EAPN-Galicia presentou este martes o informe O Estado da Pobreza en Galicia 2023, que amosa unha mellora dos principais indicadores grazas á aplicación do "escudo social", que pide manter
Máis de 636.000 persoas residentes en Galicia, o 23,6% da poboación, estaba en risco de pobreza e/ou exclusión social o pasado ano. A cifra supón unha mellora con respecto aos anos anteriores e representa unha proporción inferior á media española, pero pon o foco nunha realidade incontestable e ás veces incómoda: en Galicia unha cuarta parte da poboación é pobre, con especial incidencia na infancia, na mocidade e nas mulleres, e en boa medida a súa situación está cronificada e non amosa signos de mellora, por exemplo no que atinxe ao acceso á vivenda.
EAPN-Galicia, a rede galega contra a pobreza que forma parte da rede europea, presentou este martes o informe O Estado da Pobreza en Galicia 2023, que amosa unha mellora dos principais indicadores grazas á aplicación do "escudo social", que pide manter. Na presentación, a presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo quixo recoñecer o papel amosado polo conxunto das diferentes administracións na loita contra a pobreza e a exclusión e destacou que “hoxe habería 711.000 galegas e galegos na pobreza e non 485.000 de non ter existido o compromiso político e orzamentario tanto do goberno central (con medidas como os ERTE ou o Ingreso Mínimo Vital) como da Xunta asegurando a RISGA ou implantando a exitosa Tarxeta Básica ou a educación universal e gratuit para nenos e nenas de 0 a 3 anos.”
EAPN destaca que "2022 supón un ano de continuidade dentro da gravidade da situación" no que atinxe ás dificultades de acceso a unha vivenda digna e "reflicte a moi limitada actuación das administracións públicas galegas"
A entidade destaca que, efectivamente o número de persoas en situación de pobreza ou exclusión descendeu en 42.000 dende o 2021e que a taxa galega (23,6%) segue por debaixo da media estatal (26%), unha mellora debida ao "relativo éxito das medidas de choque contra a pobreza tanto a nivel estatal (ERTE ou Ingreso Mínimo Vital) como na Xunta (mantemento RISGA ou, sobre todo, a Tarxeta Básica), concellos e organizacións do Terceiro Sector de Acción Social".
Porén, o informe lembra que con estes datos Galicia "mantense lonxe do cumprimento do acordado na Axenda 2030, para a cal, no 2022, tería que haber unhas 114.000 persoas menos en situación de risco de pobreza e/ou exclusión social". Así mesmo, destaca que continúa a importante fenda de xénero na pobreza: no 2022 estaban en risco de pobreza e/ou exclusión social 287.000 homes e 348.500 mulleres.
“Non hai ningunha razón económica obxectiva e si unha decisión política malintencionada para non aumentar os orzamentos autonómicos adicados á implantar medidas de emerxencia para o acceso a produtos básicos ou á RISGA", dixo Ana Pardo
A este respecto, Ana Pardo esixiu un potenciamento das políticas de loita contra a pobreza en Galicia. E sinalou que “non hai ningunha razón económica obxectiva e si unha decisión política malintencionada para non aumentar os orzamentos autonómicos adicados á implantar medidas de emerxencia para o acceso a produtos básicos ou á RISGA". Engadiu que "non é admisible levar mais de 600 días incumprindo a Lei de Impulso Demográfico sen implantar o urxente plan de apoio ás familias monoparentais ( o 49,2% seguen na pobreza) ou para asegurar o acceso á vivendas dignas e accesibles”.
A vivenda, na base do problema de pobreza e exclusión
O estudo de EAPN-Galicia incide especialmente nas dificultades de acceso a unha vivenda digna. Así, destaca que o 24,5% das persoas en pobreza dedican máis do 40% da súa renda dispoñible a gastos de vivenda, unha porcentaxe que se mantén inalterable dende hai anos. En contraposición, entre as persoas que non se atopan en situación de pobreza, tan só o 0,6% ten que dedicar máis do 40% da súa renda aos gastos da vivenda. O estudo tamén salienta que a falta de espazo na vivenda afecta en maior medida ás persoas en situación de pobreza e, sobre todo, "afecta con máis intensidade aos fogares con nenos, nenas e adolescentes".
Aumentou de maneira moi preocupante a porcentaxe de persoas que non pode manter a vivenda a unha temperatura axeitada, que pasou dende o 6% no 2019 a un 19,4% no 2022 alcanzando a cifra máis elevada dende o 2015
EAPN destaca que "2022 supón un ano de continuidade dentro da gravidade da situación" no que atinxe ás dificultades de acceso a unha vivenda digna e "reflicte a moi limitada actuación das administracións públicas galegas". A Rede Galega contra a Pobreza leva anos poñendo o foco na "emerxencia do acceso a unha vivenda digna", como fixo nas últimas eleccións municipais ou a través de varios informes.
O informe explica que a situación de emerxencia residencial na que viven milleiros de familias galegas obsérvase no empeoramento dos conceptos que teñen relación coa vivenda dentro do indicador de Privación Material e Social Severa. O indicador de Privación Material e Social Severa sitúase no 6,3% da poboación, lixeiramente superior ao dato do ano anterior (6,2%). Para EAPN Galicia, "este dato, o de cálculo mais recente, é preocupante porque por unha banda reflicte xa o impacto da crise motivada pola inflación, o encarecemento dos combustibles e especialmente as dificultades de acceso á vivenda, pero pola outra detecta tamén o relaxamento da medidas de loita conta a pobreza e exclusión social, como a Tarxeta Básica".
