se levan a cabo actividades ilegais, como "trapicheo de drogas" e que moitas das persoas que residen no inmoble vivían "en condicións de insalubridade".

De igual xeito, os bombeiros víranse tamén obrigados a intervir "en tres ou catro ocasións" nos últimos meses por pequenos incendios.

"Non é momento de especulacións morbosas nin de culpabilizacións apresuradas", destacou o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas

O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, trasladou que se puxo ao dispor do goberno vigués dende primeira hora da mañá e que “contrastou” coa concelleira de Política Social como é o dispositivo de emerxencia despregado polo concello para a atención ás vítimas. “Dende o BNG cremos esa ten que ser a prioridade, que non é momento agora de especulacións morbosas nin de culpabilizacións apresuradas”, asegurou.

O delegado do Goberno, Pedro Blanco, visitou o lugar do suceso a primeira hora da mañá © Delegación do Goberno

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.