O 97% das 109 solicitudes de información recibidas polo Consello da Avogacía en 2024 ao abeiro do convenio pagado por Vivenda estiveron ligadas a desafiuzamentos, problemas co alugueiro ou axudas neste ámbito
No ano 2021 a Xunta asinou co Consello da Avogacía Galega (CAG), a entidade que agrupa os colexios galegos de avogacía, un convenio para abrir e manter durante un ano un consultorio de "atención xurídica" gratuíta para "afectados pola ocupación ilegal da súa vivenda e elaborase unha guía sobre a cuestión. Doce meses despois, o Goberno galego admitiu que o servizo recibira apenas 30 consultas, un resultado que a Consellería que daquela tiña as competencias na materia admitía que podía semellar "discreto", pero que valoraba como "satisfactorio".
Nos anos seguintes este convenio foi renovado en varias ocasións, pero con novidades. De 27.000 euros pasou a algo máis de 50.000 euros por edición. Xunto á liña antiocupacións incluíu tamén outra liña de consultas sobre desafiuzamentos, servizo que a propia Xunta xa ofrecera no pasado e despois cancelara. En 2024 sumou ademais o servizo de intermediación con grandes propietarios para persoas en risco de desaloxo, estipulado na lei estatal de vivenda.
Nese último ano completo, o 2024, a actual Consellería de Vivenda cifrou en 109 o total de consultas recibidas ao abeiro do acordo, financiado con 54.600 euros para atender por teléfono ou a través de internet. Apenas tres delas tiveron que ver con ocupacións ilegais, asunto que tanto a Xunta coma o PP manteñen en primeira liña política malia a súa escaseza, acreditada reiteradamente polos datos oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial.
Tras publicar que o servizo recibira 109 peticións de información, a Consellería accede a especificar a súa tipoloxía, aínda que só porcentualmente. As relacionadas con ocupacións ilegais quedaron nun 3,2%
Despois de que, o pasado 21 de xaneiro, Vivenda ofrecese un balance xeral do convenio, anunciase a súa renovación para 2025 por 61.050 euros e divulgase o total de 109 consultas, Praza.gal solicitou ao departamento que dirixe María Martínez Allegue os datos desagregados pola tipoloxía das consultas: risco de desafiuzamentos ou ocupacións ilegais. Tras reiterar esa petición en dúas ocasións máis, este 12 de febreiro a Consellería ofreceu como resposta un informe do Consello da Avogacía que desagrega porcentualmente ata 16 tipos de consultas.
Aínda que o documento non ofrece cantidades absolutas, o feito de que a Xunta si divulgase en xaneiro a suma total permite calculalas de forma sinxela. Segundo o Consello da Avogacía, as consultas sobre "situacións de ocupación non consentida en vivendas de particulares" foron un 3,2%. Dando por bo o devandito total de 109, o resultado sería 3,48, do que cabe deducir que durante toda a vixencia do convenio tiveron que dar resposta a tres ou, como moito, catro preguntas sobre esta cuestión -as porcentaxes do informe non van alén do primeiro decimal, o que impide afinar máis o cálculo-.
O propio Consello da Avogacía evidencia que "a maior parte das consultas atenden a situacións de risco de perda da vivenda, tanto por procedementos de desafiuzamento como por execucións hipotecarias ou finalización de contratos de alugueiro". E o outro grupo que destaca sobre o total foron solicitudes de asesoramento sobre "cuestións vinculadas á habitabilidade, a reclamacións por deficiencias na vivenda e ás obrigas legais dos propietarios e inquilinos".
"A maior parte das consultas atenden a situacións de risco de perda da vivenda, tanto por procedementos de desafiuzamento como por execucións hipotecarias ou finalización de contratos de alugueiro", salienta o Consello da Avogacía
Así, o grupo de consultas máis abondoso tiña por obxecto "evitar a perda da vivenda habitual", cun 16% do total (unhas 17 consultas). A continuación situáronse as que pedían información sobre "duración dos contratos" de alugueiro, subas de prezos ou "dereitos dos arrendatarios" para non ter que abandonar o piso por estas causas, cun 12% (equivalerían a unhas 13 consultas).
Reclamacións en vivenda alugadas como incumprimentos nas devolucións das fianzas (8%), situacións de vulnerabilidade xeral para acceder á vivenda (7,2%) ou riscos de desafiuzamento por execucións hipotecarias (7,2%) destacan tamén na lista. Nela, unicamente as consultas en materia de rehabilitación de vivendas (2,4%, isto é, unhas dúas consultas) foron menos frecuentes que as ligadas ás ocupación ilegais.
![](https://praza.gal/storage/uploads/convenio-cag-930dc62.jpeg)
En síntese, como amosa o gráfico que acompaña estas liñas, atendendo aos datos do Consello da Avogacía máis da metade das consultas recibidas durante 2024 (arredor dun 52%) estaban vinculadas a condicións do alugueiro ou axudas para o acceso á vivenda. Outro 47% estivo ligado especificamente a persoas en risco de desafiuzamento. En total, arredor dun 97% de consultas alleas ás ocupacións ilegais que o Goberno galego chegou a situar como "principal" demanda galega ante o Goberno de España en materia de vivenda.