A Rede Galega contra a Pobreza pon o foco no 28M na "emerxencia do acceso a unha vivenda digna"

Infravivenda no termo municipal da Coruña © EAPN-Galicia

EAPN Galicia presentou as súas demandas e propostas para as formacións que concorren ás eleccións do 28M, que se resumen en 5 principios e 8 prioridades para reducir a pobreza e a exclusión nos concellos

EAPN Galicia - Rede Galega contra a Pobreza presentou o pasado venres as súas demandas e propostas para as formacións políticas que concorren ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, unhas reivindicacións que se resumen en 5 principios e 8 prioridades para reducir a pobreza e a exclusión nos concellos. As entidades que compoñen a rede destacan que "ante a gravidade da emerxencia do acceso a unha vivenda digna e accesible que xa afecta á maioría das persoas en pobreza" as principais propostas e medidas poñen o foco en "asegurar a inclusión residencial", unha cuestión de máxima actualidade nas últimas semanas coa aprobación da nova Lei de Vivenda e os proxectos do Goberno español para multiplicar a actual oferta de vivendas púbicas e asequibles.

A rede pregúntalles ás distintas formacións políticas que optan a gobernar nos 313 concellos de Galicia "Cantas vivendas se comprometen a facilitar na vindeira lexislatura?", "onde van estar situadas?" e "como pensan afrontar cada unha das problemáticas que afectan ao acceso á vivenda digna e accesible?

Vivenda con problemas de accesibilidade. Dhafinny Lima, 3º premio do Concurso #Emerxencia vivenda © Dhafinny Lima

Ante "a gravidade da emerxencia do acceso a unha vivenda digna e accesible que xa afecta á maioría das persoas en pobreza", as principais propostas e medidas poñen o foco en "asegurar a inclusión residencial"

EAPN-Galicia fai un chamamento a diminuír neste mandato municipal a taxa de persoas que se atopan en risco ou situación de pobreza e exclusión nos concellos galegos, que na actualidade rolda o 25%, co obxectivo de que no ano 2030 esta taxa se reduza ao 14%, tal e como recolle a Meta 11 do Plan Estratéxico Galicia 2022-2030. Para isto demanda que os concellos aumenten a partida de Actuacións de Protección e Promoción social como mínimo nun 20% sobre o gasto executado no 2021.

EAPN-Galicia pidde diminuír neste mandato a taxa de persoas que se atopan en risco ou situación de pobreza e exclusión nos concellos galegos, que na actualidade rolda o 25%, co obxectivo de que no ano 2030 se reduza ao 14%

Ademais, pídelles aos gobernos municipais que saian das eleccións do vindeiro 28 de maio que asuman cinco principios: respecto á dignidade das persoas en risco de pobreza ou exclusión, evitando discursos de culpabilización, aporofobia, mágoa ou a compaixón; aplicar o enfoque de Inclusión Activa non asistencialista, garantindo servizos de primeira atención e o fortalecemento dos Servizos Sociais Comunitarios; fomentar a máxima coordinación interadministrativa e corresponsabilidade política e técnica; normalizar o diálogo civil coas organizacións do Terceiro Sector de Acción Social; e non admitir o lucro na loita contra a pobreza e a exclusión.

Así mesmo, reclama que os Gobernos locais asuman oito prioridades, encabezadas pola vivenda digna e accesible e polas actuacións contra a exclusión residencial, sinalando que "a obra pública municipal prioritaria nos orzamentos de investimentos debe ser a accesibilidade e á vivenda digna". Igualmente, demanda "a redución drástica da burocratización extrema" e o establecemento dun Plan integral de loita contra a pobreza e pola inclusión residencial, social e laboral das persoas en vulnerabilidade.

Interior dunha infravivenda © Provivienda

EAPN reclama que os Gobernos locais asuman oito prioridades, encabezadas pola vivenda digna e accesible e polas actuacións contra a exclusión residencial, sinalando que "a obra pública municipal prioritaria debe ser a accesibilidade e á vivenda digna"

En quinto lugar, esixe "loita efectiva contra a pobreza e exclusión en familias con nenos e nenas" e implantar un programa de emprego municipal para persoas en situación de exclusión que evite a dispersión de medidas e esforzos. Ademais, pide implantar medidas de atención e protección das mulleres vítimas de violencia machista, en especial as que están en situacións máis extremas como trata, prostitución ou exclusión severa. E, finalmente, aposta por manter servizos básicos contra a exclusión territorial e a pobreza rural: sanitarios, sociais, educativos, transporte ou vivenda e erradicación da fenda dixital.

Vídeo: así malviven milleiros de galegos sen vivendas dignas

A campaña compleméntase cun vídeo no que persoas expertas das diferentes entidades especializadas de EAPN Galicia presentan a gravidade da emerxencia residencial

A campaña compleméntase co vídeo Así malviven milleiros de galegas e galegos sen vivendas dignas e accesibles. #EmerxenciaVivenda, no que persoas expertas das diferentes entidades especializadas de EAPN Galicia presentan a gravidade da emerxencia residencial: infravivenda e chabolismo, senfogarismo, falta de accesibilidade universal, deficiencias nas condicións de habitabilidade das vivendas e insalubridade, escasa emancipación da mocidade, abandono do medio rural, desafiuzamentos, vivenda baleira ou o ínfimo parque de vivenda social.

O vídeo remata con tres preguntas: "Cantas vivendas se comprometen a facilitar na vindeira lexislatura?", "onde van estar situadas?" e "como pensan afrontar cada unha das problemáticas que afectan ao acceso á vivenda digna e accesible?

O vídeo, que remata coas tres preguntas que a Rede formula aos partidos políticos, está conducido pola súa presidenta, Eloina Ingerto, que fala da vivenda como aspiradora de rendas e o seu vicepresidente, Daniel Bóveda, que presenta a problemática dos desafiuzamentos, a vivenda baleira e o ínfimo parque de vivenda social. 

Tamén participa Eva Vera, da Fundación Secretariado Xitano, que fala sobre infravivenda e chabolismo; Ana Álvarez da Fundación Érguete, que intervén sobre Senfogarismo; Javier Hermida da Federación Alzheimer Galicia, que fala de accesibilidade universal; Verónica Castrillón de Provivienda que trata as deficiencias nas condicións de habitabilidade das vivendas e insalubridade; Paula Tajuelo da Fundación Esplai, que fai fincapé na "misión imposible" que hoxe supón a emancipación da mocidade; e, finalmente, Tamara Balboa do Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas, que fala sobre a vivenda no rural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.