O informe salienta que a taxa de pobreza se ampliaría a case a metade da poboación, chegando ao 48,6%, de non haber transferencias públicas en Galicia
Indo ao detalle dos diferentes conceptos que abrangue este indicador, destaca o aumento constante da porcentaxe de persoas que manteñen atrasos no pagamento de gastos de vivenda principal , que pasou do 5,6% no 2019, ao 8,5% no 2020 e ao 9% no 2021, producíndose un novo aumento no 2022 ata o 9,4%. Igualmente, aumentou de maneira moi preocupante a porcentaxe de persoas que non pode manter a vivenda a unha temperatura axeitada, que pasou dende o 6% no 2019 ata o 9,6% no 2020, a un 13,1% no 2021 e un 19,4% no 2022 alcanzando a cifra máis elevada dende o 2015.
A metade das pensións, por debaixo do límite para non ser pobre
O informe salienta que a taxa de pobreza se ampliaría a case a metade da poboación, chegando ao 48,6%, de non haber transferencias públicas (Estado, Xunta ou concellos) en Galicia. Entre estas transferencias públicas están as pensións, malia a súa reducida contía en moitos casos.
O estudo detalla que 364.814 galegas e galegos reciben unha pensión cun importe inferior ao mínimo considerado para non ser pobre (721 euros ao mes), o 47,4% do total
Así, o estudo detalla que 364.814 galegas e galegos reciben unha pensión cun importe inferior ao mínimo considerado para non ser pobre (721 euros ao mes), o 47,4% do total. E un 20,5% delas están en pobreza severa, o que supón un total de 158.038 persoas. Así mesmo, o 60,5 % das pensións de viuvez, a inmensa maioría correspondentes a mulleres, teñen un importe inferior ao limiar de pobreza. A situación en Galicia é bastante peor que a que se rexistra no conxunto do Estado, 11,6 puntos peor; na media estatal, o 35,8% do total de prestacións que reciben as persoas pensionistas atópanse por debaixo do limiar da pobreza.
Ana Pardo, quixo agradecer tamén “ás e ós profesionais e voluntarias se deixaron e se están a deixar a pel por defender os dereitos e a dignidade das persoas mais vulnerables: nos servizos sociais comunitarios, na Consellería de Política Social pero sobre todo nas organizacións do Terceiro Sector de Acción Social, buscando solucións para paliar esta realidade”
“Pero o agradecemento xa non basta. Cando dende as entidades do Terceiro Sector de Acción Social e dende redes como EAPN Galicia reclamamos o Dialogo Civil, queremos que se recoñeza o noso papel como organizacións creadoras de valor económico e social e emprego e que son, de facto, imprescindibles e garantes do sistema de servizos sociais e de acceso ao emprego e a vivenda", engadiu.
Apenas unha de cada cinco persoas en risco de pobreza (pouco máis de 40.000) teñen acceso a unha prestación, 6.247 perceptoras da Risga, 3.283 de axudas de inclusión (AIS) e 33.013 do Ingreso Mínimo Vital (IMV)
CCOO aposta por reforzar Risga e IMV, que só chegan ao 20% das persoas pobres
Co gallo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, CCOO elaborou un estudo sobre a pobreza en Galicia. Entre as principais conclusións do informe está a de que apenas unha de cada cinco persoas en risco de pobreza (pouco máis de 40.000) teñen acceso a unha prestación, 6.247 perceptoras da Risga, 3.283 de axudas de inclusión (AIS) e 33.013 do Ingreso Mínimo Vital (IMV). Ademais, o sindicato cualifica de "especialmente preocupante" a situación das persoas pensionistas, pois a contía de máis de metade das pensións está por baixo do limiar da pobreza, cifrado en 10.088 euros anuais para unha persoa soa.
CCOO leva anos reclamando a modificación das renda autonómica de inserción (Risga) para facela compatible co ingreso mínimo (IMV) e, este xeito, "cubrir aquelas situacións onde este non chega"
"Mídase como se mida, os niveis de pobreza alcanzan cotas inadmisibles socialmente", advirte o sindicato, que avoga por aproveitar as etapas de crecemento económico "para desenvolver políticas que combatan a pobreza e a desigualdade". Neste grave contexto, "as redes de protección social deben desempeñar un papel determinante", sinala Maica Bouza, secretaria de Política Social de CCOO, que destaca que o sistema público de pensións e de protección por desemprego e as rendas de inserción "deberían cubrir as necesidades básicas das persoas, en especial das que se atopen en situación máis vulnerable".
Neste senso, CCOO leva anos reclamando a modificación das renda autonómica de inserción (Risga) para facela compatible co ingreso mínimo (IMV) e, este xeito, "cubrir aquelas situacións onde este non chega". CCOO sinala, seguindo o informe 'Segunda opinión sobre o IMV' elaborado pola AIRF, que o Ingreso Mínimo Vital "despregou só unha parte do seu potencial, pero ten percorrido para se converter nun instrumento máis potente na loita contra a pobreza".